domingo, 4 de junio de 2023

Ona e Vilardoa (Portomeiro)

Clarinda de Azevedo Maia tratara a orixe de ona en "Ona um arcaísmo galego-portugués. Breve contributo para o estudo das fórmulas de tratamento na lingua medieval galego-portuguesa" (Revista de Filología Románica, 1984). En realidade fora esta investigadora a que prestara atención por vez primeira a unha palabra na que ninguén reparara ata entón.

A contribución de de Azevedo limitouse á análise da documentación do mosteiro de Ramirás, pois non atopou máis ocurrencias do uso de ona fóra deste mosteiro. Na casuística de Ramirás revélase que ona tiña o significado de abadesa, en uso dende o século XIII ó XV: "Ona Orraca Petri" (1216), "Ona Maria Fernandi" (1225), "ego Maria Fernandi, Ona de Ramiranes" (1225). A partir de 1423 as patroas de Ramirás chámanse de abadesas.

A orixe de ona segundo a investigadora hai que procurala na forma medieval galega miona (coñecida dos filólogos e historiadores), procedente da aglutinación do posesivo mea e o substantivo domina (latín domina, "señora"), tratamento honorífico destinado ás mulleres da alta nobleza. A aglutinación do posesivo ó substantivo facilita a caída do -d- ó quedar situado en posición intervocálica. Outros resultados nas linguas románicas coa conservación do -d- son ben coñecidos: madonna (italiano) ou madame (francés).

O valor posesivo da cadea fónica mi que integraba o tratamento miona aínda sería patente na Idade Media, segundo de Azevedo, pois separouse en mi - ona, quedando illado o termo ona coa posibilidade de funcionar de forma autónoma, tal e como se atopa na documentación de Ramirás. Tamén probaría que se coñecía o valor posesivo orixinario da formación o feito de existir hipercorrecións como miana e minhana en portugués, pois é que, froito dunha incorrecta segmentación, a cadea fónica mio de miona tomouse como adxectivo masculino, e sustituíse polas formas mia e minha (v. Gunnar Tilander: "Portugués antigo miona, miana", Archivo de Filología Aragonesa, 1963-64).

Pola nosa parte, comprobamos que efectivamente mea domina, de onde proviría miona, fora exclusivo das señoras da máis alta liñaxe, pois a súa primeira aparición na documentación galega vai ligada á condesa Ilduara, nai do bispo San Rosendo de Celanova: "mea domina domna Ilduara" (ano 947). Constátase xa o uso do dobre tratamento co emprego de formas cunha mesma orixe etimolóxica (latín domina).

Tamén comprobamos que o uso de ona estivo máis extendido na Galicia medieval, non estaba limitado só ó mosteiro de Ramirás. Atopamos tres casos máis, co dobre tratamento:

  1. "ego comitissa donna Ardio, de consensu viri mei comiti domno Alvito et soror mea ona dona Azenda" (ano 997 - Caaveiro). Advertimos de que o "mea" que precede a ona vai con "soror" (viri mei e soror mea).
  2. "ona domina Marina" (ano 1161 - Santiago)
  3. "Suarius Pelaiz fuit marito da ona donna Hermesenda" (Caaveiro - sen data)
Os dous primeiros exemplos son, amáis, ben máis antigos que os de Ramirás e permiten percibir o significado orixinal de ona, pois non se aplican a ningunha abadesa, senón a mulleres da alta nobleza. Non se atopa ona, "señora" (< domina) fóra de Galicia.

Semella, pois, bastante posible que o topónimo Vilardoa (Portomeiro - Val do Dubra), documentado como "Vilar d ' Õa que he ẽna frigrjsía de Sam Cosmede de Bretomeyro" (ano 1345 - Corpus Xelmírez), teña a súa orixe na fórmula de tratamento ona, propia das mulleres da alta nobleza galega. Trataríase cecais dunha noble vencellada ó veciño castelo de Portomeiro, propietaria do vilar, que tería sido nomeado a partires do tratamento honorífico da súa posuidora. A forma Õa de 1345, con til de nasalización, garante cando menos a base Ona, que seguramente sexa a mesma palabra que estamos a tratar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario