Ó pé do castro verde,
Ben’ os mira ó pasar;
Q’ en masa escura e informe,
Ajuntados están,
E na nativa costa,
Os escuita fungar:
Parécelle que soan,
Intrépido compás,
Cuida que do combate,
Murmuran o siñal;
En escadrón formados,
Cal gente de Breogán,
En falange de ferro ben tecida,
Que s' aprest’ a luitar.
(Queixumes dos pinos, poema 1, 1886)
Semella que na crítica literaria existente sobre a obra do bardo Eduardo Pondal non se atopa unha adecuada intrepretación dos versos que aluden ó exército de arbres co que comeza o poemario de Queixumes dos pinos.
"A presentación dos pinos como un exército de guerreiros celtas en formación dispostos para a loita fora interpretado por Forcadela como un sinal da influencia da cultura helénica" (María Xesús Lama López, O celtismo e a materia de Bretaña na literatura galega: Cara á construcción dun contradiscurso histórico ficcional na obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, tese de doutoramento, 2001), e aí quedou a análise destes versos, que poderían verse enriquecidos na súa apreciación se se fixera unha comparativa co motivo literario do Combate das Arbres pertencente ó ámbito do folklore celto-atlántico, que verdadeiramente é a influencia directa de Pondal neste punto, non a helénica.
Piñeiro-fungador do escadrón de Pondal, con "caetra" de Fátima Grandal Artesanía.
(C) Dolores González de la Peña.
Primeiro, nunha orde inversa, poderiamos mencionar ós Ents de Tolkien, e a Bárbol, xigantescos seres arbóreos que na triloxía do Señor dos Aneis marchan sobre Isengard. Segundo Tolkien, para a súa marcha do exército de arbres inspirouse, tentando mellorala, na do Bosque de Birnam cara Dunsinane Hill (Macbeth, de William Shakespeare).
Lemos en Mary Gleeson ("Celtic Undertones in Macbeth", 1992) que se lles atribuía ós druidas galeses o poder de transformar as arbres en homes para envialos ó combate: é o motivo do Combate das Arbres ou do Câd Goddeu, fundamental na tradición céltica. No galés Llyfr Taliesin, do século XIV e da autoría do bardo Taliesín, aparece desenvolto o Câd Goddeu: o druida Gwydyon dota de movemento ás arbres do bosque para que loiten nun combate contra o exército do Alén. Cousa que Pondal, na súa función de bardo que recupera tradicións célticas, voltou facer no poema que abre Queixumes dos pinos.
Na Francia o topos de La Fôret qui Marche aparece dende o século VIII no Liber Historiae Francorum: Frédégonde para enganar ó enimigo organiza unha incursión pola noite, agochando ó seu exército baixo polas de arbres.
Tratáramos xa do tema paralelo, anterior cronolóxicamente ó galés, do Bosque Flotante ou da camuflaxe arbórea das naves dos invasores almuxuces que se conta na Historia de España de Alfonso X: o pobo dos almuxuces, adorador do lume, puido conquistar a cidade da Coruña evitando ser vistos dende o speculum do faro revestindo as súas naves con frondes. Este topos tamén aparece na lenda medieval do Rei Ramiro ou "Lenda de Gaia": "El cubrio as galees de pano verde e emtrou com ellas por sam Johane de Furado que hora chamam san Johane da Foz. Aquelle logar de huuma parte e da outra era a rribeira cuberta d'arvores, e as galees encostouas só os rramos dellas, e porque eram cubertas de pano verde nom pareciam".
Se a orixe do topos, como se podería pensar polos datos máis antigos, parte da táctica da camuflaxe, ou se pola contra se basea nunha concepción das arbres como unha especie de espíritus guardiáns do territorio, é unha incógnita que aínda está por averiguar, mais o que si queda claro é que a influencia do poema de Pondal foi o mito do Bosque que Camiña, que seguramente tomou directa ou indirectamente do Libro de Taliesín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario