jueves, 23 de diciembre de 2021

Capela / Capilla

Na aldea de Parada (Cerceda) existe un lugar denominado A Capilla. Pensamos que se trata dun aparente haxiotopónimo, xa que nel non atopamos evidencias de que houbese unha capela ou edificio consagrado a ningún santo, aínda que ben podería ter desaparecido totalmente... 

Como topónimo o nome gardaría unha vella acepción fosilizada que se indica no Glosario de Du Cange (sub capella 9): "Forum, locus contectus, ubi merces venum exponuntur, idem quod Hala" = Construcción teitada que pode utilizarse como tenda nun mercado, para vender; significa o mesmo que hala > sala.

Entón, aínda que esta acepción no senso de "cuberta" non se teña conservado exactamente no léxico común (si nos termos para as prendas de vestir, capa e capelo), semella que quedou impresa na toponimia do país, ó comprobar in situ a inexistencia dun templo ou das súas ruínas neste lugar de A Capilla (Parada), e constatar, pola contra, que nel se erguen construcións tradicionais cubertas propias do agro, como o alpendre ou alboio da dereita da fotografía.

Ven isto suxerir unha estreita relación, doutra banda, entre os edificios tradicionais do agro e os relixiosos: aquelas estruturas porticadas dos alpendres foron a orixe das capelas cristiás? ou é que simplemente o templo cuberto, por oposición ó templo ó ar sen teito, tería recibido o mesmo nome que o das construcións porticadas agrarias (capelas)? Soportando a primeira idea, lembremos que o hórreo ou celeiro segundo a hipótese de Luis Moya ("La arquitectura de la lluvia", Revista Arquitectura, nº 46, 1962, pxs. 23-38) é o antecedente formal do templo grego.


Imaxe do lugar de A Capilla en Parada, capturada do Google Street View.

Esta proposta sobre o topónimo Capela / Capilla, se é que aparece illado dun contexto relixioso, insírese no ámbito da toponimia da gandeiría que tiña estudado o profesor Moralejo. Neste caso forma ademáis parte dun conxunto xunto có nome da aldea de Parada. Segundo indica Xosé Lluís García Arias para Asturias, as Paradas poderían "tratarse de auténticas majadas pues con este sentido aparece la palabra en las Actas de la Junta del Principado" (Toponimia Asturiana, sub Caballeros). Así pois, outro asentamento estacional para o gando e os seus donos.

2 comentarios:

  1. A Capela, a Capelada... Encóntrolles mais sentido como terreos altos sen vexetación, calvos.

    ResponderEliminar
  2. Tamén hai Capeladas que se explican como lugares que teñen capelo de nubes.

    ResponderEliminar