domingo, 2 de enero de 2022

Os Castros e o porto vello de Ferrol


"Plano del Puerto o Ría del Ferrol : en que existe el Departamto. de poniente situado en la Costa de Norte de España Reino de Galicia", ppios. do século XVIII (Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa). Marcados por min en letra de cor preta: Ferrol, Ermida da Madalena, Portobedo, Os Castros e Fontelonga, que se corresponden coa numeración do mapa (do 39 ó 43).

Vimos de atopar un novo castro costeiro na cidade, polo menos o indicador toponímico da súa existencia (Punta dos Castros), nun mapa do século XVIII. O castro fora construído nun promontorio a carón da Fontelonga (no actual Cuartel de Batallóns), nos terreos que agora ocupan o complexo de colexios Isaac Peral-Saturnino Montojo e a piscina deportiva privada da Marina. Máis adiante, localizamos o microtopónimo Portovedo ou Portobedo, que xa coñeciamos do vaciado que fixeramos do Libro Real de Leigosmais non o puidemos ubicar daquela.

Perfil da costa no século XVIII, entre A Fontelonga e o muelle de San Fernando (Portobedo).
(C) Biblioteca Virtual de Defensa: "Plano de la Plaza de El Ferrol".

Evidentemente Portobedo é un composto do latín Portum Vetum (porto antigo); a forma presenta fosilizado un estadío latino arcaico cuxa cronoloxía data posiblemente dos comezos da romanización da Gallaecia. Trataríase, segundo pensamos, do porto castrexo ou galaico-romano da fortificación anexa da Idade do Ferro.

En Ferrol Vello coñécese ben o microtopónimo Rúa do Castro no rueiro do porto actual, que é indicador doutro asentamento do Ferro neste tramo da ría. Ademáis, existe inventariado por Patrimonio da Xunta outro castro no outeiriño de Canido.

Os tres castros tan próximos fornecen unha idea suficiente da densidade de poboación na Idade do Ferro no territorio ocupado hoxe pola cidade. Dita densidade de poboación quedara reflictida na observación do xeógrafo hispano-romano Pomponio Mela, cando tras describir a estreita entrada da ría, falaba de Adróbrica como una urbs (cidade ou conurbación castrexa) dos ártabros.

No hay comentarios: