miércoles, 8 de junio de 2022

Casteliño en Fonte da Vila - Souto da Regueira (Cambre)

 

Microtopónimo Castelo preto do Souto da Regueira en Santa María de Vigo (Cambre).
Visor PBA da Xunta de Galicia.

Polo topónimo, relevo e situación, nun cóbado entre regos, semella un pequeno castro. A toponimia circundante, Costado e As Parizas, vai ligada ó mesmo relevo do terreo.

O microtopónimo As Parizas, ou ben é un derivado de asperum (*asper-iceas), ben documentado na Idade Media (Asperones, Asperelo), por ser un terreo abrupto, logo con separación do segmento as- por coidaren ser o artigo feminino; ou ben sería frase formada có substantivo petra + sufixo -iceas > -izas (illas petriceas > As Pe(d)rizas > As Parizas, con abertura do e en a, frecuente ante a vibrante r: ex. Parafita < Petra Fictam).

Existe outro As Parizas en Magalofes, segundo a Base de Datos de Toponimia de Galicia, e logo xa pasariamos ás formas A Espariza, que poderían ser o singular de *aspericea, có segmento a- separado por considerarse artigo feminino; ou ben un falso singular unha vez perdido o significado do topónimo frasal illas petriceas > Asparizas (plural) / Aspariza (singular non etimolóxico) / A Pariza (singular etimolóxico existente en As Cortes - Paradela).

Os topónimos do tipo Aspariz ou Espariz, moi abundantes no noso país, na nosa opinión serían formas apocopadas destas, ou ben en referencia a terreos ásperos e abruptos, ou ben a terreos pedregosos. Non se terían formado do nome xermano Asparicus

No hay comentarios:

Publicar un comentario