miércoles, 21 de diciembre de 2022

Chandrexa: igrexas, griegas e brigas

Ó me xurdir nunha búsqueda na base de datos do CODOLGA o topónimo Penna Egregia, cun claro valor oronímico (latín egregius, -a, -um = noble, principal, insigne, elevado) nun contexto que descarta calquera relación co latín ecclesia, "igrexa", xunto coa ocurrencia Chian d' Egregia, que é o Chandrexa actual de Parada de Sil ("Johannes Petri de Sequer de Boys, Adam de Chian d’Egregia", ano 1249: CODOLGA), lévame a reconsiderar a etimoloxía tradicional deste último, a que, como é ben coñecido, se fai derivar do latín ecclesia, como o nome de Chandrexa de Queixa. Máis que nada, porque en Chandrexa hai unha igrexa, si, pero tamén un outeiriño cun castro, O Castelo.


Entón temos que recuperar o excelente traballo "Griegos y griegas en la toponimia peninsular", de José Manuel González, xa do ano 1960, que amosaba como nos numerosos casos de topónimos peninsulares tipo Griego / Griega existe un castro ou poboado fortificado prerromano no lugar, o que lle levara a propor que estas formas Griego / Griega eran deturparcións do céltico BRIG-, "briga, castro, oppidum".

Posto que a pronuncia clásica de egregio / egregia era con g (egreguia) antes de pasar a x (egrexa) vese fácilmente o nexo coa toponimia Griego / Griega de González. Nós inclinámonos a pensar que Egregia, "a elevada, a insigne", foi o étimo orixinal, sinónimo en todos os seus valores semánticos do céltico briga. A anteposición da preposición de fixo que perdera, por un proceso chamado de fonética sintáctica, o e- inicial (*de Gregia) o que motivou fora de Galicia a súa conversión, por etimoloxía popular, na forma Griega. En Galicia, pola contra, non se produxo este paso pola repugnacia natural dos falantes ó diptongo ie: o Egregia seguiu o seu curso evolutivo pasando a Egrexa, Grexa ou Erexa.

Egregia  briga > Griega - na zona estudada por González.
Egregia   briga > Egrexa / Grexa / Erexa - en Galicia.

Cumpre, pois, ter moito coidado coa toponimia do tipo Igrexa, Grixalba, Chanderexa, Irixoa, etc. xa que non sempre remite a templos (ecclesia), senón a recintos fortificados en altura (egregia  briga). A sistemática cristianización dos nosos recintos castreños aproveitouse, sen dúbida, desta paronimia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario