domingo, 12 de marzo de 2023

Flamosus = Chamoso, un derivado do prerromano lama

A palatalización espóradica do l- inicial latino ou prerromano nun son africado ch ou ts, semellante á che vaqueira do astur-leonés, documéntase dende a formación do galego como lingua románica, a meados do século VI.

Constátase na toponimia Chaguazoso (Ourense) como equivalente de Chagozos e Chagüezos (Asturias), os que se consideran derivados provintes do latín lacum, "lago" (v. García Arias, e Xulio Concepción).

No léxico galego temos chagorza, que Aníbal Otero define como "Poza, charca, en Mercurín; lagorceira, con hierba por el medio, en Córneas. La africación de l está atestiguada por la toponimia: Chamoso. Alaguar, alagar, en Maderne" (Vocabulario de San Xurxo de Piquín, 1977).

No Diccionario normativo galego-castelán de Boullón, Monteagudo e García Cancela, defínese chaguazo como "lugar encharcado donde abunda el agua", termo que nomea tamén á "planta, mata pequeña que nace en el agua, semejante a la jara". Chaguazoso é, segundo a mesma fonte un "terreno donde abunda el agua durante casi todo el año. Augacento. Brañento".

Vemos, porén, que a etimoloxía comparada entre o galego e o astur-leonés, as acepcións dos dicionarios dos termos chagorza, chaguazo e chaguazoso, maila indicación de Aníbal Otero respecto á africación do l-, levan a considerar que esta serie de nomes proveñen do latín lacum, "lagoa", máis sufixos derivativos, aumentativo e abundacial: -azo + -oso.

Sentado un primeiro precedente para a africación esporádica do l- inicial en galego, resta ver se hai algún caso máis. Segundo pensamos, e semella que Aníbal Otero tamén o cría, o topónimo Chamoso podería ser un derivado do termo prerromano lama, "barro, terra húmida", coa africación do l- inicial que estamos a comentar. Chamoso documéntase no ano 569 como nome dun dos comitatus ou condados altomedievais nos que se fragmentou a Gallaecia Lucense. O seu límite territorial iniciábase no punto no que o río Neira entraba no Miño, sobre O Páramo (Lugo): "comitatus Flamosus" "oritur ubi intrat flumen Neira in Mineo".

O fenómeno de palatalización do l- inicial se produce tamén en Portugal. Hugo da Nóbrega Dias infórmame amablemente dun feito ben interesante: "na zona de Lamas, perto de Santa Maria da Feira, os mais velhos dizem LH em vez de L: Lhamas por Lamas, lhevou por levou, lhuva por luva, lhobo, etc.".

Comitatus de Chamoso. Río Neira, entre O Páramo e O Corgo.

A grafía medieval Flamosus (Chamoso) daría conta do resultado africado palatal xordo do l- inicial de lama, ó equiparalo co resultado ch procedente do grupo fl- latino (flamma > chama, "lapa"). O escribán estaría escoitando a pronuncia africada Chamoso e na escrita restituiría a grafía que el cría etimolóxica, pois xa daquela os grupos cl-, pl-, fl- terían evoluído cara o son africado palatal xordo ch (clamare > chamar; plorare > chorar; flos, floris > chorima).

Esta hipótese serve para establecer, no que atinxe á lingua galega, a palatalización do l- inicial e, indirectamente, a dos grupos pl-, cl-, fl- nun son africado palatal xordo nunha data anterior ó ano 569, cinco séculos antes das primeiras probas aportadas por Menéndez Pidal (Orígenes del español) para o ámbito castelán e leonés: nestas linguas a palabra latina clausa aparecía na documentación medieval como flausa, plosa e flosa; o verbo latino adclamare aparecía como aflamasen; planum como flano, etc. Estes casos de ultracorreccións probarían, segundo o mestre, que nos séculos XI e XII xa existía nestas linguas a evolución cara ll dos grupos pl-, cl-, fl- iniciais. O Flamoso [Chamoso] galego documentado no ano 569 ven sendo outro caso de ultracorrección que nos serve para plantexar consideracións semellantes ás de Pidal e, porén, remitir o fenómeno de palatalización dos grupos pl-, cl-, fl- na diacronía do galego ós remotos inicios da formación da lingua, cara finais do século V. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario