lunes, 27 de diciembre de 2021

O ciclo mítico do Mabinogi no caldeiro de Gundestrup


Nunha das escenas do caldeiro de Gundestrup (Dinamarca, entre o século II a.C. e o III d.C.) podería terse representado un episodio do conto relativo ó príncipe Pwyll de Dyfed da primeira rama do Mabinogi galés, coñecido por escrito dende o século XIV. Nel, o príncipe  Pwyll vai casar coa maga Rhiannon, a proposta dela, mais teñen que se desfacer de Gwawl, outro pretendente que non é do seu agrado, ó que quedara ligada pola palabra dada por erro polo propio Pwyll.

Rhiannon trama un plan: dalle a Pwyll unha bolsa ou saco máxico e dille que nun ano se presente na festa da súa boda con Gwawl, levando a bolsa máxica e acompañado dun cento de cabaleiros.

"Pwyll, príncipe do Annwfn achegouse á horta cun grupo de cen cabaleiros, tal como Rhiannon lle indicara, levando a bolsa con el. Ía vestido con farrapos e calzaba unhas grandes botas de pel. Cando estivo seguro de que na Corte xa estaban a beber trala cea, entrou na sala, felicitou a Gwawl e aproveitou para facerlle unha petición: 

- É unha petición modesta, señor, só pido ser aliviado da fame. Este é o favor que lle pido: que me encha esta bolsiña de comida.

- É unha petición ben humilde -dixo Gwawl-, e concedereicha de bo grado. Traédelle comida!

Moitísimos criados comezaron a meter comida na bolsa, mais a pesar de que metían gran cantidade, a bolsa non estaba máis chea que ó principio.

- Amigo -dixo Gwawl-, a túa bolsa darase enchido algunha vez?

- Non o fará por moito que se lle meta, a non ser que un home da nobreza, con terras e dominios, poña ámbolos dous pes sobre ela e diga: xa é bastante!

- Meu heroe -dixo Rhiannon- vai pisar a bolsa dunha vez!

- Fareino de grado -respostou Gwawl.

Ergueuse e puxo os dous pes na bolsa. Pwyll deulle a volta de xeito que Gwawl foi de cabeza nela e rápidamente pechouna facendo un nó coas cordas; entón tocou a trompa. Ó chamado acudiron os seus homes e fixeron prisioneiros ós de Gwawl".

Segundo sospeitamos, no panel do caldeiro de Gundestrup da fotografía teríase representado a Pwyll no momento de meter a Gwawl no saco máxico sen fondo, mentras os seus cabaleiros escoitan dende a horta o sinal da trompa, e van entrando na Corte. Ante a imposibilidade de gravar no panel a Pwyll tocando a trompa ó mesmo tempo que mete no saco a Gwawl, o sinal é dado polos tres homes da dereita do panel, que tocan o carnyx celta. Os cabaleiros que se dirixen á Corte aparecen separados en dous niveis por unha rama (ceinc, en galés), que podería indicar a primeira rama do Mabinogi (Pedeir Ceinc y Mabinogi = As catro ramas do Mabinogi) á que pertence o episodio, ou ben o espazo vexetal da horta na que están a esperar agochados. A representación de Pwyll como un xigante viría dada pola súa categoría ou estatus de príncipe, para resaltar a súa importancia: cumpre destacar que neste episodio o príncipe é agora chefe do Annwfn, o Alén galés.

O obxecto máxico da bolsa sen fondo (the bottomless bag) é propio dos contos marabillosos, polo que podemos encadrar sen dificultade, e por moitas máis razóns, o relato de Pwyll nesta categoría. Esta primeira rama estrutúrase segundo os contos marabillosos e, seguindo a teoría de Propp, como un viaxe iniciático do protagonista no que a súa formación como adulto conclúe có matrimonio coa maga Rhiannon. O folklorista ruso incide en que non é doado diferenciar estas experiencias iniciáticas ás que se sometían os xovens, dos trances xamánicos ou das viaxes dos xamáns ó Alén. As observacións de Propp póñense de manifesto no conto de Pwyll con moita máis intensidade que nos modernos contos marabillosos, pois é que o protoganista xa é principe do Alén (noutro episodio da mesma rama intercambiáronse durante un ano o propio Pwyll e Arawn, o verdadeiro dono do Alén). Doutra banda, as técnicas xamánicas do trance iniciático e da viaxe ó Alén percíbense noutro panel do caldeiro de Gundestrup, que podería estar a representar un outro episodio do mesmo ciclo mítico do Mabinogi, o de Pwyll no Alén: é o panel no que un home semella meditar sostendo un torques e unha serpe, arrodeado de animais entre os que destaca un cervo.

Ó vencellar estes paneis do caldeiro de Gundestrup có conto de Pwyll da primeira rama do Mabinogi obtemos, pois, unha secuencia temporal longa e documentada para o xénero do conto marabilloso, que vai dende o século II a.C. ata o XIV, e podemos percibir que o carácter iniciático dos mesmos, que xa aventurara Propp, estaba moito máis marcado. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario