domingo, 2 de julio de 2023

O óstraco [—]GERESIBV[S] e os topónimos O Gerês / O Xurés, Ourense e os montes "Auregenses"

Óstraco da mansio dos Baños de Río Caldo. Fotografía cedida polo equipo de Davide Bande.

A campaña de excavacións e consolidación da mansión romana dos Baños de Río Caldo (Lobios - Baixa Limia), promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio e dirixida polo arqueólogo David Pérez (Davide Bande) aínda está en curso, pero xa forneceu material interesantísimo, como este excepcional óstraco, isto é, un fragmento cerámico con escritura, no que se pode ler a palabra [—]GERESIBV[S] na segunda liña, en caso dativo ou ablativo plural latino. A noticia do seu achádego foi presentada antonte na prensa ("Un topónimo bimilenario, el hallazgo en Lobios", artigo de Laura Fernández en La Región, 30/6/23).

Como non somos expertos en epigrafía, deixamos como é preceptivo o estudo da peza, máis a lectura do campo epigráfico formado polas dúas ou tres grafías da liña inmediatamente superior, que entraña bastante dificultade, ós especialistas nesta materia.

Nós centrarémonos exclusivamente nunha revisión da bibliografía sobre o topónimo que se está a escribir claramente na segunda liña, moi estudado por parte dos filólogos.

Nesta segunda liña lese sen dúbida algunha o nome desta mansio pertencente á vía romana XVIII, de Braga a Astorga. O óstraco garante que a de Baños de Río Caldo fora a mansio que no Ravennate e na Tabula Peutingeriana se mencionaba como Aquis Ocerensis, mentras que no Itinerario de Antonino e nas Tablas de Astorga a forma rexistrada era Aquis Oreginis ou Aquis Originis (Bascuas, 2017). Á vista das testemuñas anteriores, a restitución dunha [O] inicial para o topónimo, que daría unha lectura acabada [O]GERESIBV[S], semella case segura... mais polo momento non imos propoñer esta restitución.

Fora Amilcar Guerra (Guerra, 2003) o investigador que se decatou da relación etimolóxica entre o nome da Serra do Gerês / Xurés e o nome da mansio romana dos Baños de Río Caldo, descartando as formas Oreginis / Originis como produto dunha metátese, e tomando como correcta a forma Ocerensis do Ravennate e a Tabula de Peutinger.

Pola súa parte, Edelmiro Bascuas, que traballara previamente (Bascuas, 2002) sobre a etimoloxía de O Gerês / O Xurés dende as formas medievais, como o Ugeres documentado en 1074, sen ter en conta as dos itinerarios romanos, tiña chegado á conclusión evidente de que a forma etimolóxica precisaba dun son oclusivo velar sonoro [g], pois o xordo [k] no servía: "la velar sorda [k] ante vocales anteriores se conserva como ce, ci tanto en gallego como en castellano (por ejemplo, centum > cento, cito > cedo, caelum > ceo), y con tal reconstrucción no sería posible llegar a O Gerês" (Bascuas, 2007). É dicir, do Ocerensis proposto por Guerra non é posible obter O Gerês / O Xurés.

Así, o novo óstraco [—]GERESIBV[S] dos Baños de Río Caldo, co seu clarísimo G, ven darlle a razón a don Edelmiro Bascuas, ó tempo que concorda co consonantismo da documentación medieval tipo Ugeres e cos resultados fonéticos actuais con fricativa palatal xorda (O Xurés). O investigador, doutra banda, tiña proposto como étimo último do topónimo a raíz hidronímica paleoeuropea *wegw- "húmedo, mollar", coa raíz en grao cero e sufixo -ro-.

Juan José Moralejo (Moralejo, 2009) voltara unha vez máis sobre o estado da cuestión sintetizando os seguintes puntos:

  1. é segura a relación entre as formas do topónimo segundo os itinerarios romanos e o nome da Serra do Gerês / O Xurés
  2. Rodríguez Colmenero errou ó considerar a forma Originis como a correcta, pois non é máis que unha latinización etimoloxizante
  3. o topónimo O Gerês / O Xurés, o nome da Estrada da Geira e o teónimo feminino Ocaera dun ara atopada na antedita vía de comunicación gardan relación etimolóxica entre si (Búa, 2000; Guerra, 2003; Bascuas, 2007)
  4. cecais os "Auregensium loca" de Hidacio sexan referencia a esta zona
  5. en Murguía (1866) xa aparece a conexión entre Oreginis e O Gerês, mais nos pasaxes de Murguía (1888) hai erro, pois concorda cos que reducen a mansio de Aquis Ocerensis a Ourense
Asentimos en tódolos puntos enunciados polo mestre, salvo o último.

