sábado, 9 de octubre de 2021

Portaleiras, Portelas e Porteliñas do Alén

Hai outros mundos, mais están aquí.

Indícame o investigador local Manuel Ruibal, veciño de Rodís, que na catalogación de bens patrimoniais da Xunta (Visor de Aproveitamentos Forestais) ven identificada unha estrutura en estudo ó norte da zona da Medorra do Codeso, no límite entre os concellos de Laracha e Cerceda. O lugar ten o nome de Portaleiras (*Porta Leiras na ficha do Visor).

Vista da estrutura circular, arrodeada de pedras, de Portaleiras, tomada do Google Earth.

No interior da plataforma de Portaleiras non poden crecer os eucaliptos, é como un nemeton.
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

No Dicionário Estraviz fornécense tres acepcións para o sustantivo portaleira:

1) Portada sumptuosa em casas solarengas e paços.
2) Pórtico, portal.
3) Espaço polo que se acede a uma quinta rústica que está fechada por um valo de pedra, arame, sebe, etc. Normalmente esta abertura está protegida por um cancelo, um pau ou um conjunto de pedras que se tiram e se volvem pôr depois.

Ó estaren situados os vestixios da estrutura na mesma divisoria de augas entre as bacías do Anllóns e o Tambre, é dicir, no Camiño Real natural do cordal, que ó mesmo tempo é límite dos concellos de Laracha e Cerceda e zona de necrópoles megalíticas (todo elo está estreitamente vencellado), sostemos que o nome de Portaleiras aplicouse no senso de "portada monumental, pórtico", por ter existido alí, soportado pola estrutura ou plataforma do inventario da Xunta, un megálito porticado, cecais un henge, como suxire Ruibal. Non en van, os dólmenes teñen aspecto de portas, eles mesmos ás veces reciben denominacións vernáculas que aluden ás portas, e son considerados portas ó Alén: na Irlanda o de Poll na Bruidne (Acceso ó Outro Mundo, ó Alén), e en Galicia e Portugal, antas, termo que sinala as ucheiras dunha porta de pedra.

As dúas ucheiras da porta do dolmen do Forno dos Mouros nas brañas do Espindro (límite entre Laracha e Cerceda).
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

Unha introdución ó Alén


Máis que é o Alén na topografía real de Galicia? Ou, poderiamos formular a pregunta doutros xeitos: por que as necrópoles megalíticas sitúanse nas divisorias de augas / límites territoriais?

O Alén mítico déunolo coñecer a descoberta de Calros Solla, que fai anos recobrou a memoria colectiva da famosa Portalén, nome poético que lle deu á Porta do Outro Mundo (A Porteliña - Barcia do Seixo, A Lama) na súa obra Almanaque dos encantos (2005).

Un dos veciños entrevistados polos investigadores da Asociación Serpe Bichoca foi Xosé Cortizo, de Barro de Arén, que contaba que nos penedos que forman a porta adoitábanse celebrar entrevistas cós mortos: "entraba na porta esa que existe alí, poñía a ofrenda alí no penedo, no pousadoiro do penedo, e facíalle unha pregunta ós mortos; os mortos a través do vento contestábanlle" (vídeo "Monte do Seixo. A montaña máxica. 13: Portalén", 2009).


É pois que os Aléns xeográficos, físicos, son os espazos doutro lado dos lindeiros territoriais entre tribos, que veñen dados naturalmente polas distintas divisorias de augas que conforman as bacías hidrográficas. Non se poden ultrapasar, porque se un os traspasa evidentemente sae do ámbito propio da comunidade protectora, da zona de confort. O Alén é entón o territorio dos outros, o Alén son os outros, como diría Sartre.

Este concepto de Alén xeográfico fortemente tabuado (de tabú) imbrícase ou lígase ás vellas concepcións etnográficas universais dos mortos como seres que xa non pertencen á tribo (1), que quedan, porén, fóra dela, ou sexa, doutro lado da fronteira territorial que arrodea ós que pertencen aínda a ela (os vivos). Logo, ten que ser por isto que as necrópoles megalíticas se sitúan sempre nos cordais das divisorias das augas, pois nelas están os límites territoriais das tribos: deste xeito póñense os mortos fóra da comunidade, nun Alén físico e real que tambén é mítico, pois na franxa liminal sería posible a interlocución cós ancestros, segundo estas cosmovisións tradicionais.

E doutra banda, semella que a narrativa folklórica de levar ós vellos ó monte a morrer, que ten estudado o antropólogo Rafael Quintía en Galicia (Liburna, 2020), ou este ir os vellos ó monte a morrer polo seu pé (ó sitio de Porto do Vello), que documentara Calros Solla en Abelaíndo dun "octo ou nonaxenario que me asegurou que, cando era mozo, lle escoitara dicir a outro ancián que na casa deixaran marchar o seu avó ao Porto do Vello, no monte de Abelaíndo" (comunicación persoal - recollida doutra forma na súa obra Almanaque de Encantos, 2005), ten que ver coa ubicación dos Aléns míticos e as súas necrópoles nestes lugares liminais das divisorias de augas.

É así que o conxunto etnográfico de Portalén (A Porteliña - Marco das Ventás) sitúase xusto na divisoria de augas das bacías hidrográficas do Lérez e o Verdugo, que aquí artella o límite territorial entre os concellos da Lama e Forcarei. Neste punto é posible, segundo a crenza transmitida polos veciños, a comunicación cós doutro lado, cós outros, cós mortos dó Alén, que en certa forma preséntanse como veciños.

Atopamos este Alén contiguo ó mundo dos vivos no conto galés Pwyll no Annwfn, no que o Alén amósase sen solución de continuidade có noso mundo, aínda que posiblemente estea situado noutra dimensión ("Perceptions of Annwn: the Otherworld in the Four Branches of the Mabinogi", Rhian Ress, 2012). Na Enciclopedia de Mitoloxía Céltica de Monaghan sulíñase que "o Alén celta non está situado fóra deste mundo; existe nunha especie de espazo-tempo paralelo, contiguo ó noso, máis non accesible, aínda que certos lugares e momentos do ano permiten a comunicación có Alén" (2004, px. 385).

Os topónimos Portela ou Porteliña que aparecen nestes lugares liminais das divisorias aludirían ás veces á existencia de portais megalíticos (antas, cámaras funerarias adinteladas) construídas nas portas orográficas (pasos); como a anta da Portela do Pau, na raia entre Galicia e Portugal.  Nun documento do CODOLGA, do ano 1137 (Oia), vese claramente a identificación entre un destes pasos orográficos cunha anta: "dono uobis in hereditatem uillam Erizanam integram ab illo riuo qui dicitur Vaina usque ad illum portellum cui est nomen Anta".


(1) Refire Lévy-Bruhl na súa obra A Experiência Mística e os Símbolos entre os Primitivos (Río de Janeiro, 2015, px. 85), que nos pobos que preservan aínda a súa cultura primixenia os mortos son simplemente vivos separados dos outros. Na América do Norte, os Cherokees consideran que esta vida e a outra son vidas diferentes no espazo; cando morren eles deixan o seu lar e van para aquel lugar no oeste. Eles falan das persoas que están alá como eles falarían dunha tribo veciña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario