lunes, 16 de noviembre de 2020

A legua do frade: a demarcación territorial cunha pel de boi

A Legua do Frade é unha variante do conto cuxa versión máis antiga coñecida é a alusión na Eneida ó mito da fundación de Cartago pola raíña Elisa (Dido). Na variante galega, segundo lemos na obra de Vítor Vaqueiro (Guía da Galiza Máxica), un frade procedente de Armenteira quixo fundar unha igrexa no lugar da Barcia do Seixo (A Lama) e o arcebispo deulle unha pel de touro, para que escollese un terreo igual ó tamaño do coiro. Bastante pequeniña ía ser a igrexa fundada nunha superficie equivalente á do coiro... Pero entón, o frade colleu a pel e cortouna en finísimas fitas que uniu con nós ata formar unha correa dunha legua de lonxitude, coa que atinxiu un territorio moito maior para a súa fundación. A tradición sinala que foron os mesmos frades os que fixeron as mámoas da Portela da Cruz, como marcos de delimitación do territorio da Legua do Frade.

Coma no caso da lenda da fundación de Cartago, o espazo limitado polo frade coa súa correa de coiro de boi foi seguramente circular, xa que para unha mesma lonxitude perimetral a área abarcada é a máxima posible se a figura é circular, tanto como aproximadamente 1/4 máis da superficie contida nun cadrado de igual lonxitude de contorno. Isto é evidente e non fai falla ser matemático para sabelo.

Nun traballo de Rosario Soto Arias ("Da raíña Lupa e da tradición xacobea", Garoza, nº 3, 2003) refírese outra lenda semellante. Unha das informantes da autora, María Xesús Fernández Lopo, "sempre oíra dicir que esta Lupa foi a que collera unha pel de touro, e facendo estreitísimas tiras con ela, marcara os límites iniciais de Compostela". Na variante que recolleu Bouza Brey (1928) e que atopamos no estudio de Quintela e Santos-Estevez (Santuarios de la Galicia céltica, 2008, pg. 127) cóntase que cando Santiago quixo erguer unha catedral "escolleu unha grande carballeira e foi arrincando os carballos de ela, un por un con unha man sómente. Dempois estendeu unha pelica non chan, marcou os lindeiros onde se tiña que levantar a catedral e foi pondo as pedras todas".

O procedemento é o mesmo que se seguiu para formar os seles gandeiros do norte da Península Ibérica, de formar circular e cuxo perímetro foi medido nalgún caso con "un cuero de vaca o buey cortado en tiras a modo de cuerda" (Los seles de Busturialdea - Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, Rementería Arruza e Quintana Peña, 2010). De forma que, frente á pértega ou á cadea, ou ó lanzamento dunha machada, aínda conservamos documentado o vello sistema de medida cun coiro de boi nas fundacións dos curros gandeiros (sáas ou seles).

O motivo do conto, "The Ground is Measured with a horse's skin (ox-hide)" (AT2400), atópase espallado por moitas partes. Na Irlanda, na lenda de Lady Dubhdath: "Lady Dubhdath's tomb is still to be seen in the centre of Lagg Castle. She lived in Cahiramee and got a grand of land from her father, as much land as her pony's skin would cover" (The National Folklore Collection, University College Dublin). Tamén na do manto de Santa Bríxida: "Santa Bríxida vivía en Curragh e un día foi pedirlle a un rico granxeiro un anaco de prado para que pacese unha vaca. El preguntoulle canto sería... E ela dixo que o que puidese abarcar co seu manto. Ela extendeu o manto e cubriu un longo espazo de terra, que foi chamado Curragh" (The Schools' Collection: "How the Curragh was Formed"). Na India "la peau de la vache (gocarman) est, dans le Mahabharata, le vêtement du dieu Vishnu. Le gocarman, divisé en lanières renouées les unes aux autres, servit primitivement dans l'Inde à mesurer le contour des pièces de terre" (Gubernatis, Mithologie zoologique: Les legendes animales).

Boi fundacional na igrexa parroquial de Porzomillos.
(C) Onnega, 2006.

O coiro pode modernizarse nas versións máis recentes, transformándose nun pañuelo ou capa (Irlanda: A capa de Santa Bríxida), ou nuns calzóns ou polainiñas (Nova Iorque). Con 10 polainiñas valoradas en 60 moedas conseguiuse arrebatar a illa de Manhattan ós nativos americáns: a propósito do caso, Washington Irving conta a lenda da pel de búfalo, mais logo considéraa unha vella fábula. A realidade, segundo el, foi que os holandeses pediron tanta terra coma a que puidesen abranguer coa roupa interior dun home; os indios non contaban con que o home levaba postas 10 polainiñas, unha sobre outra coma capas de cebola.

No estudo de Andrew Newman, "The Dido Story in Accounts of Early Modern European Imperialism: An Antology" (Itinerario, V. 41, Special Issuee 1, 2017) temos algunhas das versións que se conservan do conto en América do Norte, África e Asia, entre elas, a adquisición da illa de Manhattan por 10 calzóns. Newman é partidario de considerar o conto pertencente ó tipo AT2400 coma un motivo cuxa dispersión vai ligada ó colonialismo europeo, principalmente español, portugués e holandés. Literalmente, terían sido os colonos os que lles "deron o pao" ós indíxenas seguindo o método da raíña Dido, que coñecerían pola vía culta (Virgilio, Eneida I, 368: "taurino quantum possent circumdare tergo").

Pola nosa parte, e aplicando algúns dos oito criterios establecidos na metodoloxía do profesor Xaverio Ballester para identificar os mitos de cronoloxía prehistórica ("Paradigma de la Continuidad Paleolítica", Liburna, nº 16-17, 2020, px. 19-48) pensamos que, en canto á motivación do mito, estamos ante unha lenda cuxa cronoloxía pode fixarse nun momento moi recuado do Paleolítico, cando o espazo que ocupaba un ser humano na súa comunidade limitábase únicamente ó que marcaba o seu coiro de durmir (de bóvido, preferentemente) extendido na cova, abrigo, cabana ou tenda. Nunha sociedade de cazadores - recolectores non fai falla máis. Coas novas formas económicas baseadas na gandeiría e a agricultura é necesario abranguer un territorio privado maior que ten que se delimitar. Este momento de cambio cultural é o tema central do conto AT2400. Nel relátase un choque cultural entre dúas concepcións que reflicten diferentes necesidades espaciais: a minimal dos cazadores-recolectores (que lles basta un coiro de boi como espazo persoal privado) e a territorial dos pastores e agricultores (que precisan máis espazo, teñen que estirar o coiro), entón xurde o malentendido que é a motivación do conto.

Outros dos criterios do profesor Ballester cadran coa enorme antigüidade do AT2400: a súa gran dispersión ("ya que un mito en condiciones normales y puramente orales ha necesitado de un gran lapso de tiempo para poder extenderse"), e, sen intención de esgotar os criterios, a súa variabilidade, ("como sucede en la genética y en la lengua, a mayor variabilidad interna tendremos mayor antigüedad"), que se manifesta no cambio que lle acontece á pel de boi - capa - calzóns, e ós actores, raíña Dido e rei mouro - frade e bispo - lady Dubhdath e o seu pai, etc.

Doutra banda, e seguindo as indicacións do profesor Ballester, que neste punto retoma as notas de D'Huy, observamos que o noso mito, ó espallarse tambén por América, tivo que formarse no momento en que "un antiguo puente terrestre conectaba la actual Alasca y Siberia oriental durante la edad del Hielo del Pleistoceno" (ib. px. 24). 

O vigor e vixencia da vella fábula paleolítica na Laurasia (nos estudos mitolóxicos paleolíticos: América e Eurasia) débese ós continuos movementos poboacionais. A fábula é probable indicador de movementos migratorios na prehistoria que aportan novas formas económicas e cambios culturais. É por elo que chegou case ata noso tempo, conservada viva na oralidade, e puido aplicárselle ó modo de establecemento dos colonos portugueses e españois nas súas expedicións ás Indias occidentais e orientais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario