viernes, 16 de julio de 2021

Pedras con lenda / Xabier Moure, Pilar Carpente e Xosé Ángel Fernández Revaldería

Vimos de ler o novo libro do colectivo Patrimonio dos Ancares, editado pola Deputación de Lugo e os tres concellos dos Ancares lucenses, Cervantes, Becerreá e Navia de Suarna. Nel recóllese abundante material sobre:

  • O folklore e tradicións vencelladas ás pedras da comarca, que moi ben poderían ser vestixio de vellos cultos litolátricos, mitos, indicadores de antigos fitos da paisaxe, etc., ou meramente reinterpretacións populares dos nomes das pedras, o que orixina á súa vez lendas secundarias. Na nosa opinión, o caso do nome da Pena Partida de Castelo (Cervantes) pertencería a este último grupo: o litotopónimo semella aludir a unha fenda no penedo, máis hai quen di que "no lugar, os monxes do mosteiro de Penamaior partían as colleitas dos veciños"; a habelencia de construir mitos e tradicións segue aínda moi viva nos Ancares.
  • As etimoloxías dos litotopónimos, que sempre achegan interesantes datos históricos e etnográficos que os autores desenvolven con destreza.

Ó longo da obra, estruturada alfabéticamente, preséntase un inventario moi completo das covas, castros, castelos, marcos, medorras, penedos, pontes, etc. da contorna, para a continuación fornecer con brevidade a súa etimoloxía e logo espallarse no folklore, lendas e tradicións vencelladas ós lugares.

O estudo é produto dunha labor de prospección nos fondos cartográficos, bibliográficos e documentais (p. ex. Catastro de Ensenada) seguida dunha fase de identificación sobre o terreo, no que cobran relevancia especial os datos e testemuños fornecidos polos veciños dos Ancares. É da salientar que no apartado bibliográfico, polo que respecta á toponimia, vese que os autores procuraron as mellores fontes que autorizan as etimoloxías que manexan, moi asisadas (p. ex. Feijoo Ares, "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas", 2014).

Trátase, en definitiva, dun estudo que, pola súa forma, lémbranos moito ó estilo dos dindsenchas irlandeses, un xénero esquecido, case que poético, no que se fornecen as tradicións e lendas dos lugares a partires do seu nome; unha achega moi orixinal ó patrimonio inmaterial ligado ás pedras monumentais dos Ancares lucenses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario