viernes, 20 de agosto de 2021

Sobreira: un falso fitotopónimo

 

Sobreira (Zas - Santa María de Gándara).

No medio dunha paisaxe agraria sinalada por toponimia redundante (Agra de Arriba, Agra de Abaixo), aparece nunha pequena elevación do terreo o lugar de Sobreira, que non pode ser un auténtico fitotopónimo, senón un composto da frase preposicional latina super agram, con evolución normal ó galego: sobre eira > Sobreira, que quedou fosilizado como nome de lugar propiciando a confusión có termo homónimo referido á árbore. A estrutura latina do étimo (non romance: Sobre da Eira), vencellado semánticamente á existencia de agras de cultivo, sitúa a agrarización masiva da paisaxe galega durante a romanización. A primeira documentación escrita "ad fogium de sobreira uentosa" (ano 1106 - Tui. Fonte: CODOLGA) amosa o topónimo xa formado como na actualidade, aínda que polo contexto podemos supor que designa un lugar situado no alto, super agram.

Castro de Gabenlle no lugar da Portela (Torás - Laracha).

En torno ó Castro de Gabenlle vemos variacións da frase latina sub illam agram > Sobaleira (1), que logo formará un plural gramaticalmente románico (Sobaleiras) para concordar có conxunto de terras denominadas así pola súa situación embaixo das agras, así como a forma Sueira < sub agram -- Sueiras. A morfoloxía latina da frase sub illam agram non deixa lugar a dúbida algunha sobre a existencia de agras na paisaxe que motivou o nome durante a romanización inicial.

(1) Rivas Quintas interpreta Sobaleira como provinte do latín sub (embaixo) + illa larea (Toponimia de Marín, 1982, px. 284).

1 comentario: