jueves, 11 de mayo de 2023

Inter duos rivulos = Inter ambas aquas e outros interamnes

As nosas Mesopotamias


A frase locacional inter duos rivulos é das máis frecuentes na documentación medieval á hora de situar unha fundación ou un lugar. Normalmente explicítanse os nomes dos dous ríos a continuación, e ás veces utilízase a variante inter ambas aquas / amnes ou inter ambos rivulos, fornecéndose o nome destes: "Inter ambas amnes Ulie et Deza" (Camanzo, 1096). Queda claro nestes contextos que "ambas" é o adxectivo dual latino ambo, ambae, ambo, "ámbolos dous, ámbalas dúas".

Case calquera elemento da paisaxe entra en combinación coa frase locacional inter ambos ou inter ambas, amáis dos hidrónimos: pandos, montes, cangas, portos, pontes, castros, casas, vilas, igrexas, valos, carrais, veredas, antas, lagoas, viñas, devesas...

Pese ó anterior, tense argumentado que os topónimos tipo Ambas Mestas non estarían formados polo adxectivo dual latino ambo, ambae, ambo, senón polo céltico ambe, "auga, río" (termo coñecido polo Glosario de Endlicher) máis o adxectivo Mestas procedente do latín mixtas, "mesturadas, mezcladas", o que faría referencia a unha xunta de augas ou ó punto no que un afluente desemboca no río principal. A idea parte de Corominas (1), e baséase no valor de adxectivo que lle otorga a Mestas; se Mestas é adxectivo, Ambas terá que ser forzosamente un substantivo (non o adxectivo dual latino), e por isto recorre ó substantivo céltico ambe, "auga, río". Ambas Mestas = augas mesturadas.

Mais o valor exclusivamente adxectival de Mestas é dubidoso, toda vez que se atopa como substantivo continuamente na documentación medieval:
  • per illas mestas de Freznedo (ano 780)
  • per illas mestas de agua de Bao (1025)
  • per mestas de Lourenzana & Masma (1117)
  • as mestas de Asperancia (ano 1120)
  • mestas de Loura (ano 1174)
  • et inde per rivulum de Guaa sicut intrat ad Mestas d' Escourido (1257)
No último exemplo vese ben claro o sentido de "confluencia" de Mestas. Este feito, máis a súa categorización como substantivo, leva a pensar que Ambas Mestas é un topónimo como os demáis, composto polo adxectivo dual de orixe latino máis o substantivo Mestas, que indicaría a existencia nese punto dunha confluencia de dous ríos.

Erra Bascuas, pois, ó declarar que "está claro que Ambasmestas (en la confluencia del Sil y el Miño) es una formación híbrida del celta ambas + latín mixtas, y no puede tener otro sentido que el de "aguas mezcladas", con un claro valor apelativo de ambas", o que poría en evidencia, segundo o investigador, que a palabra céltica amba aínda estaba en uso no século XII. E continúa errando cando di que Augas Mestas (Quiroga - Lugo), na confluencia do Lor e o Sil, documentado como "Ambas Mestas" no ano 983, indica un cambio de Ambas por Augas o que apuntaría a un calco romance "revelador del valor apelativo que por estas fechas tenía el celta ambas" ("Celta amba 'agua', conservado como apelativo en Galicia hasta el siglo XII. Derivado *ambra", Studi Celtici, 4, 2005).

Na nosa opinión, o cambio do histórico "Ambas Mestas" por Augas Mestas (Quiroga) supón a perda do adxectivo dual latino, por conter o plural Mestas xa un matiz semellante. Pola súa parte, o substantivo Mestas semella que precisou ser glosado máis extensamente como Augas Mestas.

Ambas Mestas e Ambas Casas en Vega de Valcarce (León) - a contigüidade dos topónimos descarta que o céltico ambe entre na formación do primeiro.


Unha extraordinaria aportación do cartulario de Guimarães amosa como a localización nun interamnium podía expresarse de varias formas, todas elas en combinación con adxectivos duais:

inter bis amnes - bis é tamén un dual latino
utrasque Aues - utrasque, tamén un dual latino (uterque), xunto co hidrónimo Aues
inter duas amnes - duas, numeral dual
inter ambas Aues - ambas, dual latino

  • "quorum baselice fundate cernuntur in loco nunccupato Morarie fundo inter bis amnes utrasque Aues sibe [entre dous ríos ou ambas Aves] et inter duorum alpes Unione et Caballorum montes suburbio Bragarense haut procul a Termas Calidas et deorsum ponte lapidea id est Sancte Thecla" (Guimarães, 983)
  • "inter duas amnes Ave e Avizella" (Guimarães, 950)
  • "villa nominata Crexemir que est secus fontano Selio territorio Inter Ambas Aues" (Guimarães, 926)
Textos que sinalan en Portugal o uso destas fórmulas, unha delas co dual latino ambas, cuxo uso Bascuas limitaba ó entorno de Lugo para derivar delo que a provincia lucense fora o foco do suposto celtismo ambas (ambe = río). Ademais, apuntan á equivalencia entre o latín amnis [río] e o paleouropeo Aue, que aínda estaría en uso como apelativo no século X.

Unha outra variante é bisria e Bisaquis:
  • "quorum baselicam vel monasterium constructum esse cernitur inter bisrivula Naviola et Squadro, territorio Tybris" (Celanova, ano 963)
  • "in terra Bisaquis, inter duo flumina Eume et Iuvia" (Caaveiro, ano 1175) - arciprestazgo de Bezoucos
(1) V. a revisión de Abelardo Moralejo á hipótese de Corominas, en "Ojeada a los topónimos hispánicos y especialmente a los gallegos de origen prelatino de J. Corominas", Verba, 1978.

No hay comentarios:

Publicar un comentario