jueves, 12 de enero de 2023

Rego Rebolo

 

Rego Rebolo na aldea do Rebolo (Vilavite - Friol).

A existencia dun sustantivo en galego como é rebolo, "roble; carballo; retoño de roble", aínda en uso, non debe levarnos a considerar que a toponimia Rebolo teña que estar sempre relacionada con el. A homonimia é un feito bastante corrente na investigación toponomástica, o que conleva a existencia dunha grande cantidade de homónimos, como o topónimo Pereira (que non ter que ver coa árbore de idéntico nome, senón que ás veces é un derivado do latín petraria, "lugar de pedras"), ou Maceira (que non é sempre a árbore, senón a versión romance do latín macenaria, "muro de pedra"), etc.

No caso de Rebolo, vemos que é frecuente como nome de regos, existindo outro Rego do Rebolo que nace no pico de Montouto, entre Quiroga, Vilamartín de Valdeorras e León, correndo por terras leonesas. O máis probable é que a súa etimoloxía sexa o diminutivo latino rívulum, "rego", que na documentación medieval galega se atopa evoluído na forma ribolo, con apertura do u en o, o que podería ser a causa do desprazamento acentual [ribólo]: "ribolum Deze", "ribolum Zeia"; "riboli Laurenzana"; "ribolum Aliste"; "ribolo Tamega"; "ribolo Caue"; "ribolo Aue"; "ribolo Torto"; "ribolum Pel"; "ribolo Catavvo"; "ribolo Nevie"; "ribolo Alistelio"; "ribolo Tuela", etc. (fonte: CODOLGA).

No hay comentarios:

Publicar un comentario