viernes, 19 de noviembre de 2021

A espada na pedra das Brañas do Torreiro

 

Dende os penascais do Monte do Castelo Grande, no Ghalo / *Xalo, unha pode sentir como non lle responden as pernas, como se quixera arrancar a voar, da vértixe que produce o impresionante desnivel dende o cumio ata o val. Estamos no límite do Comisso de Faro, unha división territorial medieval que abarcaba os actuais concellos de Culleredo, A Coruña e Arteixo (San Tirso de Oseiro). Evidentemente o comisso levaba este nome polo faro romano da Torre de Hércules; o Burgo de Faro tamén (actual O Burgo - Culleredo).

Para o historiador López Sangil existiu ademais un castelo chamado Pinna de Faro e máis tarde Castelo de Santiago, que el diferenciaba moi ben da Torre de Hércules, inclinándose por situalo nos lugares de Castelo de Arriba e de Abaixo, preto de Donepedre (Culleredo). Aínda que a súa hipótese é cuestionada (Lixó Gómez, O xurdimento dos castelos na Galiza Medieval (tese de doutoramento), 2020) nós pensamos que este cumio de Castelo Grande, unha atalaia natural, foi este Castelo de Faro. Primeiro porque a pequena parroquia onde se sitúa se chama Santiago de Castelo, o que indica que houbo evidentemente un castelo nela; a advocación a Santiago é a mesma que leva o nome tardío do castelo ou pinna de Faro (Castelo de Santiago). Logo porque baixo él, xusto na vertical, sitúase o petróglifo que atoparan Manuel Ruibal e David Chas e que non sabiamos que representaba ("Petróglifo de termo nas brañas de Torreiro (Celas - Meirama)"); mais agora si.

En relación coa existencia do castelo de López Sangil nesta parroquia de Culleredo, moi probablemente no lugar de Castelo Grande, o petróglifo ábrese entón a novas interpretacións. O castelo, según o estudio de López Sangil ("La antigua demarcación de Faro, el castillo de Faro y la fundación de Crunia", Porteo, 2009) fora cambiando de propietarios dende que o rei Bermudo II no 951 o doara á igrexa de Santiago: no 1110 aínda pertencía á igrexa compostelá; no 1121 é okupado por don Bermudo Pérez de Traba (fillo do Conde de Traba); no 1122 don Diego Xelmírez cun numeroso exército sitia a fortaleza e tras duras negociacións a propiedade pasa ás máns de Munio Peláez, parente dos Traba, coa condición de lla entregar ó bispo cando a reclamase. No 1126 o rei Alfonso VII prégalle ó prelado compostelán que lle cambie o castelo por unhas terras en Tabeirós. No 1130 de novo voltamos atopar ós Traba como tenentes do castelo, do que fan doación ó cabildo compostelán.

Vemos polo tanto que o castelo (Castelo Grande) tiña un importantísimo valor estratéxico na Idade Media, pola súa condición de atalaia natural dende a que se podían controlar ós accesos polo sur ó Comisso de Faro. Tanto foi así que o mesmísimo bispo Xelmírez chegou a sitialo, ó mando dun exército, para recuperar a fortaleza. Suxerimos, entón, que o petróglifo ten que ver coas duras negociacións do ano 1122 entre o bispo e os Traba. Ven ser un documento en pedra que sela o pacto de propiedade coa característica marca chamada signum manuum (Pacheco Sampedro: "El signum manuum en el cartulario del Monasterio de San Juan de Caaveiro", Signo, 1997).

O signo da man formou parte dunha cerimonia de validación dos acordos nas transmisións dos bens: normalmente agarrábase coa man un puñado de terra ou un elemento vexetal simbolizando o territorio. Na documentación medieval galega adoita representarse a man sostendo un pergamiño, unha rama ou unha cruz; a man ás veces é o remate dun longo brazo (represéntase a extremidade completa). Todo elo vai enmarcado nun recadro. Segundo atopamos no estudo de Sáez e Medina ("Los otros signos", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2004) ás mans, ás veces o brazo completo, poden soster, se se trata dos bispos, un báculo como símbolo do dominio.

Petróglifo con representación do signum manuum có brazo do bispo Xelmírez sostendo unha cruz ou unha espada (Brañas do Torreiro - Celas / Meirama). (C) Andregoto Galíndez, 2021.

E diciamos que o que se sostén normalmente na documentación medieval de Galicia é unha cruz (dominios da Igrexa), aínda que ben podería ter sido, moito antes, unha espada (dominios feudais), que acabou por considerarse unha cruz debido á semellanza formal entre ambas. Deste xeito poderiamos chegar a aclarar a orixe da lenda artúrica sobre a espada Excalibur, que otorga o reino a quen sexa capaz de arrancala da pedra (isto é, segundo entendemos aquí, de quebrar o pacto grabado nela). Na variante galega deste mito gravado na pedra, Merlín (o que forxa a espada) ven sendo o bispo Xelmírez, e Artur (o que se fai con ela), o Traba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario