martes, 24 de octubre de 2023

Samaín e o veranciño de San Martiño

Relevo de San Martiño partindo a súa capa co pobre - mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela. (C) 1000 Lugares en Galicia.

Conta a lenda que o chamado Verao de San Martiño, o periodo cálido que comeza polo San Martiño (11 de novembro) e dura só uns días, se debe ó santo, que partiu a súa capa en dúas mitades, dándolle unha a un pobre aterido de frío. O efecto foi, evidentemente, que o pobre queceu. A miragre repetiríase periódicamente nestas datas nas que a temperatura aumenta e semella que San Martiño parte a súa capa con todos nós. Existen variantes da lenda, nas que pode intervir Deus, pero non imos profundirzar nelas pois o que nos interesa agora é só que no mes de novembro hai un verao vencellado a San Martiño.

Para a etimoloxía do nome da festa do Samhain irlandés, que cae como o seu nome indica no mes de novembro (samhna = novembro) unha das hipóteses con máis fundamento é a base indoeuropea sem-3 (Pokorny) da que sairían supostamente o nome do mes de Samonios galo (calendario de Coligny) que inauguraba o ano do calendario celta, mailo inglés summer, "verao".

Mais di Koch que non se entende, ou non está claro, por que unha festividade do calendario que marca o inicio do inverno (e do ano céltico) ía denominarse cunha palabra Samhain / Samonios que significaba verao. Certo é que non se entende, a non ser que teñamos en conta que no mes de novembro hai, efectivamente, un verao, o que chamamos aquí Veranciño de San Martiño.

A lenda de San Martiño partindo a súa capa é coñecida na Irlanda. Na base de datos dúchas.ie, na School Collection (1930), a nena Áine Ní Fhágharta, de Galway, cóntaa no seu traballo "Oíche Fhéile Mártain", no que desenvolve outras tradicións significativas da data da festa de San Martiño, como a de sacrificar algún animal (aves, porcos, vacas) cuxo sangue logo é derramado polas esquinas da casa para protexela, sacrificio que sen dúbida hai que vinculalo á nosa matanza do porco polo San Martiño.

Logo o San Martiño irlandés tamén aparece vencellado ó verao; na narración da nena de Galway lígase a data da véspera do San Martiño, que cae "ar an deicmheadh lá dé mí na Shamna" (o décimo día de novembro) coa lenda da capa do santo, que explica o aumento das temperaturas do chamado Veranciño (de San Martiño).

Ademais, é que antigamente a data da festa do San Martiño irlandés era considerada a data auténtica do Samhain - Halloween:

  • "Long ago St Martin's Day was known as Old Hallow Eve" ("St Martin's Day" - Schools' Collection, 1930)
  • "Saint Martin's day is on 11th of November every year. It is also called Old Hallowe'en" ("St Martin Day" - Schools' Collection, 1930).
  • "We happened to be out fishing on Martin's Night, or as it's called Old Hallow Eve" (Joe McGowan, Sligo Folk Tales, 2015).
A anticipación de 10 días actual débese ó cambio do calendario juliano polo gregoriano, que se produciu no ano 1582, polo que en algún caso as festas aparecen desdobradas, como é o caso do Samhain - Halloween - Véspera de Defuntos (Noite de Ánimas) do 31 de outubro e doutra banda o Oíche Fhéile Mártain - San Martiño do 10 ou 11 de novembro, que era o antigo Samhain ou Veranciño (de San Martiño).

Esperamos ter probada a relación do termo samhain céltico co verao, así como a relevancia da festividade de San Martiño, coas súas tradicións (matanza do porco, magostos, lumeiradas, etc.) como continuación cristianizada desta importante data do calendario celta.

Seguramente samhain sexa un diminutivo de samhna, "verao", logo ampliado o seu significado para designar todo o mes de novembro, como ocorre na Galicia e Portugal, lugares nos que San Martiño ou mes de San Martiño son empregados como sinónimos de novembro.

___________________________________________

Bibliografía sobre os veranciños na Europa: "El concepto de veranillo en Europa. Ensayo semántico-motivacional", Gargallo Gil e Ruiz-Zorrilla Cruzate.

No hay comentarios:

Publicar un comentario