jueves, 14 de octubre de 2021

Unha "Portalén" entre Montaos e Bergantiños

Portalén entre Montaos e Bergantiños, serra de Montemaior. (C) Manuel Ruibal, 2021.

 Outra vista da nova Portalén entre Montaos e Bergantiños.
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

Na entrada anterior (Portaleiras, Portelas e Porteliñas do Alén), unha vez establecido o feito de que as dorsais das serras (divisorias das augas) foron fronteiras territoriais naturais (xa na documentación medieval ven sinalada esta función nos textos dos deslindes aludindo continuamente ós cordais como "aguas vertentes" = "vertedoiros das augas dos ríos"), sostíamos, en relación coas divisorias, que nas antigas concepcións culturais da nosa comunidade prodúxose unha identificación entre os conceptos de:
  • Alén como territorio fronteirizo situado doutra banda da divisoria das augas; territorio xeográfico tanxible e real habitado polos outros (os veciños).
  • Alén como un Outro Mundo mítico habitado polos devanceiros (os mortos).
Percibiamos que nas vellas creenzas non se distinguían, pois era que o Alén xeográfico foi ó mesmo tempo un Alén mítico contiguo ó Aquén (mundo dos vivos, comunidade propia). Porén falabamos de que no pasado tivo que existir un concepto laxo do outro considerado indistintamente como:
  • Extranxeiro, pertencente a outra tribo.
  • Defunto da propia comunidade. Como defunto xa non pertencería á tribo e quedaría situado, polo tanto, no limbo do Alén, ó outro lado da fronteira física (e mítica) da divisoria de augas.
Tratando deste conxunto de creenzas escatolóxicas dos nosos antergos, argumentabamos que para pasar do Aquén ó Alén era necesario, evidentemente, ter unha porta. Neste sentido, a toponimia do tipo Portela e Porteliña fálanos destas portas de comunicación có Alén nun sentido territorial e orográfico máis tamén mítico; tanto que, ás veces, podería dotarse á paisaxe do entorno fronteirizo Aquén - Alén cun elemento megalítico en forma de porta ou portal.

Ata o de agora só tiñamos constancia dun caso seguro, que era a porta megalítica estudada por Calros Solla no paso da Porteliña, situada na liña fronteiriza entre os concellos da Lama e Forcarei, á que denominou de forma poética Portalén. Segundo o seu informante Xosé Cortizo, de Barro de Arén, nesta porta adoitábanse celebrar entrevistas cós mortos: "o mes de Santos calquera mortal podía ir alí a falar cós seus defuntos; entraba na porta esa que existe alí, poñía a ofrenda alí no penedo, no pousadoiro do penedo, e facíalle unha pregunta ós mortos; os mortos a través do vento contestábanlle; pero esa pregunta era un secreto sagrado" (vídeo "Monte do Seixo. A montaña máxica. 13: Portalén", Asociación Serpe Bichoca, 2009).

Grazas ás tarefas de recuperación do patrimonio cultural que están a realizar os veciños de Rodís, entre os que temos que destacar ó infatigable Manuel Ruibal, podemos contar agora cunha segunda Portalén no territorio que antigamente se chamaba Inter Montanos et Bragantinos (CODOLGA) preto da divisoria de augas que separa os tributarios do Anllóns ó norte, dos do Tambre ó Sur.

Ubicación da nova Portalén na parcela denominada, segundo a folla catastral, Pedra de Abalar, moi preto do henge de Portaleiras (Silvaescura - Cerceda). A liña laranxa indica a divisoria de augas dos tributarios que van ó Tambre e os do Anllóns. O lugar de Pedra de Abalar é tamén límite das parroquias de Soandres e Santa María Madanela de Montemaior (ambas pertencentes ó concello de Laracha).

A nova Portalén inter Montanos et Bragantinos, vista dende o Alén. A laxe de cobertura semella desprazada intencionadamente para encaixala na fenda do penedo da dereita, que seguramente foi traballado para soster a cuberta inclinada dese lado. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

O pousadoiro da porta visto do lado do Aquén, ó sur. Supoñemos que, como no caso da Porteliña investigada por Solla, nel depositaríanse as ofrendas ós defuntos.
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

O feito de terse atopada estoutra porta megalítica con evidencias de modificacións antrópicas dos penedos naturais que a forman, nun espazo liminal redundante* (fronteira de parroquias, divisoria de augas), ó lado dunha fermosa e funcional pedra abaladoira que dá nome ó lugar, fornece a oportunidade de establecer agora con case total seguridade un novo tipo de elemento cultual do noso pasado, o do portal megalítico ó Alén como fronteira territorial e mítica (ou simplemente, o "Portalén", pois foi a primeira descoberta). E é agora e non antes, porque a partires dun único elemento illado, como viña sendo a Portalén orixinal estudada por Solla, non se podía ter establecido un tipo xeral.

A conexión atlántica


Na Irlanda, atopamos na base de datos do Folkore Nacional (duchas.ie) as chamadas Comhla Bhreac como equivalentes das nosas Portaléns. Comhla ven sendo "porta" e Bhreac "moteada, de cores" (cecais porque as comhlaí estiveron decoradas, pintadas). Nos catro relatos fornecidos por informantes de maior idade, e anotados polos nenos da escola a principios do século pasado (1930 - School Collection), podemos observar que as Comhla Bhreac eran consideradas, mesmamente, portas ó Alén, en todo semellantes ás nosas: aberturas nas rochas, penedos en forma de porta, onde se podía producir o encontro cós do Alén. Chamamos a atención sobre os ruidos en forma de forte estoupido que se escoitan ó abrirse a porta ou traspasar ó seu umbral, pois nos lembran ó gran estoupido que deixa cego ó protagonista do relato mítico "La viga de oro y la viga de alquitrán" (Leandro Carré Alvarellos), que se desenvolve no entorno da Serra do Bocelo, moi preto da célebre Pena Moura, que agora nos parece unha outra Portalén.

  1. O pai de Séan Ó Súilleabháin (Coulagh - Cork) contoulle que nunha ocasión un home, na procura das ovellas, achegouse á Comhla Bhreac no outeiro de Bill Harrington e subiuse nela. Entón escoitou un ruido baixo el, que fixo que correra ata afastarse dos penedos. Cando a certa distancia voltou a vista atrás, viu como a rocha se fendera, e puido escoitar o son da música e dos cascos dos cabalos, que viña doutro lado.
  2. O pai de Peadar Ó hÚrdail (Eyeries - Cork) contoulle que unha noite uns pescadores de Tráigh Mhara escoitaron un ruido preto da Comhla Bhreac que existía alí (nun lugar encantado onde había dúas rochas ergueitas). O ruido soaba como se dúas montañas se viñeran abaixo unha contra á outra.
  3. O pai de Séan Ó Ceallaigh (Caherkeen - Cork) contoulle que un home de Caherkeen vira unha pantasma dirixíndose á Comhla Bhreac dun outeiro, unha gran rocha preta. A pantasma conducía unha vaca. O pastor e maila res ó chegar á rocha desapareceron.
  4. Ellen Harrington, a informante de Mary Harrington (Kilcatherine - Cork), contoulle que nunha Comhla Breac estaba a oficiarse misa nos tempos en que estas estaban proibidas. O cura fora asesinado por un soldado que aparecera por alí, e dende entón a Comhla Breac é curva como a porta dunha igrexa.

*Indícame Calros Solla, en comunicación persoal, que a liminariedade destes lugares exprésase de forma redundante: non só é que se sitúen nas fronteiras territoriais, senón que a toponimia o reflicte reiteradamente no entorno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario