sábado, 28 de enero de 2023

Entroido - Antruejo

Nos textos medievais galegos temos o primeiro caso documentado do uso do termo Antroido ou Entroido para aludir ó fasto do calendario previo á Coresma, ó que hoxe chaman nalgúns lugares cosmopolitas Carnaval. Non é, porén, o documento do ano 1229 de Liébana (León) a más antiga testemuña do uso do sustantivo na Península, como se ten dito: "sea la primera [vez que se menciona] "Entroydo", que aparece ya en un documento leonés del año 1229" (Caro Baroja, El Carnaval).

É máis, na documentación galega temos a secuencia do proceso de transformación da frase completa que denominaba a data, "introito Quadragesimae", na súa versión curta, "introito", de onde saen as formas coas que aínda coñecemos hoxe ó Antroido ou Entroido. A transformación explícase por sinécdoque, isto é, tomar a parte polo todo. Velaí os documentos: 

- "die introidum" (ano 1220, Oseira); a ocurrencia máis antiga conservada do termo

- "intruitum Quadragesimae" (ano 1228, Melón); a frase completa da que xurde o nome 

- "festo de entroidu" (ano 1251, Ramirás); na nosa opinión a intención do escribán fora consideralo fasto do calendario (confusión corrente nos textos antigos, a de festo por fasto)

Respecto ó termo leonés antruejo, compartimos a opinión de Fritz Krüger: a variante antrudio, con metátese ou cambio de posición da iode orixinal, promove a palatalización do grupo d+y nun son fricativo palatal que acaba evoluíndo ó son fricativo velar xordo (V. "En torno a dos palabras salmantinas: bica, antruejo", Nueva Revista de Filología Hispánica, 1953). Non ten ningunha ciencia.

A palabra, formada a partires do latín, é de orixe galaico nun sentido amplo, como era de esperar ó conservarse na zona onde tamén perviven as primitivas mascaradas invernais que se executan nestas datas, e que por elo reciben o mesmo nome.

Reflexión atopada nun diario galego do século pasado sobre o suposto abolengo castelán da palabra antruido - antruejo: "indudablemente, el gallego no puede probar, en este caso, su antigüedad de origen sobre el castellano y, así, hemos renunciado a la consulta del gallego para buscar el origen de una palabra que tiene más antiguo abolengo castellano". Colle fama e bótate a durmir!

No hay comentarios:

Publicar un comentario