Odonimia dos camiños de orixe castrexa na contorna dos castros de Santa Mariña e Cervás (Ares): Camiño do Padrón, Camiño do Castro e Camiño dos Galgos.
Na nosa última visita ó Castro de Santa Mariña, e xa preto do camiño que baixa directamente ó xacemento, un veciño do lugar de Casa Vella comentounos que por alí pasaba o Camiño Real. Seguramente sexa o que aínda é ben perceptible no relevo e na toponimia da folla catastral: Camiño do Padrón, en alusión a algún fito viario, pedrón / padrón ou pedrafita.
Máis curioso resulta o nome do Camiño dos Galgos, que enlaza có Camiño do Castro e nomea ó núcleo de Os Galgos. Como dixera Piel ("Nomes de possessores latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa”, Biblos, 1947) o topónimo Galgao (Someiro - Lugo) ven de GALLICĀNUM, e seguramente Galgáns (Sumio - Carral), porén Galgos virá de GÁLLICOS. Resta por ver se o galicano de Piel e os nosos gálicos son galos (da Francia), galaicos / galegos, ou nin unha cousa nin outra.
Normalmente asóciase o termo galicano coa Galia, polo que Galgao, preto de Abadín e ó pé do Camiño Francés do Norte a Santiago, amosaría que as formas francés e galicano > Galgao sentíanse equivalentes, aínda que o adxectivo "francés" na odonimia non teña moito que ver cós francos como pobo, senón có significado de franchus, "libre de cargas, gratuito, sen peaxe" (v. Du Cange).
Neste sentido, o Camiño dos Galgos puido ser orixinariamente un camiño francés (camiño real), logo reinterpretado como "dos franceses" = gálicos > Galgos. Tamén a proximidade ó Castro de Cervás do núcleo de Os Galgos lévanos a propor un etnónimo antigo, gálicos, "galaicos", có que se poderían ter denominado os últimos poboadores do entorno do castro por parte dos cidadáns romanizados que habitaban nas vilas.
Sendo francos, tamén está a parroquia de Franza na mesma península de Bezoucos.
ResponderEliminar:D certo, eses francos poderían ser de Franza!
ResponderEliminar