Dicía o historiador romano Justino que nos confíns da Gallaecia existía un monte sagrado no que estaba prohibido extraer o ouro traballando a terra con instrumentos de ferro, mais cando o raio fendía as súas ladeiras e deixaba á vista a veta do mineral, este podía collerse, pois entón era considerado un presente do deus.
Este texto fora analizado polo erudito portugués Leite de Vasconcelos (Religiões da Lusitania, 1905), quen a partires del estableceu a crenza nunha antiga divindade celeste vencellada ó raio, ó trono e ás tormentas, que habitaba ou se manifestaba na montaña, e que na epigrafía galaico-romá ven identificándose con Xúpiter ou Marte, seguido do nome do monte (Larouco, Teleno...). O máis probable é que a divindade fose un deus celeste prerromano (como o Taranis galo ou o Horagalles saami) do que non nos chegou o seu nome, e que durante a romanización rematou vencellado ó seu equivalente Xúpiter, o deus romano do raio.
A crenza nos montes sacros onde se manifestaba ou habitaba a divindade do raio chegou ata os nosos días conservada nas supersticións ligadas á pedra de abalar de Montemaior, nas brañas de Rorís (Soandres - A Laracha), preto do límite có concello de Cerceda (entre os lugares de Silvoso e Silvaescura). Os datos que nos fornece Masús, o noso informante, conseguímolos grazas ó veciño de Rodís Manuel Ruibal, sempre tan coidadoso no que atinxe á protección do patrimonio cultural e natural do concello de Cerceda.
- "Os veciños de Silvoso escoitaban o son da pedra cando facía temporal. Dicían que era un sitio que atraía as tronadas".
- "Un home de Silvoso achegouse un día ata a pedra, pero asustouse e escapou de alí porque sentira caer un trono nela".
- "A pedra abala por mor do raio. Está así por mor do raio".
- "A cercana medorra do Codeso sobreviviu ós canteiros ata os 90 porque dicían que atraía as chispas [raios]. Contábase que un home morrera alí dun chispazo uns anos antes".
Pola nosa parte, podemos asegurar que a pedra abala con bastante facilidade producindo o característico son ronco, como un latexo. A súa forma afusada lembra á dunha ferramenta prehistórica, ás bifaces, que tamén estiveron vencelladas na mentalidade popular ós raios: elas mesmas eran consideradas raios petrificados (pedras do raio). A tradición relacionada coas pedras do raio conservouse na zona ata fai ben pouco: a avoa de Masús, a señora Concepción, de Esmorís (Berdillo - Carballo), contáballes ós netos que cando as chispas tocaban na terra voltábanse de pedra. Chamáballes pedras do raio e dicía que se usaban como remedios (estudados na bibliografía sobre as tradicións populares vencelladas ás pedras do raio: "A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega", de Rafael Quintía Pereira).
Podemos afirmar tamén que, ademáis do son rítmico producido ó abalar a pedra, pode escoitarse raras veces, como nos sucedeu nunha ocasión, e ó velliño de Silvoso, un tronido como se se aproximara unha tormenta perfecta ou como se se desfixeran montañas de pedras xigantes. Inexplicable, no actual estado dos nosos coñecementos (cecáis algún estrato subterráneo inestable?).
O carácter de monte sacro consagrado á divindade celeste do raio deste lugar configurado pola pedra de abalar e a medorra do Codeso (no límite entre A Laracha e Cerceda), sito no Montemaior, pode establecerse con seguridade se primeiro nos decatamos de que a prevención dos canteiros da Laracha, que se gardaron ben de traballar na pedra da medorra do Codeso coa ferramenta de ferro propia deste oficio, é a mesma cautela ou tabú que tiñan os galaicos de Justino, que evitaban practicar a mineiría de ouro con ferramenta de ferro, pois a montaña era inviolable ó estar consagrada ó deus do raio. Logo, é ben sabido que o raio en todas as mitoloxías foi a arma do deus celeste, e que os lugares onde caía convertíanse en sagrados (enelysion en grego / fulguritum en latín: v. Mircea Eliade, Tratatto di Storia delle Religione, 1948), e aquí temos as testemuñas de Masús que nos informan de que estes dous lugares tan próximos entre sí "atraían as tronadas e as chispas".
Non cabe dúbida, pois, de que neste punto da serra de Montemaior mantívose durante milenios, vivo na tradición oral, un antigo lugar de culto: o monte sacro ferido, marcado polo raio dunha vella divindade celeste.
No hay comentarios:
Publicar un comentario