jueves, 11 de mayo de 2023

A toponimia: patrimonio cultural únicamente inmaterial?

A Xunta de Galicia na súa LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, no seu título V adicado ó Patrimonio Cultural Inmaterial di:

"A Xunta de Galicia velará, xunto con outras institucións da Comunidade Autónoma, pola preservación da toponimia tradicional, que se considera un valor identitario da Comunidade Autónoma así como un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens".

O erro fundamental desta declaración de intencións estriba en encadrar a toponimia no patrimonio inmaterial, vixiando só a preservación dos nomes de lugar, cando a toponimia está ligada intrínsecamente ó territorio que nomea. Non se entende un topónimo sen o fragmento da xeografía, ou da paisaxe cultural ou natural nomeada. E isto é así porque os topónimos son signos lingüísticos, cunha cara significante (os sons) e unha cara significado (o contido semántico) que se reflicte exactamente no referente designado (no caso dos chamados topónimos transparentes, de significado coñecido).  

Decía Nadja Penko que no futuro inmediato "vaise introducir unha nova xeometría espacial, consistente coa moderna tecnoloxía agraria, pero non necesariamente respetuosa coa organización espacial actual e, en consecuencia, cos nomes do parcelario. A pesar de que con frecuencia son definidos como negativos, estes cambios son unha resposta ás tendenzas actuais, e algo completamente natural no desenvolvemento da paisaxe. A principal razón para valorar negativamente as paisaxes modernas son a súa monotonía, falta de diversidade, de atractivo visual, harmonía e identidade. Pese ás reservas e limitacións mencionadas, unha das formas de protexer o valor das paisaxes culturais tradicionais é a preservación dos field names (nomes do parcelario, microtoponimia). Mais os nomes só poden ser preservados coa única condición de que a súa integridade espacial se manteña" ("Significance of Toponyms, with Emphasis in Field Names, for Studying Cultural Landscape", Acta Geographica Slovenica, 2008).

Sen chegar ó extremo da investigadora, pois sabemos da utilidade de manter a toponimia tradicional ligada ó terreo (aínda que a forma e función deste mudara ou desaparecera) como xeradora de identidade comunitaria, ou como ferramenta para achegarse á historia e á paisaxe pasada, si concordamos con ela na necesidade de manter os field names e a súa integridade espacial sempre que sexa posible, sobre todo cando responden a formas de asentamento, ocupación do solo e actividades tradicionais que forman parte do noso patrimonio cultural e da nosa esencia como pobo.

A concentración parcelaria ortogonal do Castro de Galegos (Frades) desfixo o lado este do recinto castrexo da Idade de Ferro, os seus camiños periféricos e a característica paisaxe de agras de contornos arrondeados desenvolta no entorno.


Unha concentración que tivese protexido a fortificación prehistórica e os accesos tradicionais, con mínimas melloras nos mesmos, e que permitise o traballo cos tractores e outras máquinas (sen ser necesariamente cuadriculada, senón con outras xeometrías adecuadas ás formas dos polígonos agrarios subxacentes) tería sido moito máis oportuna e respetuosa coa paisaxe tradicional e a toponimia que a nomea.

Castro de Galegos no Voo Americano de 1956-57.

No hay comentarios:

Publicar un comentario