jueves, 21 de julio de 2022

Representacións da alma na arte rupestre paleolítica

Por unha destas casualidades non tan casual, xa que neste achádego ten moita relevancia a miña afición á arte rupestre e levo na miña cabeciña moitas lecturas de especialistas na materia e visitas ben aproveitadas a xacementos ó ar libre e covas con arte rupestre prehistórica (grottes ornées), topei coa chave que permite interpretar a escena principal que se representa en moitas delas, cecais en todas.

Ata o de agora teño moi presente a hipótese de Lewis-Williams, á que lle adicara algunha entrada no blog, na cal se sostén que nas escenas da arte rupestre prehistórica se poderían ter representado as visións que experimentaban os xamáns nos seus transos ou viaxes ó Alén có obxecto de se comunicar cós espíritus (animais, antepasados). Tamén barallara a posibilidade de seren representacións dun antigo mito da creación, hipótese que Jean Löic Le Quellec e Julien d'Huy teñen estudado en profundidade en varias ocasións.

Doutra banda, temos tamén fornecido evidencias do xamanismo prehistórico ó contextualizar e identificar adecuadamente os chamados "bastóns de mando", e ata atopáramos, tamén por unha destas casualidades non tan casuais, un novo cabaliño na cova de El Pindal:

O enfoque máis plausible, no que atinxe á interpretación destas escenas nas que os animais son as figuras principais plasmadas nas covas, terá en conta as crenzas e prácticas do xamanismo (primitiva relixión) e os mitos cosmogónicos dos seres humanos da prehistoria.

Entre estas figuriñas animais das escenas existen unhas que teñen especial relevancia, e que se definen como teriantrópicas (medio animais medio homes), teriomorfas (animalescas) ou antropomorfas (case humanas). Xa tiñamos visto e tratado algunhas delas, como a do posible xamán da cova de Hornos de la Peña (San Felices de Buelna - Cantabria). Así pois, animada pola lectura do recente paper de García de la Cuesta ("Averamientu a los antropomorfos de la cueva la Peña Candamu - Asturies") achegámonos ata San Román de Candamo (Pravia) estes días.

1. Figura teriomorfa ou teriantrópica da cova de Hornos de la Peña.

Na cova de Candamo vimos, na réplica do Centro de Interpretación, a figuriña que rápidamente se identifica coa de Hornos de la Peña.

2. Sobre a corna do gran cervo ferido, coma en equilibrio, a figuriña teriomorfa. Reprodución de José Prieto que replica o gran panel da cova de Candamo - Centro de Interpretación. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Vese que námbalas dúas se representa o mesmo. Mais que é? Pola nosa parte seguiriamos a pensar que se trata de xamáns, ou de númenes, xa que, logo, vimos de ler a bibliografía citada por García de la Cuesta, particularmente o estudo de David Alvargónzalez: "El problema de la verdad en las religiones del Paleolítico" (Ponencia al congreso Filosofía y Cuerpo: debates sobre la filosofía de Gustavo Bueno - Murcia, 10 al 12 de septiembre de 2003).

Se non fose porque na zona esquerda do panel da reprodución de Prieto atopamos unha cerva preñada que ten no seu ventre a mesma figuriña, aínda seguiriamos a falar de xamáns. Procuramos a corroboración do gravado visitando o interior da cova: e efectivamente aí estaba. A percepción da cerva preñada non é común, como ben apuntou a guía ó comentalo eu; mais non ten misterio algún nin é achacable a percepcións paranormais, pois xa vira representacións de femias preñadas na arte rupestre ó ar libre, en Siega Verde (Salamanca).

3. Representación dunha cerva preñada mediante o gravado dun teriomorfo no seu ventre. Panel da réplica de José Prieto no Centro de Interpretación da cova de Candamo. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

4. Femia preñada nos paneis de Siega Verde (Salamanca). (C) Dolores González de la Peña, 2007.

Trátase porén, non nos cabe dúbida, de figuracións de embrións ou fetos, dentro e fora dos animais, neste caso (figura 2) escapando do corpo no momento da morte. Unha especie de "homúnculos" animais representan o principio da vida, o espíritu ou alento vital, a alma: a ánima que caracteriza por antonomasia ós animais é plasmada ou imaxinada coma un pequeno animal embrionario no interior doutro, ó xeito dunha matrioshka rusa. O ser humano, fai entre 35.000 e 16.000 anos, sábese vivo, evidentemente, pero ademais pregúntase que é o que motiva a súa vida e a dos animais. Como naquela época recuada só podía partir das inferencias e datos obxectivos fornecidos pola ontoxénese dende o estado embrionario, vencellará tódalas súas creenzas existenciais a este feito e considerará ó embrión como xérmolo da vida individual e, ó tempo, ánima interior con capacidade de transmigrar ou saír cara algures... A crenza na "alma" neste sentido vese por exemplo entre os yanomami do Amazonas na película Dragonfly (Shadyac, 2002).

A complexidade do concepto de alma nas culturas primitivas ou arcaicas dos cazadores-recolectores ponse de relevo na crenza nas almas múltiples dos xívaros: eles consideran que o ser humano ten tres almas, a arutam wakani, a muisak wakani e a nekás wakami. "A nekás wakani é unha alma pasiva que abandona o corpo dunha persona cando morre e atravesa unha metamorfose que pasa por tres estadios: primero volta ó fogar onde a persona naceu e revive toda a vida da persona, sempre famento e asexando entre as sombras do xardín ou da casa baixo a forma dun cervo ou dunha curuxa; logo a nekás wakami cambia á forma dun diaño, e revive a vida da persona de novo, vagando famento polo bosque; finalmente cambia ó aspecto dunha volvoreta enorme e ó pouco cae ó chan e desfaise en vapor de auga" (D.J. Wilson, Indigenous South-Americans of the Past an Present, 2018).

Para Bremmer (seguindo a Hultkrantz) "a forma máis importante non humana na que se manifesta a alma externalizada é a teriomórfica, que constitúe unha evidencia da crenza na transmigración" (The early Greek concept of Soul, 1987, px. 64). Para nós o teriomorfismo non sería máis cunha forma de representar a característica indiferenciación dos embrións ou fetos nos seus primeiros meses de existencia (a ontoxénese reproduce a filoxénese). O asunto da natureza animada ou animal destes chega ata nosos días, e fora tema recurrente que preocupara a Porfirio na súa obra Ad Gaurum (s. III).

5. Saída da alma en forma de neno á morte de Egas Moniz. Sepulcro de Egas Moniz de Paço de Sousa - Portugal (s. XII).

Nas covas-santuario parécenos vislumbrar, pois, nestas representacións un complexo de crenzas existenciais animistas, propias do xamanismo, e vencelladas á autopercepción como ser vivo e ó misterio da vida, que conformarían unha relixión baseada na transmigración e no culto as almas animais dos antepasados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario