sábado, 21 de agosto de 2021

Pedra Curva e A Pelrada: os cromlechs de Rodís

 Pedra Curva de San Martiño de Rodís (Cerceda). (C) Andregoto Galíndez, 2016.


Pedra Curva de San Martiño de Rodís.
(C) Anxo Martínez-de Alegría, 2016.

Fai uns anos, procurando atopar o gran dolmen (túmulo, mámoa ou medorra) que existía en Cerceda segundo a Geografía General del Reino de Galicia de Carreras y Candi, dimos cunha construcción en pedra seca, de forma circular e, ó que parece, cun elemento monolítico pertencente a estrutura deitado no chan, que podería ter formado parte do teito ou ser unha das ucheiras / ortostatos do van de acceso. O nome do lugar é Pedra Curva, e sen dúbida facía alusión a esta construcción circular que podemos vencellar có topónimo bretón crom-lech, que non significa outra cousa que "pierre courbe", ou ben có nome do principal ídolo da Irlanda, o Crom Cruach, arrodeado de pedras.

Estado actual da Pedra Curva. (C) Manuel Ruibal, agosto de 2021.

A Pelrada / Perlada

Na fructífera visita a Rodís da pasada fin de semana tiven a oportunidade de ver outra destas extraordinarias construccións no lugar da Pelrada grazas ó seu descubridor, Manuel Ruibal, veciño da parroquia e activo investigador do seu valioso e esquecido patrimonio. Neste caso o habitáculo consérvase aínda íntegro, coa cuberta monolítica e as ucheiras no van de acceso. A fábrica amosa un perfecto encaixe da pedra. A estrutura é lixeiramente absidada (curva) ó fondo, onde atopamos na traseira un afloramento pétreo ben pegadiño á construcción que lle fai de contraforte na súa parte máis inestable e feble. Este soporte de rocha natural na traseira tambén estaba presente na construcción xemelga da Pedra Curva (hoxe derruída polo descoñecemento do seu valor cultural e patrimonial).

Construcción de pedra en seco de A Pelrada (Rodís - Cerceda). (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Dende 2016 a técnica de construcción coa pedra en seco está incluída no Censo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial (xa que é unha técnica). Porén, as súas manifestacións, as obras que empregan a técnica en seco, estarán protexidas, sobre todo se, como neste caso, son únicas e excepcionais. Que finalidade tiña a construcción desta estrutura? Chozo, ouriceira, chiviteiro? Eu dende logo nunca vin nada semellante e non sabería pronunciarme, aínda que polo nome da finca (A Pelrada / Perlada < Petra Lata = pedra levada ou trasladada) teño a intuición de que podería tratarse dun megálito atípico ou evoluído, como no caso do destruído na Pedra Curva. Do que se desprende unha posible función funeraria que poderiamos tentar demostrar có recurso ó folklore.

Ós especialistas ós que ten recurrido Ruibal atopan un paralelismo claro coas chamadas casoupas das Estacas (Fornelos de Montes); un conxunto dunhas trinta construccións moi semellantes á de Rodís.

Chozo na Cidade das Costas do Alén. (C) Faro de Vigo.

O antropólogo Rafael Quintía ten un interesantísimo estudo sobre os chozos de Fornelos de Montes, "Levar os vellos ao monte: el senicidio en la mitología gallega" (Liburna, 2020) onde amosa o vencello destes lugares chamados A Eira dos Vellos ou Coto da Eira dos Vellos (segundo recolleu a filóloga Dolores Ferro Diz) coas lendas do tipo ATU 890 ("O fillo desagradecido") nas que o pai é levado polo fillo ás casopupas do monte para deixalo morrer. Para o autor estas lendas espalladas polo amplo territorio de Eurasia poderían ter unha orixe paleolítica. O propio Quintía recolleu unha delas proporcionada pola veciña de Ventín, Elisabet Lage Muíños:

"Miña nai decíame que nas Costas do Alén que había unhas casoupiñas pequenas. Seghún ela, que antes, moito na antigüedade, a xente cando os vellos morrían que os levaban a morrer alí. Cando xa estaban nas últimas de todo, que vían que realmente estaban… pois levaban os vellos e deixábanos morrer alí. E que era unha tradición, e que facían iso. Entonces un levou a un pai e, claro, díxolle que había varias casas, e que o pai dixo:

―Déixame quedar aquí, neste sitio.

―Pero, por que queres este sitio?

Porque aquí deixei eu ao meu pai.

―Entón, queres dicir que o meu fillo vaime deixar aquí a min?

―É a nosa tradición da vida. Vaiche deixar aquí, claro.

―Ah, pois iso vaise acabar contigho e conmigho. Vas aghora mismo conmigho pa casa".

Os megálitos da bacía secundaria

da parroquia de San Martiño de Rodís


O límite da parroquia de San Martiño de Rodís, segundo o Catastro de Ensenada, pasaba pola "Fuente das Meigas, de esta va a una medorra que se halla en el sitio del monte da Perlada, que es al sur". Imos ver entón como o linde percorre o pequeno cordal secundario que separa dous tributarios do Paradela - Lengüelle (afluente do Tambre), o cal, pola súa lonxitude, tamén se marcou con mámoas, como adoita suceder nas divisorias de augas principais.



A liña laranxa sinala a divisoria principal das bacías hidrográficas do Tambre e o Anllóns. O Camiño Real vai marcado coas estreliñas verdes que indican a situación das necrópoles: a da mámoa do Camiño da Misa, as da Lagoa e A Seixoeira, e a de Vilamarta, xa preto de Gosende. Este topónimo, do que xa temos tratado no blog, fornece unha etimoloxía que vencella a orixe das vías de tránsito con sendas naturais utilizadas polos grandes herbívoros da prehistoria.

A liña marela marca a pequena divisoria entre os dous tributarios do Paradela, afluente do Lengüelle. Toda ela vai percorrida por mámoas: mámoa da Avieira, mámoas da Chousa Vella (preto do chozo da Pelrada), de Altamira e da Lagoa. Sempre segundo o inventario do Visor PBA da Xunta de Galicia.

As estreliñas vermellas sinalan dous importantes castros da parroquia, o da Fraguella e o do Adro.

Nas fotografías: as minas castrexas das Furnas de Mixón, o castro da Fraguella e o interior do chozo da Pelrada.

Como se ve, o feito de situarse o chozo da Pelrada / Perlada na liña de megálitos que separa a parroquia de San Martiño de Rodís (Cerceda) do termo municipal do concello de Tordoia, podería ser un outro argumento a favor de considerar a construcción un tipo de megálito evoluído, se temos en conta a etimoloxía de Perlada (sempre é un arqueotopónimo referente ós megálitos) e as lendas recollidas por Rafael Quintía sobre á finalidade funeraria das casoupas das Costas do Alén (As Estacas, Fornelos de Montes), que responden a unha mesma tipoloxía que a atopada por Manuel Ruibal. Xustamente, segundo me indica Ruibal, no lugar da Tablilla en 2003 excavouse unha medorra na que se "hallaron dos hachas y un dolmen, que sorprendió a los investigadores por sus pequeñas dimensiones" (La Voz de Galicia, 7 de outubro de 2003).

En calquera caso, sexa ou non un megálito, temos que felicitarnos polo achádego e valoración desta testemuña excepcional tan ben preservada dunha técnica construtiva ancestral; agora, grazas á teimosía de Manuel Ruibal e ó tramite que coa intermediación do grande Xabier Moure se efectuará ante Patrimonio da Xunta, terá a merecida consideración e protección no censo do noso patrimonio.

Un terceiro chozo na Fonte Pedra

(Pazos - San Martiño de Rodís)


Chozo da Fonte Pedra coa entrada construída orientada á saída do sol no equinoccio de outono.
Fotografado o 13 de outubro de 2021 ás 11 da mañá (9 horas solares).
(C) Dolores González de la Peña.

Continúan a aparecer máis chozos megalíticos na parroquia de San Martiño de Rodís grazas ó traballo de recuperación do patrimonio cultural e monumental que están a desenvolver os seus veciños. Neste último (tamén unha construción absidada mixta de pedra seca e ortostatos), puidemos comprobar casualmente na nosa recente visita deste outubro que a orientación do acceso á cámara é a mesma que a dos megálitos: cara o punto do horizonte no que xurde o sol no equinoccio de outono. Esta orientación solar adoita interpretarse simbólicamente, vencellada á función funeraria dos dólmenes. Segundo Manuel Ruibal, o primeiro chozo atopado na Pelrada tamén ten a mesma orientación solar equinoccial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario