miércoles, 12 de enero de 2022

Mazafacha e Pedra Fachada

No Catastro de Ensenada (mediados do século XVIII) o deslinde da parroquia de Celas (Culleredo) pasaba pola Pedra Mazafacha: "de aquí a la piedra Mazafacha, y va en derechura al foxo y ojo de la fuente de las Brañas do Torreiro, piedra de Santa Marta [...]".

Non atopamos indicio algún de que o nome antigo da pedra fose "Maza da Facha", como se di nun artigo publicado en La Voz de Galicia o 24 de novembro de 2016 ("La piedra Mazafacha, un enclave poco conocido y plagado de leyendas", S. G. Rial). O máis probable é que o seu nome e o da Pedra Fachada (Catastro de Ensenada - deslinde de Queixas (Cerceda)) proveñan do latín fracta, "partida", o mesmo étimo que dá fecha, "pequena fervenza".

É así que o enorme penedo da Mazafacha, no Ghalo / Xalo, presenta unha gran fendedura á mitade. E que podería ser a primeira parte do litótopónimo? Pensamos que o latín mensa, no sentido de altar, é bastante apropiado ó contexto: trataríase entón dun penedo que se tería usado como altar rupestre ó ar libre. Mensa fracta > Mazafacha. Noutras delimitacións das parroquias contiguas, no mesmo Catastro de Ensenada, a mención do litotopónimo ven en plural como Mazafachas, cecais polos numerosos dólmenes que existiron no lugar, todos eles esnaquizados, pois é que o termo latino mensa tamén é de aplicación ós megálitos, por semellar grandes mesas de pedra.

No que respecta ó outro litotopónimo da parroquia de Queixas no seu límite coa de Rodís, presenta a particularidade da forma en participio (Fachada), cando o étimo fracta xa é participio do verbo latino frango. Leva entón unha doble marca gramatical que lle foi dada ó longo dos séculos como reforzo do sentido orixinario, xa esvaído có paso do tempo. Sen máis precisión por parte do sustantivo ó cal acompaña (Pedra) non podemos concretar se se trataría dun megálito escachado ou unha rocha natural partida que servía de marco.

Pedra Mazafachas e o marco do Seixo de Ollobo, coa Fonte Migueliña, nun mapa titulado "Deslinde total del Monte Xalo, de propios del ayuntamiento de Culleredo", 1969.

Outro étimo, mansus ou mansa, que se define no Du Cange como: "villa aut locus familiæ : fundus cum certo agri modo : villula coloni unius habitationi propria" non o vemos de aplicación neste caso por non ser o referente un lugar de habitación. Si podería terse en conta para o topónimo Saamasas (Lugo), que podería ser un caso de redundancia en dúas linguas *Sala-s + Mansa-s.

No hay comentarios:

Publicar un comentario