Achégase o verán, e previsiblemente teremos de novo nos suplementos dominicais estivais algún artigo lúdico sobre a toponimia do amor ou erotoponimia galega, baseado nas homofonías que se atopan entre o léxico cotián e o noso riquísimo corpus toponímico (v.gr. Cariño, ou Carantoña). Levamos xa un tempiño có arduo traballo de pór as cousas no seu sitio, insistindo en que o amor, se ben importante para o tipo medio galaico, queda sempre nun discreto segundo plano fronte ó disfrute gastronómico (Gastrotoponimia de Galicia), que non é outra cousa que un preludio ou preparación para a actividade máis importante da vida galega: a festa, tamén coñecida como "festa rachada" (AKA oenach céltico).
Imos ver, pois, como o espíritu festivo do galego, sempre pensando no seguinte oenach, se reflicte no eido da toponimia. E comezamos pola ubicación destes eventos. Campo da Festa é un topónimo recurrente por todo o país, existindo varias vilas ou aldeas nomeadas así. Non hai lugar digno de lembrar se non dispon dun: normalmente vai nunha explanada a carón da igrexa (á súa vez construída preto de ou sobre un castro) e está dotado dun palco de obra para a orquestra, o que tamén deixou pegada toponímica nomeando ata entidades de poboación como Palco da Música (Recesende - Teo) e Palco da Festa (Pacios - Castro de Rei). A actividade principal que se realiza nestes lugares é socializar mediante o baile, mocear ou conservar a parella que se ten atendendo ás necesidades románticas da mesma (o que nos leva nun círculo pechado ó tema da erotoponimia). Comer - Bailar - Amar.
Aínda que todo galego que se prece ó chegar a Chan da Danza (terras en Cesures - Barco de Valdeorras) improvisaría un punteado (tacón - tacón - tacón - punta - tacón), o que semella é que estamos ante un caso de homofonía entre o sustantivo danza, "baile", e o hidrónimo paleoeuropeo Alesantia > Asanza - As Anzas (J.J. Moralejo: "Topónimos célticos en Galicia", Paleohispánica 10, 2010), logo singularizado como *A Anza, coa preposición de aglutinada en Danza.
O Salón de Baile do Castellano, nome dunha entidade de poboación de Loureda - Arteixo, alude sen dúbida á existencia dunha sala de festas, versión coberta do campo da festa, precursora das modernas discotecas; non obstante a toponimia do tipo O Baile non garante sempre esta adscripción, pois a súa etimoloxía nalgún caso terá que ver có baile ou rexedor dunha bailía, "xurisdición territorial pertencente a unha orde relixioso-militar" (Fernando Cabeza Quiles: Toponimia de Galicia, 2008).
Dende logo que os músicos e os instrumentos musicais son elementos imprescindibles na boa marcha da festa, pero non sempre topónimos como O Gaiteiro (varios lugares), A Gaiteira (varios lugares), A Tamborileira (Pino - Cospeito), O Tamboril (Las - San Amaro), O Pandeiro (varios lugares), Pandeiriño (Peñosiños - Ramirás), Pandeirete (A Guía - Gomesende) e Pandeirón (Mougás - Oia) fan referencia a eles, quen o diría! Máis si cecais Guitar (Ulloa - Palas de Rei) ou Guitarro (Meixente - Sarria) e Batería (varios lugares da costa norte).
Tendo en conta que existe un sustantivo gato / gateiro (tipo de toxo) pode que a toponimia do tipo O Gaiteiro / A Gaiteira sexa en ocasións unha deformación dun posible *O Gateiro / *A Gateira, "terreo ou terra na que se ten sementado o toxo gateño"; chama a atención tamén a cantidade de fontes chamadas da Gaiteira - preguntámonos se non recibirían orixinalmente o nome de *Gateira coa acepción de "burato no muro dunha finca para recolle-la auga". Por suposto, contamos tamén coa posibilidade de que estes topónimos fagan referencia ós míticos profesionais da cornamusa que na Noite de San Xoán adoitaban xurdir dalgún túmulo ou mámoa onde se agochaban para facer soar o seu instrumento. Tamborileira e Tamboril poderían ser derivados dos topónimos Támbaro / Támaro, que temos estudado como provintes do latín tumulum, "mámoa". Os diversos Pandeiros son orónimos da familia de pando, "terreo entre dúas montañas". A Guitar e Guitarro non lles atopo etimoloxía, non sendo a que se aplica a La Guitarrera en Horcajo de Santiago, "porque la forma de la tierra recuerda a una guitarra" ("Informe lingüístico del proyecto piloto: Nomenclátor geográfico de Castilla - La Mancha"). Batería no senso de "conxunto de cañóns de artillería dispostos para atacar ó enemigo" ten a mesma etimoloxía que a batería como instrumento musical, isto é, o latín battuere, "golpear, bater".
A práctica do baile execútase na festa tradicional sempre na forma agarrada nun continuum que vai do máis ó menos agarrado dependendo da confianza. Se non tes unhas mínimas nocións do baile agarrado no pretendas ghastar pista. Xa nin vaias! O agarrado é o que ten maior tradición entre os paisanos de certa idade baixo a modalidade pecaminosa de Apretado Estreito (terras en Paradela - Toques) e a máis romántica coñecida como Curriño Apretado (Santa Comba de Carnota). Nelas é fundamental dominar as técnicas de Os Tres Pasos (Boqueixón e Baiona: seguramente *Tras Pazos con seseo), Os Xiros (varios lugares, do latín gyrum, "circuito, contorna dunha vila") e O Xiro Longo (Bravos - Ourol). Destacan tamén os xéneros modernos que practica a xuventude: a variante galega do reguetón, O Reguete (O Monte - Xove), hidrónimo derivado de rego, a Bosa Nova (seguramente unha Bouza Nova con pronuncia seseante) e A Rumba (Morás - Arteixo), topónimo para o que lamentablemente non dispomos de etimoloxía e xa olvidamos os pasos.
Poderiamos concluír dicindo que Galicia vai estar estes meses Enfesta ou Infesta, topónimos bastante numerosos no noso país e que, aínda que o pareza, non teñen que ver coas festas, como pensaba eu de pequena cada vez que viaxaba en tren e pasaba pola estación de Betanzos - Infesta, cecais si cun participio analóxico do verbo latino fero, "levar, conducir", aplicado a unha vía de comunicación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario