miércoles, 25 de enero de 2023

Os topónimos Sino e Sinás como indicacións de termos territoriais

Luz Méndez na súa obra Toponimia de Agolada (2016) inclínase por vencellar o topónimo Sino ás campás das igrexas, xa que logo esa é a definición de sino que se atopa nos dicionarios, "instrumento oco de metal sonoro que produce sons distintos segundo o seu tamaño"; mais a filóloga avisa de que "con todo, na toponimia a palabra pode indicar tamén calquera tipo de sinal ou marca no terreo". Calquera tipo de sinal ou marca?

Nós, por suposto imos desenvolver algo máis esta segunda alternativa xa que na documentación medieval non aparece ningún caso de signum co sentido de campá, e si en referencia a marcos e sinais de delimitación (os chamados petróglifos de termo). A frecuente frase "sub signo" que aparece nos textos medievais seguida do nome dun santo en caso xenitivo non indica que o terrádego do que se fala pertenza á campá (igrexa) do tal santo, senón que a herdade está suxeita á marca de propiedade distintiva ou signo desa comunidade cristiana.
  • per alium carralem antiquum et inde per marcos et signales (Sobrado, ano 818) - signales > Sinais / Sinás
  • terminos antiquos, quomodo de suos vallatos tanget atrium Santae Mariae de parte infesto et ascendit ille monte de ille signo, et inde tras petras ecclesie per illa casale (Pombeiro, 935) - no que se documenta o sustantivo como topónimo (Monte do Sino) nunha delimitación
  • pervenimus ad patronum conscriptum, qui stat inter ipsum montem Balderici et villas quas vocitant Scornaboves et facto signo tornavimus per aggerem terre adividente per ipsum montem (Celanova, ano 950) - onde temos documentado no século X o feito de gravar un petróglifo de termo nun menhir
É pois o sentido de signum que se atopa no Du Cange (sub signum 3) o que resulta pertinente para a toponimia: "limes, terminus, finis, borne". O exemplo que fornece o glosario detalla os tipos de "signa, quæ antiquitus constituta sunt, oportet inquiri, id est, aggeres terræ, sive arcas, quas propter fines fundorum apparuerit fuisse constructas: lapides etiam, quos propter indicia terminorum sculptos constiterit esse defixos" = trincheiras ou valados cos seus terrapléns, arcas, pedrafitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario