lunes, 10 de mayo de 2021

Castros, eiras dos mouros, cidades dos mortos

A propósito dunha entrada anterior ("Configuración da paisaxe pacega de Galicia"), o veciño de Rodís Manuel Ruibal informoume amablemente da existencia do microtopónimo A Croa xunto á igrexa de San Martiño de Rodís (O Adro), na que existen vestixios dunha necrópole altomedieval. A situación topográfica do posible castro deducido do nome A Croa, ven sendo igual á que explicabamos na entrada citada, nunha estreita confluencia de ríos que deixa a zona máis ampla para o pazo gandeiro. Pensamos que o espazo adicado ó gando, neste caso, viría sinalado polo topónimo Ameixeira (v. ameixoar o gando = xuntalo na mallada), e non polo veciño Pazos, xa que elo implicaría atravesar o río dese lado, e pode que non resultara moi cómodo. En calquera caso, temos o espazo gandeiro correspondente, que segundo nós precedería no tempo, e determinaría a situación dos futuros asentamentos do Ferro no seu entorno.

O caso de estaren a antiga necrópole (posiblemente de orixe sueva) tocando o castro do Adro de Rodís resulta moi interesante, primeiro pola súa excepcionalidade, e logo para verificar a proposta de Mingote Rodríguez, que sostiña que os camposantos ou os adros antigos circulares, foron previos ás igrexas e estaban vencellados dalgunha forma á preexistencia de castros na contorna inmediata: así, a uns douscentos metros dun castro en Coeses (Lugo) aparecera unha necrópole nunha chousa circular, na que se atopou gran cantidade de vasillas funerarias (A rede de igrexarios e a identidade do territorio: os conxuntos vinculados ao patrimonio arquitectónico parroquial no medio rural do noroeste galego, tese de doutoramento, 2015).

Lauda de estola de San Martiño de Rodís na traseira da igrexa. Os expertos na materia afirman que son suevas ou datan deste periodo. (C) Dolores González de la Peña, 2016.

A necrópole de Tines, da mesma época, e situada en Manlle (cecais do latín villa manualia, en referencia ás tarefas manuais do agro) na confluencia de dous ríos, non se atopa á veira dun castro, senón xunto ós restos dunha vila romana hoxe tapada. A situación da vila na cola do interfluvio, onde menos espazo resta para o gando, amosa a mesma estratexia de ocupación do territorio que na Idade do Ferro, aínda que executada tempo despois, durante a romanización. Disto deducimos que, a pesares da aculturación que se produxo durante a romanización, se mantivo a base da identidade cultural e económica (gandeira) da poboación. Tambén resulta interesante o vínculo entre castros ou vilas abandoadas, por obsoletas, e o nacemento dos cementerios na súa periferia: son as cidades dos devanceiros, as cidades dos mortos. 

Camposanto ou adro circular de Manlle (necrópole de Tines), hoxe case desaparecida a súa forma polos cambios no parcelario. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1956-57.

No hay comentarios:

Publicar un comentario