domingo, 7 de febrero de 2021

O caso do furto duns pelexos de viño en Rao (Navia de Suarna) polos de Candín (Valle de Ancares)

Os de Candín (Valle de Ancares) están a acusarnos de apropiación indebida do topónimo Ancares. E antes de contar a edificante historia que da título á entrada, vexamos un resumo da argumentación da acusación.

Segundo eles, Ancares non foi un topónimo galego ata fai ben pouco, cando llo roubamos co gaio de facer un couto de caza nos anos 60 do pasado século na zona denominada hoxe Os Ancares (Lugo). Ata entón, Ancares era descoñecido en Galicia. E dinno a pesares de o Porto de Ancares aparecer como límite das divisións territoriais de Galicia (condados) en documentos medievais xa desde o século VI: "inde ad aperturas proveheitur ad montes de Ibias, venitur vertens se ad Portum de Ancares, veniens ad Petram Caballar: finiturque in Paturnello" (ano 572).

A pesares de aparecer en vellos mapas o Porto de Ancares como límite entre Galicia, Asturias e León.

Porto de Ancares, Porto de Leitariegos, Porto de Somiedo e Porto de Ventana debuxados en 1767 por Antonio Sanjurjo Montenegro: Diccionario xeográfico de Tomás López. León, px. 819 do visor.
(C) BNE.

A pesares de aparecer os Picos de Ancares denomeando os montes preto de Cervantes ata en tarxetas postais escritas por turistas de principios do século XX.


"La pastorcita de Lama de Rei, Cervantes: para llegar a los Picos de Ancares se pasa por las orillas del río Cancelada. Hay allí hermosos sotos de robles y castaños y lugares de gran belleza, como este de Lama de Rei, donde posó para La Voz la joven pastora" (1936). (C) Biblioteca Galiciana.

Pois ben, a historia dos pelexos de viño que roubaron ou "interviron" os de Candín en Rao é como segue: "causa formada contra Domingo Fernández, alcalde de Candín, provincia de León, y otros, por haber invadido la venta del sur del Puerto de Ancares, correspondiente a la parroquia de Santa María de Rao, distrito municipal de Navia, provincia de Lugo, contra la voluntad del morador de la venta, llevándose varios pellejos de vino". No auto ponse de manifesto que o alcalde de Candín non tiña autoridade para intervir fóra do seu distrito, e que o dono do mesón tiña licencia concedida por parte do alcalde de Navia. Asimesmo, os límites dos concellos estaban ben claros dende 1833. E sen embargo, o gobernador de León fíxolle unha falcatruada ó xuiz de Fonsagrada para que se inhibise, dicíndolle que antes de xuzgar o alcalde de Candín había que revisar os límites outra vez... Finalmente, mediante sentenza do Consello de Estado declárase a nulidade desta competencia (Sentencias del Consejo de Estado, 1863).

Vemos nun documento legal de 1863 que o Porto de Ancares efectivamente existía onde sempre estivo. Nel había unha venta de viño, en Rao, que lles producía gran inquedanza os de Candín, como logo o couto de caza, e agora o nome de Ancares. Entón roubábanos o viño, e hoxe pretenden ser eles os únicos que teñen dereito sobre o topónimo Ancares, pois o expediente de cambio de nome do concello que se está a tramitar insírese nunha campaña difamatoria que ven de lonxe e  argumenta o que vimos de expor, que Ancares non é topónimo galego, ou que os galegos lles roubamos o topónimo recentemente por razóns turísticas.

Logo, outra parte do seu razonamento é que Candín sempre se chamou Ancares, máis isto non ten apoio na documentación outorgada polos propios veciños nas enquisas do Catastro de Ensenada. O que se chamaba Ancares, en León, ademáis da serra compartida con Galicia, era o valle de Ancares por onde discurre o río Ancares.

"Este pueblo se llama el lugar de Candín por cuyo título y nombre es conocido en este valle [Valle de Ancares] y provincia" (Catastro de Ensenada).

No hay comentarios:

Publicar un comentario