sábado, 4 de septiembre de 2021

Castro da Enxámea (Pazos - San Martiño de Rodís - Cerceda)


Completamente agrarizado xa, máis aínda perceptible na estrutura do parcelario e fácilmente identificable pola microtoponimia das leiras, temos moi pretiño de Pazos (San Martiño de Rodís) un castro non catalogado que poderiamos chamar da Enxámea. A estrutura do espazo castrexo configúrase dende un acceso (Portela) e un camiño perimetral (O Carril); no seu interior atopamos o recinto habitacional principal (Croa) e o antecastro (Enxámea).

Tiñan os castrexos unha forma de organización política semellante á das abellas? É moi curioso que un dos dous recintos habitacionais leve o nome de Enxámea, do latín examinem: "muchedumbre de abejas con su reina, que salen a formar una colonia", "muchedumbre de personas o animales juntos" (1). Pensamos que non é pola existencia de colmeas no lugar que o castro leve o nome de Enxámea, senón que se empregou metafóricamente por ter sido un lugar de habitación onde se convivía de forma apiñada e colaborativa, semellante á da estes insectos sociais, cecáis gobernados por un chefe.

Paralelamente, a paisaxe pacega neolítica (Pazos) coa que se iniciou a antropización do territorio ten deixado unha testemuña na microtoponimia da zona nos nomes de Casas Vellas e Monte dos Pallotes, seguramente redundantes, e motivados pola existencia de abrigos, cabanas dos pastores (os palatios indoeuropeos do profesor Moralejo), chozos ou pallozas como as que están a aparecer na parroquia de San Martiño de Rodís. Neste sentido, vencellamos a etimoloxía de Pazo < indoeuropeo palatiom, "aprisco neolítico para o gando, curro", cos termos galegos pallote e palloza, que xurdirían do mesmo étimo, como o búlgaro medieval e moderno polatipoljati que apuntara Best no seu estudo (2). As pallozas / pallotes non serían, pois, pervivencia das casas castrexas, senón das vivendas absidadas dos pastores neolíticos (palatios). 



(1) Lexicón etimológico y semántico del latín, Segura Munguía, 2014.
(2) “Comparative Indo-European Linguistics and Archaeology: towards a Historical Integration”, JIES, 1989, px. 335-340. Base da que partiu Moralejo para elaborar o seu: "Arco(s), Busto(s), Pazo(s) ¿toponimia de ganadería?" (As Tebras Alumeadas, 2005).

No hay comentarios:

Publicar un comentario