miércoles, 4 de enero de 2023

Reumiro (Reumiraego), Ramiro e Ramirás = Río Grande

En falando do teónimo galaico-lusitano REVE, e máis concretamente do seu epíteto REUMIRAEGO da ara de Florderrei Vello, Carlos Búa expresábase en xeral en contra da súa consideración como hidrónimo porque, dicía, "na nosa paleohidronimia a composición en -miro/-a brilla pola súa completa ausencia" ("Hidronimia e teonimia", en Onomástica Galega II, ed. Kremer, 2013).

Eu non considero xa, despois de certo tempo lendo e traballando no eido da hidronimia paleoeuropea, que o -miro de REUMIRAEGO sexa o hidrónimo paleoeuropeo *MIRA do que ten falado Rosa Pedrero (Emérita, 1996). Nin sequera vexo necesario, para continuar sostendo o carácter de divindade fluvial do teónimo e hidrónimo REVE, equiparable ó latín riuum, "río" (Villar), continuar explicando como hidrónimos tódolos seus epítetos (Paramaeco, Larauco, Marandigui, Anabareaco, Veisutu, Langanitaeco), pois é que simplemente poden estar facendo alusión ó nome da rexión atravesada polo curso fluvial, ou ó punto no que se sitúa a cabeceira do río, sen que sexa necesario ver neles sempre termos que remitan á hidronimia paleoeuropea: ó río do Páramo, o río do Larouco, etc.

O caso do calificativo de REVE REUMIRAEGO, no que se repite o tema hidronímico REVE en composición (reu-miraego), dá conta dunha tautoloxía, como se dixésemos Río Remuíño, cun re- que segundo Edelmiro Bascuas podería provir de río (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, punto 84), o que indica que o tema REVE é paleoeuropeo e xa estaba evoluído fai 1800 anos de forma que os falantes non se percataban da redundancia na que incurrían.

No segundo elemento do composto REUMIRAEGO notamos un adxectivo cognado do latín MIRUS, -A, -UM, "admirable, notable, grande", xermano MEREIS, "grande, famoso". Na nosa opinión estamos perante un caso antigo de denominación do tipo Río Grande (Reumiro), hidrotopónimo moi extendido que evita o nome propio do río, ou ben, que indica que ese nome tan común é o seu nome propio. Non é, polo tanto, que a hidronimia en -miro brille pola súa ausencia; é que hai un só caso (Reumiro = Río Grande), que vale para moitos.

Sostemos tamén a posibilidade de que dito composto poida conservarse no topónimo Camporramiro (Chantada), que dá nome a un lugar e un río afluente do Miño, e Ramirás (Celanova), preto do Arnoia, sen que en principio teñan a súa orixe no antropónimo de orixe xermano Ranemirus / Ranimirus > Ramiro, a pesar da súa apariencia. Por suposto que o mencionado calificativo céltico ou paleoeuropeo, semellante ó latín MIRUS, -A, -UM ou ó xermano MEREIS, se atopa na nosa toponimia, tal e como vimos no caso de Castromil, que non ten outra explicación, ou, no de Seixosmil < *Saxomiri, en alusión á morrena glaciar do Irimia.

A fonte do "Rey Miro" que existía en Tui no ano 1453 (documentación do Corpus Xelmírez) viría coroar a nosa proposta. Para o hidrónimo "rei" (non en referencia ó monarca, senón ó río) pódese consultar o traballo de Llamazares Sanjuán Rey, Reina y términos conexos en la toponimia leonesa (Lletres asturianes, 1993).

No hay comentarios:

Publicar un comentario