miércoles, 8 de marzo de 2023

Mazarelos

 

Arco de Mazarelos nun dos accesos da antiga muralla de Santiago de Compostela.

Do latín maceria, "muro", xurdera moita toponimia do tipo Maceira, da que xa temos tratado ("Maceira, Mazaira y Maciñeira", Arqueotoponimia, 2015), a que normalmente, e erróneamente, considérase sempre dentro da fitotoponimia (arbre que dá as mazás).

Dicía Du Cange no seu glosario que as maceiras eran "grandes paredes que pechaban viñas ou calquera outro espazo" (Du Cange, sub maceria 3). Evidentemente, en Mazarelos temos un derivado de maceira neste sentido que vimos de recuperar. Macerella (Italia) e similares, como derivado do latín maceria é topónimo espallado pola Romania. Precisamente Gonzalo Hermo no seu estudo sobre os nomes do rueiro compostelán recolle Maçerellas como antigo nome, logo "masculinizado" en Mazarelos (Os nomes das rúas, 2019). Supomos que a motivación do nome non ven polas mazás, senón polas murallas ou paredóns que pechaban a cidade deste lado.

Pola Porta de Mazarelos ou Mazarellas entrábase á Praza do Mercado Vello (actual Praza de Mazarelos), polo que tamén era coñecida como Porta do Mercado.

Plano de Santiago de 1796 (Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa). Co número 13 xunto dunhas anotacións en tinta vermella sinálase a Porta de Mazarelos, e co número 7 a Praza do Mercado Vello (hoxe Praza de Mazarelos, onde estiveron sucesivamente as Facultades de Filoloxía, Periodismo e Filosofía). No número 48 estaba o antigo hospicio para orfas.

As catro portas principais de Santiago, cos catro camiños, no Dicionario Xeográfico de Tomás López, polo capellán de Santo Estevo de Abellá, D. Pedro Antonio de Mendoza y Ozores. De esquerda a dereita: Porta de San Roque, Porta do Camiño, Porta do Mercado e Porta Faxeira.

A especificidade do termo latino maceria para facer referencia ás defensas dos castros ponse de manifesto nos textos de Varrón, que describe as maceriae hispanas como muros de peche que protexían un dominio, formando bancais de terra apisonada mesturada con pedras, dispostos en grandes moles (Architectures de terre et de bois, J. Lasfargues ed., 2021); caracterizábanse pola súa grande solidez e longa duración, de séculos.

Sospeitamos, porén, que no rueiro compostelán, no nome e na configuración da Porta de Mazarelos, teríanse conservado as trazas das defensas castrexas do antigo recinto fortificado do Ferro de Santiago de Compostela, que continuarían cara "o Acynto ou Çinto Vello [...] situado cara á actual praza da Pescadería Vella [...] nome que podería facer referencia ao muro máis oriental do antigo castro" (Alsina, apud Gonzalo Hermo). O nome de Callobre que recibía a rúa do Preguntoiro non faría referencia ó castro da cidade vella, como sinala Búa (na ponencia "Toponimia de Callobre", Congreso Internacional de Toponimia do Camiño de Santiago, outubro de 2022). Otero Pedrayo clasificouno como "nombre itinerario", é dicir, relativo á súa cualidade de ser unha vía de comunicación; polo que seguramente foi creado como un derivado de calle máis un sufixo derivativo que se entendeu como despectivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario