miércoles, 21 de diciembre de 2022

O Sagrado de Sacardebois: santuarios naturais da paisaxe histórica

O Padre Sarmiento (1) foi o que por primeira vez viu a relación etimolóxica entre o topónimo Sacardebois e a súa versión medieval latinizada Rouoyra Sacrata: "Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo" (ano 1124). No Catastro de Ensenada (s. XVIII) a parroquia de Sacardebois aínda figuraba adscrita a Montederramo (Ourense), aínda que hoxe pertenza a Parada de Sil.

O monxe bieito partía da idea de que a forma Riboira Sacrata (dita lectura non é correcta, senón Rouoyra) que atopara na obra de Yepes era a forma orixinaria, na que logo se alteraría a posición do adxectivo, Sacrata Riboira > Sacra Riboira, de onde xurdiría o Sacardebois posterior. A proposta etimolóxica do Padre Sarmiento levaba, porén, a idea dunha ribeira dun río sagrado, o Sil.

O que resulta claro é que nas antigas terras de Montederramo, segundo veñen no Catastro de Ensenada, o único nome de lugar compatible coa latinización Rouoyra Sacrata é o da parroquia de Sacardebois. E non é doado, dende logo, darse de conta de que existe unha relación entre ambas formas; mais o Padre Sarmiento fiaba moito do latín e daquela non se coñecía aínda o que eran as falsas latinizacións da toponimia tan habituais nos textos monacais da Idade Media. É dicir, Sacardebois podería estar máis preto do étimo orixinal, e Sacra Rouoyra ou Rouoyra Sacrata podería ser unha pseudolatinización total ou parcial do orixinal.

Outras formas medievais que atopamos no CODOLGA, coas que aparece escrito o topónimo son:

  • Sicario de Bobus (ano 1204).
  • Seker de Bobus (ano 1238).
  • Sequer de Bois (varias mencións dende o ano 1240 ó 1258, na documentación do mosteiro de Montederramo).

Vemos nelas que os bois estaban moi presentes, e que cecais podería tratarse dun sequeiro, "lugar onde se poñen a secar froitos ou pezas de cerámica, leña...; terreo non regado". Descartámolo inmediatamente pois no entorno de San Martiño de Sacardebois (O Val) atopamos o microtopónimo O Sagrado, que explica o "Sequer" medieval como provinte do nominativo latino sacer, "sagrado".

O Sagrado xunto do Camiño Real ó seu paso por O Val (San Martiño de Sacardebois).

Preto de San Martiño de Sacardebois atopábase o mosteiro románico de San Adrián de Sacardebois (reconstruído no ano 925 segundo inscripción hoxe desaparecida descrita por Ferro Couselo), e o eremitorio-necrópole altomedieval de San Vítor (San Lourenzo de Barxacova). Temos, pois, un lucus, ou un nemeton, un bosque sagrado evidenciado pola advocación a San Lourenzo (2), a microtoponimia O Sagrado e a propia etimoloxía de Sacardebois, que vimos de presentar coa colaboración do Padre Sarmiento: *Sacer de Bobes = O Sagrado dos Bois.

Como é que un lucus é un espazo sagrado dos bois? Lembremos como se configuraban na antigüidade romana estes santuarios naturais: Dumézil tiña descrito o lucus de Hera Lacinia (Crotona - Italia) como un groso bosque de piñeiros que arrodeaba un espazo central adicado a pastos, no que pacía gando de todas as especies sen necesidade de vixiancia, protexido milagrosamente dos ataques dos animais salvaxes (3). O espazo consagrado á divindade era un espazo natural intacto coa súa flora e fauna, o que hoxe chamariamos reserva da biosfera, ou parque natural, cunha sensibilidade semellante á dos nosos antepasados.

(1) "Etymología de el nombre de lugar de San Martín de Sacar de Bois".

(2) V. "Un lucus en San Lourenzo de Niveiro".

(2) Archaic Roman Religion, I, 1996, px. 465.

No hay comentarios:

Publicar un comentario