martes, 8 de noviembre de 2022

Vilaño (A Laracha)

Na microtoponimia da folla catastral do entorno de Vilaño (A Laracha) atopamos o nome dun camiño que comunica o lugar cos castros de Montes Claros e As Motas e a igrexa de San Tiago de Vilaño. O camiño chámase de Milaño Vello. Esta variante ben podería deberse a unha confusión de sons bilabiais (b - m), mais o feito de estar arrodeada a zona de Vilaño de microtoponimia viaria, como Calzada e cecais Millareiras, e mailo achádego dun miliario reutilizado nalgún momento do pasado como tenante de altar na igrexa de San Tiago (hoxe exposto na sacristía), lévanos a propor que o topónimo orixinal foi, en realidade, Milaño; un derivado do latín miliam (passum).

*Milianeum > *Millaño, e por disimilación de sons palatais, *Milaño, logo Vilaño por confusión de sons bilabiais. O topónimo aludiría a un lugar onde se cumplía a distancia dunha milla de percorrido por unha calzada romana. En principio, pois, non tería que ver coa ave chamada miñato ou vilaño, segundo hipótese que formulara Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia, 2008).

Miliario de San Tiago de Vilaño (A Laracha).

Focus cuadrangular (1) que dá idea dunha posible reutilización do miliario como ara ou tenante de altar antes de ser, novamente, volto a usar tralo seu achádego como lintel da porta da sacristía.

Segundo Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey (Miliarios e outras inscricións romanas do noroeste hispánico (conventos bracaranse, lucense e asturicense), 2004), e seguindo ós seus descubridores, Caamaño Gesto e Naveiro, trátase dun miliario de Decencio datado a meados do século IV. Na nosa visita no puidemos ver a inscrición por estar cecais contra a parede ou moi gastada. 

Ficha do miliario na obra citada de Rodríguez Colmenero et al.

A advocación a San Román, da veciña igrexa de Cabovilaño, non sería meramente produto do azar, senón que indicaría unha orixe romana do lugar, que tería evidentes construcións da época no momento da fundación da vila e maila igrexa.

(1) Segundo me indica amablemente o arqueólogo José María Bello, cecais, máis que focus dunha ara, o burato tería servido para algunha outra función, como soporte dun cruceiro, por exemplo, dado o rebaixe que arrodea o cadrado, e a forma de fuste coa que foi modificado o miliario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario