Rescatamos este interesantísimo topónimo, xa mencionado por Pena Graña na súa Historia de Narón III (sen reducilo a ningún referente concreto, que saibamos). Atopámolo no Catastro de Ensenada, onde comeza a demarcación de San Martiño de Xubia: "en el marco do Pereiro agua arriba a las Crovas de Angrove y de ellas a la Pena Gallada de Ferreira, y de allí al marco que está pegado a la pared que llaman el Mormoiral y ahora se dice de Lodairo...". Evidentemente a transcrición Crovas amosa un caso de gheada en posición inicial, de aí a miña proposta de grafar o topónimo con gheada nas dúas posicións, inicial e tras o n velar.
Unha vez que localizamos o primeiro marco á beira do río Pereiro (actual Rego do Salgueiro, que verte na ría á altura de MEGASA), se o percorremos cara arriba pola banda oeste chegamos ó Castro de Sequeiro, que ten que ser o lugar que antigamente se denominaba As Ghrobas de Anghrobe, pois é que o nome de groba alude ás trincheiras e excavacións que arrodean os asentamentos fortificados do Ferro, ou ben a antigas excavacións mineiras (mais aquí, que eu saiba, non sería o caso, pois non coñezo que houbera traballos de extracción de mineral na contorna). Angrova, engrova- "Paso hondo y estrecho" (Concepción Fernández López, 1981).
No hay comentarios:
Publicar un comentario