Castro de Oleiros, Toques. Microtoponimia Segureiras e Turruxeira.
Nesta análise amosamos dous nomes patrimoniais de orixe céltico relativos a elementos estructurais dos recintos fortificados da Idade do Ferro, a croa (Segureira) e o parapeito (Turruxeira).
Nomeando a croa do recinto fortificado do castro de Oleiros en Toques aparece o microtopónimo Segureiras, que procede da base céltica *SEGH-, "forte", que orixinou numerosa toponimia vencellada ás fortificacións da Idade do Ferro (Segobriga > Segovia, Segorbe; Segontia > Sigüenza; Segisamo > Sísamo, Sasamón; etc.).
Na nosa proposta interpretativa pensamos nunha equivalencia entre esta base celta e o latín securus, "certo, firme, inmune, salvo", pola relación entre o sema principal relativo á fortaleza, apropiado para un recinto fortificado, e as connotacións de seguridade e protección que se derivan desta característica construtiva.
Aproveitamos para expor que non concordamos coa redución da raíz indoeuropea *SEGH- ó concepto de "victoria" que se fornece no IEW, deducido do senso do alemán sieg, "victoria". O alemán sieg provén do latín obsidio (cfr. francés assiéger, castelán asediar, galego-portugés asexar). Neste último punto coincidimos coa etimoloxía que Roque Barcia propuxera para o castelán asediar (Diccionario etimológico general de la lengua española, 1887). Así pois, o -g do alemán seig non remite a ningún -g indoeuropeo, senón a un grupo d+iode latino. Amais, o significado da base *SEGH- do IEW (base nº 1657) non é correcto: pensamos que se deducíu erroneamente polo peso que o filoxermanismo tivo na reconstrución da lingua común indoeuropea.
En parecidos termos exprésase Xaverio Ballester: "está el problema de la más extendida y pancéltica documentación de la acepción de 'vigor' que la —más dudosa, desde luego— de 'victoria' para dicha raíz, así en antiguo irlandés seg 'fuerza, vigor', galés hy 'audaz, osado' (Delamarre, 2003: 269). La presencia del segmento en numerosos antropónimos gálicos [...] no garantiza totalmente que en el céltico histórico la raíz poseyera ese valor, probablemente nuevo, de 'victoria' " ("De Segia a Ejea", 2021).
Así pois, parécenos ter resolto o problema combinando os coñecementos da lingüística indoeuropea e da románica, e establecendo dúas raíces:
- O indoeuropeo *SEGH-, 'forza, forte', é responsable da toponimia do tipo Segisamo ( > Sísamo) e da antroponimia gala e xermana que contén este segmento.
- Do latín obsidio, "asedio, asediar", ou do celta assedi-ago (v. nota **) sairían termos como o alemán seig, o galego-portugués asexo, ou o francés assiége.
A toponimia provinte de *SEGH- alude porén a asentamentos fortificados, seguros e inexpugnables polas súas defensas. Neste caso do castro de Oleiros a existencia das mesmas, ben visibles aínda, ven refrendada polo microtopónimo Turruxeiras: base prerromana *TUR-, "elevación, montículo, túmulo de terra", que ten orixinado topónimos como Turreiro / Torreiro / Churruchao (v. Currachao / Churruchao. A Pobra, Bascoi - Mesía), os que convén diferenciar polas súas características referenciais doutros Turreiro / Torreiro / Tarroeiro (derivados de terra). Dita base *TUR- é responsable da formación de léxico vivo como turrueiro, "cembo, terramonteiro, noiro" (Dicionario de dicionarios).
__________
** Cecais o aseddi-ago da ara votiva de Mieres (Nimmedo Aseddiago) sexa cognado céltico do latín obsidio, e podería traducirse como "[adicada] ó santuario da victoria ou do asedio", sendo porén un depósito votivo nun lugar consagrado a unha victoria bélica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario