sábado, 30 de septiembre de 2023

Buxán, un derivado de buxo

O estudo e preservación dos peches ou sebes vexetais da paisaxe galega aínda é un tema pendente. Na Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (Xunta de Galiza, 2017) o espazo que se lles adica non é moito, sendo, pola contra, a súa importancia para a paisaxe galega, máxima, como destacara o xeógrafo francés Abel Bouhier na súa tese doutoramento (La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire, 1979).

Os peches vexetais conforman a chamada paisaxe de bocage, propia da Europa atlántica, segundo a nomenclatura empregada polo francés. A súa extensión ocupa grande parte da provincia da Coruña (zona rosa e verde auga clariño do mapa, na que se mestura coa paisaxe de agras). Trátase dunha tipoloxía tan peculiar e chamativa como a da paisaxe de socalcos para o cultivo da vide da Ribeira Sacra, pero completamente descoñecida. A xente non a coñece porque, polo uso de sebes vexetais, a confunde coa paisaxe natural galega. E en certa forma teñen razón: grande parte de Galicia é (ou foi) así, dende tempos tan recuados que semellaría que a súa paisaxe natural ab origine foi a dos recintos pechados con sebes vexetais. 


A abordaxe do estudo da Galicia de bocage tería que incluír evidentemente as especies vexetais seleccionadas para facer os peches tradicionais, o modo de dispoñelas, os modelos de dispersión xeográfica (se hai tendencia a usar unhas ou outras especies segundo a zona), clasificación funcional dos recintos valados con sebes vexetais, outros aproveitamentos das especies vexetais seleccionadas (usos alimentarios, madeira para combustible, etc.). No estudo tería que se destacar a importante contribución á biodiversidade da paisaxe de bocage. Complementariamente, un estudo da toponimia podería reforzar o de dispersión xeográfica e ata descubrir que no pasado a paisaxe de sebes vexetais, tivo unha extensión maior tal e como supoñía Bouhier.

Para o caso do topónimo Buxán, que normalmente se considera un derivado do antropónimo Busianus, nós pensamos que é un derivado de buxo (Buxus sempervirens). As formas femininas en -án, como amosara Constantino García ("Resultados del sufijo -ANA en gallego", Verba, 1975), son propias do galego do bloque occidental: así do latín medium > meán (Vilameán, vila que está no medio). Un destes femininos en -ÁN sería por exemplo o Buxán de Coristanco (Seavia), próximo precisamente doutros feminos en -ÁN como Vilameán (Seavia) e Silván (Erbecedo). O fitotopónimo Buxán aludiría a unha vila pechada por sebes de buxo, como Silván a unha vila na silva (latín silva = bosque, mato).

Máis difícil é o Buxán de San Pedro de Bande (Ourense), lixeiramente fora do bloque do galego occidental (femininos en -ÁN), pero que no pasado puido ser parte del. Mais este non é o único inconveniente, xa que Ourense queda hoxe completamente á marxe da xeografía do bocage galego que deseñara Bouhier. Tería a paisaxe de bocage unha dispersión case que absoluta pola nosa xeografía?

Castro de Buxán (San Pedro de Bande). O microtopónimo Castro do parcelario garante que a orixe de Buxán é un antigo recinto habitacional da Idade do Ferro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario