sábado, 5 de noviembre de 2022

Xogos de velorio: O Abellón

Dende que Alfredo Brañas escribira a súa poesía en 1884 adicada ó costume de facer a rolda do Abellón nos velorios de Vilanova de Arousa, fixéronse interpretacións del no senso de consideralo un ritual funerario, sendo a máis significativa a que lle consagrara Murguía (Galicia, 1888):

"[...] Entran cogidos de la mano y en silencio, y como quien llena un deber religioso, empiezan á dar vueltas en torno del cadáver imitando con la boca el zumbido de la abeja. Desgraciado del que cese en sus vueltas y en el zumbido, porque es señal de su próxima muerte. [...] La abeja, unida estrechamente á las ceremonias fúnebres, representa el alma ligera, alada como ella, que abandona la colmena en que fabricaba la dulce miel de la vida. [...] Pero lo que más importa para el caso, es que en los misterios dionisiacos, el dios resucita en forma de una abeja. [...] Tiene por lo tanto el acto del Abellón una significación importante, presentándosenos desde luego unido á las más remotas ceremonias del culto de los muertos".

Moito despois, Fernando Alonso Romero no seu estudo "Las almas y las abejas en el rito funerario gallego del Abellón" (Anuario Brigantino, 2000), desenvolve a idea central de Murguía aportando unha manchea de casuística comparativa na que suliña os vínculos funerarios das abellas en diversas sociedades, dende o mundo grego á cultura exipcia e Europa, nos que aparecen como portadoras das almas ou vencelladas doutros xeitos ó eido da morte.

Mais resulta intrigante que nos estudos etnolóxicos galegos non estea documentado este chamativo ritual funerario apífero. Así pois, só contamos coa testemuña de Brañas, e máis recentemente, a que aportara Xosé Henrique Costas: "Aurora Iglesias Vilar, natural de Sárdoma e avoa do noso amigo Xosé Henrique Costas, transmitiu algúns datos de grande interese. Lembraba que neste peculiar rito funerario o primeiro círculo de familiares púñase arredor do morto collidos das mans, e zoaban como abellóns. Despois dun anaco zoando sen parar, o máis vello dos presentes lanzaba un forte aturuxo e disolvíase entón o círculo. Así finalizaba O Abellón. Parece ser que era xustamente a partir deste momento cando se consideraba que a persoa estaba verdadeiramente morta" (Pablo Carpintero Arias: "Os instrumentos musicais na tradición galega: O Abellón", Consello da Cultura Galega).

Mais con só dúas testemuñas (só unha no tempo de Murguía e Alonso Romero) é difícil soster que O Abellón fose un rito funerario no que as abellas tiñan o rol de portadoras de almas. Pola nosa parte, ante este dilema tentáramos xustificar o carácter funerario do Abellón argumentando que a palabra mesma que o designa podería ser unha pronuncia deturpada de "A Visión" ou "Avexón", que ven sendo unha forma de lle chamar á Santa Compaña (v. "O ritual funerario do Avexón"), de cuxa existencia e vínculo coa morte non se dubida. Erramos tamén, daquela, coa nosa proposta, como imos ver.

O punto de partida é que na poesía de Alfredo Brañas descríbese un velorio á forma antiga, isto é, no que se xogaban xogos de prendas e agasallábase os asistentes con bebida e comida (neste, correu abundante augardente e coméronse sardiñas salgadas); tamén se lle dirixían endechas fúnebres á defunta. O máis probable, porén, é que a rolda do Abellón descrita na poesía de Brañas non sexa un ritual funerario, senón un deses xogos que adoitaban xogarse nos velorios, así como noutras ocasións festivas. Trátase, pois, do xogo do Abellón (coñecido como "juego del Abejón" ou "juego del Abejorro" en castelán), e non dun ritual funerario no que as abellas, representadas pola danza dos familiares, conducen a alma do defunto ó Alén.

En Vilagarcía de Arousa o xogo do Abellón tería sido tan popular nos velorios que acabaría por darlles o seu nome por un proceso de metonimia. Pois é que na poesía de Brañas o propio autor é convidado a un Abellón (velorio). De feito no dicionario da RAG xa ven como sinónimo de velorio.

Un outro autor, Marcial Gondar Portasany, ten un interesante traballo sobre os xogos de velorio en Galicia: "Xogando coa morte: unha ollada antropolóxica aos xogos e falcatruadas de velatorio na Galicia tradicional" (Grial, 1983). Entre os que menciona están:

1) Xogos de cartas: As Orelladas, O Cabalo Foi á Herba.
2) Xogos de prendas e rolda: O Xogo da Man Quente; A Zapatilla; O Xogo do Avión; O Dedaliño; Martín Pirulero; A Botella.

Destaca o feito de que ó xogo de A Botella (na súa versión para velatorio) tamén se lle tiña buscado unha significación adecuada á circunstancia mortuoria: críase que a persoa diante da cal se detivese a botella no seu xiro sería a próxima en invitar ó seu velorio. Isto ven ó caso porque na poesía de Brañas o xogo do Abellón servía para facer pronósticos semellantes: o que deixaba de zoar como unha abella ou falaba sería o seguinte en morrer. Dito isto, esperariamos un estudo sobre o ritual funerario da Botella?

O grande arcaísmo destes velorios é tal, que hoxe non se comprenden ó ter sido substituídos polos circunspectos velorios de tanatorio. De aí que, posiblemente, a pantomima representada por un xogo popular de rolda insertado nun velorio se teña interpretado por erro como un ritual funerario. Mais hai un aspecto incuestionable: os xogos en se mesmos, como elemento lúdico (non un xogo en concreto como podería ser O Abellón), estiveron ritualizados no seu acompañamento no transo da morte, sendo o documento máis antergo conservado o narrado na Iliada (s. VIII a.C.) sobre os xogos que Aquiles celebrou no funeral de Patroclo.

"Velorio del angelito". (C) Francisco Oller, 1893 - Puerto Rico.

Cal é a función do xogo nos velorios? Cal a da comida e bebida? Dende logo que non só manter ós asistentes espertos... Algúns dos xogos son tan procaces como o "Se Mea" e "El Pavo y la Pava" ("La cultura lúdica en los rituales funerarios de Iberoamérica: los juegos de velorio", de Bantulà Janot e Payà Rico, Studium, 2014), nos que os participantes teñen que mexar sobre alguén, ou imitar unha cópula. A diversión, a gargallada, a música, a comida, a bebida, a cópula... son a vida, opoñéndose á morte.

O xogo do Abellón está documentado como típico xogo de tasca e fiada no manuscrito "Costumes" de Francisco María de la Iglesia (finais do século XIX), mencionándose entre os seguintes: O Lorcho, O Avellón, O Tecelán, O da Cazoleta, O dos Casados, O do Cociñeiro, O anillo, O do Odre = O do Muiñeiro, San Juan de las Cadenetas, Pita Cega, Arríncate Nabo.

(C) Biblioteca Galiciana.

O caso irlandés

O feito de inserir O Abellón entre os xogos de velorio ou fúnebres sérvenos para achegarnos a algúns datos sobre eles no eido atlántico, tomados da School Collection da National Folklore Collection de Irlanda (dúchas.ie); unha recompilación das redaccións contidas nos cadernos escolares de principios do século XX nas que os nenos irlandeses recollían a historia e as tradicións das súas parroquias interrogando ós seus maiores. 

No que respecta ós "Wake games" (xogos de velorio) poden procurarse no sitio web como "Games at wakes" / "Customs at wakes" / "Funeral games"... Destacamos que hai documentados máis dunha centena deles. Todos explicados polos nenos, e moi semellantes ós de rolda e prendas que se describen no artigo de Gondar Portasany. Imos suliñar algunhas particularidades:

  1. Ademáis dos xogos de rolda e prendas, existían xogos de tipo deportivo como o lanzamento de pedras e salto de altura e lonxitude; xogos atléticos, como os que Aquiles celebrou na honra do seu amigo Patroclo. Así, Joe Griffin (Galway) indicaba que "The next day before the funeral, stone-throwing was done to find out the strongest man in the parish. Long jumping and high jumping were also".
  2. Os xogos producíanse no entorno ritual do funeral acompañados dos prantos (Cluichthe Cointe = Xogos de prantos; banshee = carpideira, chorona).
  3. Certos xogos tiñan grande antigüidade, como The building of the fort e The building of the ship; apenas quedaban maiores que os tivesen presenciado. No xogo da Construción do castro os participantes simulaban un combate, ían enmascarados e armados de lanzas e protexidos con escudos, lembrando fortemente o antiquísimo Ludus Troiae romano, tamén de carácter funerario. No da Construción do barco representábase a construción dunha embarcación e finalmente a saída ó mar dun barco varado no lodo; suxire un fondo paralelismo coa morte e a navegación das almas cara ó Alén mariño das crenzas escatolóxicas celtas. É posible, pois, que algúns dos xogos tivesen unha compoñente simbólica vencellada á ocasión fúnebre.
  4. Nun artigo de Henry Morris ("Irish wake games", Béaloideas, 1938) amáis de describirse varios xogos de velorio, sinálase un tabú sobre estes: "these games were permissible at wakes only: it would be considered very wrong, unlucky and dangerous to play them at any other time". Precaución que puido ser certa para os xogos de velorio orixinais, pero costa aplicar semellante tabú a un xogo como, por exemplo, Antón Pirulero ou A Zapatilla.
  5. Finalmente, reservo a  sorpresa para o final. Os xogos de abellas tamén estiveron presentes nos "Wake games" irlandeses. Unha forma de xogalos era estilo "O xogo das cadeiras", na que os participantes cada un ten a súa silla para establecer nela a colmea, menos un: "One is left out an the others blackens all his face with soot form the chimney" ("Bees in the Hive" - dúchas.ie). Outra forma de xogalo era simular a construción dunha colmea: os nenos levábanlle ó que facía de abella raíña unhas palliñas na boca mentras zoaban imitando o son das abellas, da segunda volta o que lle levaban na boca sen deixar de zoar era auga (= mel?), e a abella raíña quedaba mollada ("Bee-hive", dúchas.ie).

Conclusións

Reubicar O Abellón como xogo de velorio permite estudalo no contexto xeral dos xogos fúnebres. A existencia de xogos deportivos nos velorios irlandeses, amáis dun antigo Ludus Troiae, The building of the fort, amosa o atavismo da compoñente lúdica dos antigos funerais, e facilita a interpretación dalgúns xogos que se xogaban neles como remanentes de vellos rituais funerarios.

2 comentarios:

  1. Olá Dolores.
    Lembro de pequeno xoghare a pillare os abellóns cando se metían nos bilitroques e escoitalos zoar dentro deles. Eran xoghos que erdamos dos máis vellos.
    Contaba a patrona da casa: "Quen mata unha abella ten cen anos de pena. Quen mata un abellón ten cen anos de perdón". Non sei se o decían porque as abellas tiñan o aproveitamento do mel e ós abellón case non tiñan mel nas antenas e ademais metianse nos cortizos e cobos pra roubarlle o mel a estas, ou por outra cousa.
    Unha das cousas que me quedaron ghravadas na chola era cando rezaban, ben nos velorios, misas ou pola noite o rosario na casa, ese son, que as veces era coma un "biss,biss .. ou esoutro que parecia un zoar coma o das abellas cando enxamean". Eu sempre pensaba e que era que non se sabían as oracións, e que alí os presentes facían. Bueno esto que che conto non terá nada que vere co rito que nos acabas de contare...
    Apretas mighiña

    ResponderEliminar
  2. Ola Masús :) Pois penso que diches no clavo! Si podería ter que ver, o son das abellas no Abellón podería querer reproducir esas oracións no velorio. Unha grande aperta :)

    ResponderEliminar