martes, 25 de enero de 2022

As Ghrobas de Anghrobe (Narón)

Rescatamos este interesantísimo topónimo, xa mencionado por Pena Graña na súa Historia de Narón III (sen reducilo a ningún referente concreto, que saibamos). Atopámolo no Catastro de Ensenada, onde comeza a demarcación de San Martiño de Xubia: "en el marco do Pereiro agua arriba a las Crovas de Angrove y de ellas a la Pena Gallada de Ferreira, y de allí al marco que está pegado a la pared que llaman el Mormoiral y ahora se dice de Lodairo...". Evidentemente a transcrición Crovas amosa un caso de gheada en posición inicial, de aí a miña proposta de grafar o topónimo con gheada nas dúas posicións, inicial e tras o n velar.

Unha vez que localizamos o primeiro marco á beira do río Pereiro (actual Rego do Salgueiro, que verte na ría á altura de MEGASA), se o percorremos cara arriba pola banda oeste chegamos ó Castro de Sequeiro, que ten que ser o lugar que antigamente se denominaba As Ghrobas de Anghrobe, pois é que o nome de groba alude ás trincheiras e excavacións que arrodean os asentamentos fortificados do Ferro, ou ben a antigas excavacións mineiras (mais aquí, que eu saiba, non sería o caso, pois non coñezo que houbera traballos de extracción de mineral na contorna). Angrova, engrova- "Paso hondo y estrecho" (Concepción Fernández López, 1981).

Río Pereiro (actual Rego do Salgueiro) nun mapa de 1904 (Expediente para "Aproveitamento de auga no río Pereiro...", no Arquivo Galiciana).

Sospeitamos que as mencións toponímicas ás croas castrexas poderían ser en realidade grobas nas que se produciu lenición da oclusiva bilabial intervocálica e posterior perda da mesma, así como gheada en posición inicial, que evolúe cara o son oclusivo velar sordo [k]: groba > ghrowa > kroa. Independentemente de que na documentación medieval se fale das coronas (croas) como a parte máis elevada dun monte ou castro, teriamos un outro termo groba > croa, en referencia ó conxunto de foxos e terrapléns ou trincheiras dos castros.

Respecto ó segundo elemento, Anghrobe, pouco máis podemos dicir que apuntar que moi probablemente sexa outro topónimo en -obre, como Sillobre, Barallobre, etc. Neste caso cadraría moi ben a coñecida proposta de interpretación deste tipo de topónimos como derivados do céltico briga, "elevación, fortificación en altura".

Castro de Sequeiro ou das Ghrobas de Anghrobe.
Imaxe capturada do Visor PBA da Xunta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario