miércoles, 19 de mayo de 2021

Cementerio das Vacas

 

Cementerio das Vacas no cordal que vai cara á Cruz Encarnada (Cerdido).
(C) Visor PBA da Xunta Galicia.

Intentando verificar a proposta xeral formulada por varios autores (dende Díaz Sanjurjo en 1904) de que as mámoas adoitan espallarse polos cordais que forman as divisorias das aguas (na imaxe de arriba temos unha corda de divisoria), e que os castros preferentemente se asentan nun rechán no cóbado dun río, fumos comprobalo sobre o mapa no concello de Cerdido. No cordal que vai cara á Cruz Encarnada atopamos unha parceliña que podería ter acollido unha mámoa, e que leva o curioso nome de Cementerio das Vacas.

Xa tiñamos visto que De Blas Cortina falara dunha tipoloxía de túmulos que el denominaba "túmulos enigmáticos", entre os que citaba A Tumba en Berducedo (Allande): "las excavaciones certificaron varios expolios y también el uso del montículo artificial para el entierro de algún ganado; se infiere tal proceder del encuentro en sus respectivos hoyos de huesos de vaca y équido" ("Túmulos enigmáticos sin ofrendas: a propósito de Monte Deva V (Gijón) y Berducedo (Allande), en Asturias", Trabajos de Prehistoria, 2004, V. 61, nº 2).

Nós vencelláramos esta tipoloxía de enterramentos cos ashmounds ou túmulos de incineración de bosta de vaca dos pastores neolíticos de Deccan (India) estudados por Alchin ("Bustos, ashmounds y pastoreo neolítico", Arqueotoponimia, 2019). Doutra banda, o costume ritual de enterramento dos bóvidos no Neolítico foi practicado no Sahara ("Inside the “African Cattle Complex”: Animal Burials in the Holocene Central Sahara", Di Lernia et al., Plos One, 2013) e na Europa (v. a introdución ó paper "Grave gifts manifest the ritual status of cattle in Neolithic societies of northern Germany", Weber et al., Journal of Archaeological Science, 2020). O que semella é que nesta altura os enterramentos de gando tiñan un carácter ritual, non eran só unha precacución para desfacerse dos restos dos animais mortos evitando que os depredadores e carroñeiros se achegasen ós corpos poñendo en perigo ó rabaño. Isto seguramente foi así xa que ás veces aparecen en depósitos asociados a enterramentos humáns acompañados de enxoval funerario. Delo pode deducirse que o gando, sobre todo o bovino, tivo certo status familiar ou clánico no pasado. Era como da familia. Non obstante, hai outras hipótesis, que recolle James Morris en Investigatin animal burials. Ritual, Mundane and Beyond, 2011.

Mámoa do tipo "enigmático"; trátase dun dos ashmounds da Mourela. Vista do interior do cono de violación cun corte que amosa finísimas cinzas. (C) Andregoto Galíndez, 2006.


O costume de enterrar o gando nas mámoas mantívose en Galicia ata non fai moito tempo.

  1. O arqueólogo Xosé María Bello infórmame amablemente de que no ano 85, cando excavaban unha mámoa en Silleda "un paisano díxonos que a ver se atopábamos os ósos dunha vaca que enterrara alí o seu pai había 20 anos. Non apareceu ningún. A min fáiseme raro que en vinte anos desaparecera todo vestixio; pero fose verdade ou non que a vaca a enterraran alí, o certo é que a historia e a vinculación entre mámoa e vaca enterrada, aí estaba, viviña de todo".
  2. Cándido Rico (megalitos.arqueoloxico.com) tamén aporta o dato de que cando Pombo Mosquera excavaba nas Pontes, atopou o esquelete dunha vaca nunha mámoa da Veiga da Vilavella.
  3. Felipe Criado ("Catalogación de mámos en los municipios de Curtis, Sobrado y tierras adyacentes", Brigantium, 1980) describe unha mámoa no monte Lousado (Dombrete - Sobrado) có cono de violación recheo "ya que en él, para continuar sus prísitinas tradiciones funerarias, sin duda, enterró un paisano una vaca que se le murió. No cabe duda de que debió de ser tan llorada como los neolíticos constructores del monumento".
Pola nosa conta, examinamos o lugar de Dombrete onde está a mámoa de monte Lousado. O sitio exacto leva o nome de Meixón ("lugar onde se recolle o gando na mallada"); non é, polo tanto, produto do azar o feito de atoparse a mámoa nun emprazamento gandeiro.

Deste xeito, poderán encadrarse neste asunto outros topónimos. Supoñemos que o nome do cordal da Fonsagrada, O Muradal, caracterizado por unha longa liña de mámoas fronte a un pazo gandeiro (Pacios), ven do mesmo étimo que deu en castelán muladar, "espazo ó ar libre adicado a cementerio de animais".

Adenda do 6/1/22

Recollemos do Facebook de Manuel Ruibal R. o interesante relato fornecido polo seu avó, de 96 anos de idade: "Os veciños de Argonte e Sanbertolameu (San Bartolomé), e ata os de Herves e Beira, levaban as vacas mortas nos carros ata a Eira dos Mouros, alí as botaban polo buraco que había na cima, aqueles bois que eu lembro, ganaran medo porque ulían a morte". O informante referíase ós muxidos dos bois que pastaban preto dunha mámoa que existía entre Argonte e San Bartolomé (Carral), onde se botaba o gando morto, cecais seguindo un vello costume.

No hay comentarios:

Publicar un comentario