lunes, 9 de noviembre de 2020

A raposiña de Morás: a arpía galega

Veño de ler o interesante resumo que tivo a amabilidade de enviarme o músico e investigador asturianista Daniel García de la Cuesta sobre a etimoloxía da palabra harpa, parte da monografía que ten adicada a este instrumento musical (Harpa y la so presencia n'Asturies, 2004). Nel saen as arpías, e as raposas. Como podería eu concretar e visualizar máis claramente a relación entre elas? Entón, dándolle voltas ó asunto, non me quedou máis remedio que lembrar a historia da raposiña de Morás que conta don Antonio de la Iglesia nun dos seus papeis manuscritos, case que ilexibles, polo costume que tiña o erudito de escribir os seus apuntes a xeito de palimpsestos, sobre vellos impresos, cun feixe de incisos intercalados e chamadas.

A raposiña de Morás é unha figura da mitoloxía galega prácticamente descoñecida, antiquísima e en perigo de extinción. Ten moitos outros nomes*: raposiña do Morrazo, raposiña das Mordazas, raposa dos Morganzos, etc. O único estudo longo que se lle ten adicado é o de Aitor Freán Campo, onde a equipara có Cancerbeiro: "El Urco en Galicia y Asturias: análisis y caracterización", Boletín de Literatura Oral, 14/07/20.

Pasamos entón á ler a miña transcrición, lixeiramente modernizada nas grafías e certamente incompleta aínda que respetuosa co orixinal, da historia da raposiña de Morás, contada por don Antonio de la Iglesia a finais do século XIX. Veremos que as características da raposiña son as mesmas dunha arpía grega (cfr.): un ave de rapiña hibridada morfolóxica e etimolóxicamente coa raposa, que, como as arpías, secuestra e conduce as almas ó Alén. Aplicamos, entón, a proposta de García de la Cuesta ó noso ámbito territorial e comprobamos que nel existiu o mito prehistórico dos secuestradores de almas que veñen polo aire. O mito tería xurdido, segundo pensamos, nos albores da humanidade da observación do comportamento das aves rapaces e carroñeiras.

Aparición da raposiña de Morás na carballeira de San Lourenzo (Santiago de Compostela)

No medio do campo e carballeira de San Lourenzo hai unha peneda disforme que era moitismo máis grande noutro tempo, mais fóronlle metendo barrenos e barrenos nas entrañas e sacando anaquiños para a obra do convento, e quedou así esmornada e redocida segundo se ve. Extendíase ademáis a citada peneda polo que agora lle chaman a Poza dos Cans [...]. Frente ó lado norte da Poza corre a liña de casas chamadas do Penal, construídas en alto enriba da peneda [...]. Tómase alí ben o sol no inverno, e queda a costume de sempre sentarse a parolar alí a xente, aunque sea de noite.

Sucedeu nunha delas que vellos e mozos tantos contos e casos alí contaron, que se foi pasando sin sentir gran parte dunha noite oscura, aunque temperada e serena; e tan distraídos estaban que, ou fose por esto, ou polo vento contrario, non sentiron hora ninguna do reló da catedral, e pasaba xa da media noite cando ouviron un grito, un ¡ai! no ceo, encima deles, que os obrigou a calar e mirar para riba. E viron que viña do norte a raposiña de Morás polo aire, botando llamas pola boca, e, que sin deterse, foi a dar o segundo grito ó pasar por encima da torre do convento, e o terceiro ¡ai! aló por encima do Pinal e montes da Curitaina e do Agrasán.

Habíanse levantado todos os circunstantes có asombro, e o máis ancián deles, que se chamaba D. Roque, a petición dos outros [...] dirixen uns Pater Nósteres, Ave Marías e Gloria Patries, que rezaron por todas as benditas almas do Purgatorio, marchándose seguidamente cada un para súa casa, preocupados e conmovidos, que apenas poideron dormir en todo o resto da noite. A alma tan delorosamente en pena, simbolizada na raposiña de Morás, foi un motivo máis que suficiente e poderoso para traer, como trouxo, por uns días, tristes, macilentos, abatidos e meditabundos ós da tertulia do Penal de San Lourenzo [...] (Folk-Lore gallego : os aparecidos. III-IV, 1890).

Baixorrelevo asirio dun voitre psicopompo levando os intestinos dun morto ó Alén - British Museum, século VIII a.C. (C) Dolores González de la Peña, 2013.

Estes espíritus que veñen polo aire, precursores da morte, aparecen indirectamente no céltico insular na denominación dos espanta-bruxas coñecidos como sheela-na-gigs. Lembramos o complicado que é achegarse ó spelling das linguas goidélicas, nas que para o caso que nos ocupa o aire / vento é  geay en manés e gaoth en irlandés, e que a pronunciación é [ɡiː]. Suxerimos por elo que nun dos spellings populares da figura, Síle na Ghaoth (Tipperary), consérvase o significado verdadeiro que a vencella cos espíritus que veñen polo aire anunciadores da viaxe ó Alen, ós que ela pretende afunguentar amosando a súa vulva: a vida frente á morte.

*Leite de Vasconcelos nas Tradições populares de Portugal (1882) fala da Zorra de Odeloca ou Zorra Berradeira como criatura mítica do Algarve, considerada como un alma en pena. Trátase dun paxaro que chega ó Algarve no verán e cuxos berros imitan ós da raposa. Para o etnógrafo, a tradición é vestixio da crenza segundo a cal as almas dos pecadores transfórmanse en varios animais que vagan polos campos e cemiterios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario