martes, 9 de febrero de 2021

Eskimo-basque, unha lingua creoula desaparecida, e as baleas boreais extinctas en Terranova

Segundo a memoria redactada por Monsieur de Planthion no ano 1700, seguindo os datos aportados polos seus informantes (os comerciantes de Saint Jean de Luz e Ciboure), os mariñeiros vasco-franceses de Saint Jean de Luz chegaron a Terranova antes que ninguén o fixera, na procura das baleas que xa ían sendo escasas nas costas do Golfo de Vizcaia. A narración é interesantísima, e foi editada aquí e acolá, deixando sen revelar algúns datos importantes que rescatamos do manuscrito conservado na BNF (Collection Margry, vol. adicado ós Voyages de découvertes).

En Terranova os vascos fixeron amizade cunha nación "appelée squimaux, qui a toujours eté, et qui est encore, intrátable pour toutes les autres nations; et comme leurs langages étaient absolument différents, ils formérent une espêce de langue franque composée de la Basque et des autres différentes langues des ces sauvages, par le moyen de la quelle ils s'entendaient fort bien tous".

Tamén atoparon, ademáis do tipo de balea que predominaba na costa oriental de Terranova, e denominaban sardaco baleac (pola súa tendenza a formar grupos, como as sardiñas), outra especie de cetáceo na bahía de San Lourenzo, que nomearon granbayaco baleac, posto que o nome que lle daban á bahía era Gran Baya. No Mar Glacial volven atopar esta segunda especie, que ven caracterizada na memoria por ser o dobre de grande que a sardaco baleac, con barbas longas proporcionadas ó seu tamaño. A graxa desta gran balea é líquida e crara, mentres que a graxa da balea sardiña é turbia. Dedúcese da descrición que era unha balea boreal, cuxo hábitat ía entón dende o golfo de San Lourenzo ata Groenlandia. Neste sentido caben destacar os traballos de William W. Fitzhugh no campamento baleeiro de Petit Mécatina onde só se atoparon restos da balea de Groenlandia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario