Ingüeiro é sustantivo en desuso que designaba unha pesqueira de anguías, derivado do latín anguilarium. Na documentación medieval consérvanse testemuñas do seu valor e da perda normativa do -l- intervocálico:
- "Et in nassarios quos uocitant anguileira et benedicti", ano 923 (Lugo, Tumbo Vello)
- "Et do ei medietatem de illa piscaria de Anguieiru ad coquinam predicti monasterii", ano 1238 (Cartulario de Fiães)
O ingüeiro, dende a vella acepción de naseiro de anguías, pasou a designar por metonimia o fenómeno no que a lagoa do monte Louro (o ingüeiro) rebenta a duna que a separa do mar, e a auga salgada penetra no lago xunto co peixe.
"Antano os labregos do lugar ás veces se vían obrigados a crear artificialmente o ingüeiro cando as augas anegaban as terras de labranza dos arredores. Chamábase "ir rebentar o ingüeiro", confiando tamén en que "entrase a auga do mar a mesturarse coa auga doce que baixa do río da Longarela, e con ela o peixe, facendo do "lajo" unha gran nasa natural", cóntanos Antón Lado. Conta Nieves Formoso que ata se chegaban a pescar anguilas e ata sollas" (Blog Que pasa na costa: "O ingüeiro, o impresionante espectáculo natural da fusión da lagoa das Xalfas e o mar da Area Maior", 2018).
Vemos polos datos fornecidos no blog citado que efectivamente o lago do monte Louro era un gran naseiro natural onde se podían pescar anguías: un angüeiro. Nesta mesma fonte o informante Antón Lado expón as dúas etimoloxías que barallara para explicar o sustantivo, como derivado de lingua ou de ingua, termos que segundo el farían referencia á barreira de area que separa o lago do mar. Ó tempo, incide na utilidade da lagoa como pesqueira: "parece ser que antigamente se abría a lagoa nun proceso de traballo colectivo-comunitario que se denominaba "ir rebentar o ingüeiro" para pescar anguía e outros peixes".
Confiamos na nosa proposta etimolóxica que vencella o sustantivo e microtopónimo con arcaicas artes de pesca (de anguilarium), amáis que vai refrendada pola documentación medieval e a confirmación da utilidade do lago como naseiro natural de anguía. A expresión "rebentar o ingüeiro" significaría nun principio "formar o naseiro abríndoo ó mar para que entrase o peixe", logo pasaría a usarse nun sentido xeral para a apertura natural do lago. O paso fonético de angüeiro a ingüeiro débese á metafonía, isto é, a influencia das vogais anteriores e pechadas ei sobre o a átono, ou simplemente á inestabilidade do vocalismo átono.
O ingüeiro, vídeo e fotografía de Nieves Formoso e Manuel María Candamo, 2018.
Inaquare
Tamén resulta interesante analizar aquí a orixe de angoeiro no sentido de "cavorco profundo e irregular feito polas correntes nas marismas", ou ben "burato na base dun valado, polo que pasa a auga para regar un prado" (v. dicionarios de Estraviz e Carré Aldao), pois é que o ingüeiro da lagoa do monte Louro podería designar a canle entre a lagoa e o mar. Angoeiro tense considerado como variante de augüeiro, é dicir, sería un simple derivado de auga con nasalización secundaria do ditongo au. Mais Isidoro Millán González-Pardo tiña proposto inaquarium, de inaquare, "inundar, anegar" (Homaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento, 1958, px. 266). Dito termo atópase na documentación medieval leonesa, "inaquabat molina" (ano 938), e ven recollido na obra Léxico Hispánico Primitivo (2003).
Non entendo a necesidade de rebuscar a orixe etimolóxica dun vocábulo tan claro e transparente como ese derivado de íngua que é ingüeiro. Canal inguinal e sufixo común -eiro. Non fan falta máis voltas. Un recurso ao símil anatómico como moitos outros temos na toponimia de Galicia.
ResponderEliminarPois é unha etimoloxía ben clásica, completeina coa bibliografía e datos fornecidos por Leite de Vasconcelos. Non me parece improbable ó ser o Ingüeiro un naseiro natural de anguías.
ResponderEliminar