martes, 30 de mayo de 2023

Portomeiro, un porto que non é un porto

Portomeiro (Val do Dubra) non é como Porto Moeiro (Aranga, no camiño antigo dende o Monte do Gato a Torre Lavandeira), non ten as características dos portos que atopamos nas vías de tránsito natural que van polas cordas ou divisorias de augas balizadas de megálitos, así pois terá outra etimoloxía, como puidemos comprobar, non sen dificultade, nas bases de datos do CODOLGA e Corpus Xelmírez.

  1. ... et exitus de uilla Bertomario, ubi ego abitaui, abeat eas Trudili in sua uita (ano 1094)
  2. ... et de Bertomario, si de Uilano quomodo de Susano. cum totas suas populationes (ano 1094)
  3. ... uidelicet: Portum Mauri, Bertumeriu, Uillarinum... (ano 1181)
  4. Didacus sacerdos de Bertumeiro (ano 1181)
  5. Johan Affonso de Bertomeyro (ano 1330)
  6. Vilar d ' Õa que he ẽna frigrjsía de Sam Cosmede de Bretomeyro (ano 1345)

Non cabe dúbida de que este "Bertumeiro" é o Portomeiro actual, que se transmutou en porto contaxiado polo topónimo contiguo Portomouro, ó ter ambos un consonantismo idéntico. Esta documentación serve para coñecer algúns habitantes da vila (a unha dona chamada Trudila, a Xoán Afonso e ó sacerdote Didaco) e comprobar a división do lugar en dúas partes: o Bertumeiro de Susano (que sería o castelo que se está a excavar na actualidade) e o Bertumeiro Vilán ou de abaixo, a actual vila de Portomeiro.

O castelo, segundo a documentación medieval, continuaba habitado ata principios do século XII pois no segundo documento fálase das poboacións dos dous barrios, incrementándose así en dous séculos (1) a cronoloxía deducida das excavacións que se están a realizar, dirixidas polo doutor Sánchez-Pardo (grupo de investigación SINCRISIS - Universidade de Santiago).

Na mesa e de esquerda a dereita, Sánchez-Pardo, Noemí Silva e Samuel Nión durante a charla sobre os resultados das excavacións efectuadas no xacemento medieval do Castelo de Veiga (Celas - Culleredo), onde se expuxo o estado dos coñecementos arqueolóxicos e históricos sobre os castelos altomedievais galegos. (C) Dolores González de la Peña, 2023.

En canto á etimoloxía de Portomeiro < Bertumeiro, este último ten aspecto de nome propio bitemático arcaico, semellante ó galo Viridomarus / Britomarus, Marcomarus, etc. e cecais cabería analizalo en relación con toponimia histórica como Corissomario (Bergantiños - s. IX), ou nomes propios medievais galegos de orixe xermana como Gualamarius, Fromarius, Emmarius, Tungemarius, Gondemarius, Arimarius, Leodemaro, etc. (v. CODOLGA) cun segundo formante *MEARH, "cabalo".

(1) Os niveis de Portomeiro pertencen os séculos IX e X, segundo datacións inéditas de Alonso Toucido (Nión-Álvarez, Sánchez-Pardo, Alonso Toucido et al.: "Definiendo cronologías cerámicas y procesos de fortificación altomedievales desde el noroeste peninsular. Una aproximación desde el Castelo da Veiga (Culleredo - A Coruña)", Lvcentvm, 2023).

No hay comentarios:

Publicar un comentario