Respecto ó 4º, consideramos, xunto co profesor Moralejo, que os montes "Auregenses" de Hidacio, ou os "Auregensium loca", son unha mención a O Gerês / O Xurés. Habida conta de que no latín vulgar adoitábase reducir o ditongo au a o (Carnoy, 1983) e que, consecuentemente, serían frecuentes as hipercorrecións en sentido inverso, non podemos asegurar cal sería o vocalismo orixinal inicial, se AU- ou O-. A peza cerámica non pode aclaralo ó estar fragmentada no inicio da palabra. En calquera caso o "Auregenses" de Hidacio é variante, tras sufrir metátese silábica dende *Augere<n>ses ou *Ogere<n>ses.

Respecto ó 5º punto, consideramos que o topónimo Ourense tamén pode provir do étimo *Augere<n>se / *Ogere<n>se, coa mesma problemática xa explicada respecto ó vocalismo inicial, e sen que esto implique levar a mansio dende Aquis Ocerensis (Os Baños de Río Caldo) a Ourense, senón que deberiamos contemplar a posibilidade de que o topónimo tivese un amplo espazo de influencia, nomeando a serra do Gerês / Xurés, unha mansión viaria, unha estrada, e a capitalidade.

O problema do vocalismo inicial ¿AU-/O-? amplíase se engadimos o medieval "vinias Augeres" (ano 1024) que menciona Bascuas entre os documentos de Celanova. Polo que aínda nos parece precipitado restituír [O]GERESIBV[S] se podería ter sido, tamén, [AV]GERESIBV[S]. Guerra explicara este "Augeres" como latinización medieval de *Ogeres, pero Bascuas non o vía posible: "dada la evolución de au > ou en gallego, la pretendida relatinización, carente de modelo, se hace incomprensible". O modelo que lle faltaba a Bascuas, que só tivo en conta o paso au > ou romance, é o paso au > o latino vulgar exemplificado na obra citada de Carnoy.

Os topónimos O Gerês / O Xurés, dun lado, e Ourense e a mención ós montes "Augerenses" de Hidacio, doutro, según temos exposto, poderían ser evolucións diverxentes dun mesmo étimo prerromano, *OCER<E>NSES, cuxo vocalismo inicial podería ter sido orixinariamente o, ou ben au logo monoptongado en o. Os casos dos montes "Augerenses" de Hidacio e do topónimo Ourense, que necesita un étimo con au inicial, sustentan a posibilidade de que estas dúas formas nos chegasen pola vía culta.

Felicitamos ós arqueólogos que están levando a cabo a campaña na mansio dos Baños do Río Caldo, esperando que este singular fragmento de cerámica coa inscrición pase canto antes ó laboratorio e á fase de estudo por parte dos especialistas. 


BIBLIOGRAFÍA

Edelmiro Bascuas (2002). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallegaVerba, anexo 51.
Edelmiro Bascuas (2007). "Aquis Ocerensis, diosa Ocaera, monte Ugeres y O Gerês: ¿*OGER- o *UGER?", Paleohispánica 7, pp. 43-54.
Juan Carlos Búa Carballo (2000): Estudio lingüístico de la teonimia lusitano-gallega. Tese de doutoramento - Universidade de Salamanca.
Albert Joseph Carnoy (1983): Le Latin d'Espagne d'après les inscriptions, Georg Olms.
Amilcar Guerra (2003). "Algumas questões de toponímia pré-romana do ocidente peninsular", Paleohispánica 3, pp. 101-112.
Juan José Moralejo (2009): "Toponimia de las vías romanas de Galicia", Paleohispánica 9, pp. 189-202.
Gonzalo Navaza (2004): "Los topónimos Acea de Ama e O Xurés", Revista Galega de Filoloxía 5, pp. 141-162.

1 comentario: