viernes, 20 de noviembre de 2020

Fonteculler, Chafariz da Colher

O cullerón da fonte do mosteiro de San Lourenzo (Carballeira de San Lourenzo - Santiago) por don Antonio de la Iglesia:

"[...] as armonías do caer das augas da copiosa fonte, daquela fonte fresquísima que tiña no marco da súa porta, preso por unha cadea, o cullerón de ferro para vervizo do sedento visitante [...]" (A rejuba* de San Lourenzo : costumes folklórecos d'o país, 1888. En Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia).

Do que se deduce que os hidrónimos tipo Fonteculler (Culleredo) virían motivados tambén pola existencia en tempos pasados dun destes culleróns comunitarios para beber, tan pouco hixiénicos e que deberon ser bastante correntes nas fontes públicas. Non terían que ver, polo tanto, coa acepción de culher coma "cágado ou cría da rá"; hipótese que se ten barallado ó respecto da motivación destes hidrónimos.

Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia) atopa dous casos máis nos que se documenta o cullerón nas fontes:

  • Na Gran Enciclopedia Galega, Antón Fraguas (sub "fontes") testemuña o feito de que na romaría de Augasantas (Cotobade) os romeiros servíanse da gran culler de ferro da fonte santa, para beber e se lavar.
  • El mesmo chegou a ver na romaría bergantiñá de San Fins de Castro (Cesullas) as dúas culleres de ferro penduradas ó carón do cano da fonte santa.

Chafariz da Colher - Porto. (C) Wikipedia.

O Chafariz da Colher de Porto ven verquido ó castelán como "Fuente de la Cosecha" na Wikipedia, baixo a presunción de que colher era o nome que tiña o imposto colectivo có que se fixo a fonte. Notamos o perigo da moda de facer traducións dos topónimos seguindo unha ou outra proposta etimolóxica, que a maioría das veces non son outra cousa que hipóteses sen contrastar: *Fuente de los Renacuajos? *Fuente de la Cosecha? É necesario respetar o nome na súa lingua orixinal ata onde sexa posible fixar a forma, xa que é a base para aproximarse ó seu significado e, dende el, á historia. O significado poderá fornecerse con máis ou menos seguridade, mais non se pode constituir en variante do topónimo verquido a unha outra lingua, sobre todo cando non exista tradición que avale o dobre nome.

* O autor emprega sempre esta grafía, que agora se ven considerando reintegracionista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario