sábado, 11 de marzo de 2023

San Vicenzo / San Vicente: topónimos augurais

San Vicenzo ou San Vicente adoita ser a cristianización dun castro previo chamado Vincente, participio de presente do latín vincere, "vencer". Sería, pois, un nome augural semellante ó nome celta de Segobriga, "a fortificación victoriosa".

Os nomes augurais impúñanse as novas fundacións ou ás refundacións coa intención ou o desexo de propiciar a súa boa fortuna. Castro Vicente (Mogadouro - Portugal), Castro Vicente (O Pazo de Mende - Vilasantar), Castro de San Vicenzo (Cerceda). Coa chegada do cristianismo algúns deles pasaron a entenderse como formados a partires do nome homónimo do santo: San Vicente, unha das advocacións máis antigas, documentada dende o ano 747.

Un caso semellante, aínda que non fora obxecto de cristianización no noso territorio, é o dos topónimos Valente / Valença, formados, como no caso de Vicente, polo participio de presente do verbo valere, "ser forte", que explicaría o nome de Castro Valente (Padrón).

Castro de San Vicente (Vilamerelle - Guntín).

No hay comentarios:

Publicar un comentario