lunes, 30 de octubre de 2023

Infanticidios rituais no samhain irlandés

Jacquelin Borsje negara a existencia de infanticidios rituais na Irlanda precristiana polo samhain, a pesares de que un texto medieval fala deles. Trátase da dindshenchas de Magh Slécht, onde se explica en forma de lenda a orixe do topónimo Magh Slécht. O texto do século XII conta que anualmente a véspera de samhain se ofrecían ó principal ídolo (ríg-ídal) de Irlanda chamado Crom Croich (outra versión do nome é Ceancroithi = figura ou estatua principal):

  • cétgeine cacha sotha = os primeiros froitos de cada colleita, e máis
  • primgene cacha cloinde = os primoxénitos de cada clan

Logo verquían o sangue dos nenos degolados ó redor do ídolo pedíndolle leite e gran a cambio do sacrificio.

Para Borsje o relato non sería certo; teríase inspirado na pasaxe bíblica na que os cananeos ofrecían sacrificios de nenos a Moloch, e comenta que aínda que a festividade de samhain está conectada con moitas tradicións, en ningunha se mencionan os sacrificios humáns - salvo na dindshechas de Magh Slécht (Borsje, "Human sacrifice in medieval Irish literature", en Bremmer (ed.), The strange world of human sacrifice, 2007).

Alejandro Rodríguez de la Peña non comparte a explicación de Borsje alegando que o ritual cananeo ten pouco que ver co descrito na dindshenchas de Magh Slécht, e que o argumento ex silentio, é dicir, o feito de que non haxa máis casos documentados, non constitúe proba en contra da súa existencia (Iniquidad: el nacimiento del estado y la crueldad social en las primeras civilizaciones, 2023).

Pero tras recolocar correctamente no calendario a festividade de samhain na véspera do día de San Martiño (11 de novembro), e tras comprobar que dita data era a auténtica Old Hallows's Eve (cfr. Samaín e o veranciño de San Martiño, Arqueotoponimia 2023) podemos comprobar que moitas das tradicións recollidas en The Schools's Collection (dúchas.ie) tratan o asunto dos infanticidios rituais na véspera do San Martiño (o verdadeiro samhain ou Old Hallow's Eve).

Na Irlanda cristiana nesta data, e ata fai un século, era obrigado facer un sacrificio en honor a San Martiño, para o que tradicionalmente se degolaba un porco, unha ovella, un ave (gansos, galiñas) ou o animal da granxa que se tivera a man. O sacrificio había que o facer na pedra da lareira, e a continuación verter o sangue nas catro esquinas da casa, na entrada e na corte; con el se facía unha cruz trala porta de entrada e outra na fronte dos membros da familia. Podíase gardar un pequeno anaco de tea ou lá impregnada co sangue, para frotar logo con ela algunha zona do corpo dorida ou un animal doente, pois existía a superstición de que ese sangue tiña propiedades curativas. O sangue así verquido garantía a riqueza e boa fortuna do fogar, o gando veríase incrementado.

No medio das case dúas centenas de composicións escritas polos nenos irlandeses no 1930, que recollen as tradicións de Lá Fhéile Mártain, hai varias que falan dos sacrificios infantís e de verter sangue humano:

  1. Domhnall Pléamonn recolle do seu avó, de 80 anos de idade un conto sobre unha muller que non tiña ningún animal para sacrificar en honor de San Martiño, só o seu bebé no berce; entón derramou o sangue do neno. Dito sacrificio foi tan grato a Deus que lle devolveu o neno con vida, facendo del un gran home (traducido do gaélico - "Lá Fhéile Mártain").
  2. Micheál C. da Burca conta unha historia na que a nova muller dun granxeiro, co que acaba de ter un neno, non quere matar o porco polo San Martiño, tal e como adoitaba facer sempre o home. Amáis, trataba moi mal ó fillo da anterior muller. O fillastro, facéndose pasar por San Martiño, ameaza á madrasta con que ou ben sacrifica ó animal, ou el mesmo (San Martiño) matará ó seu fillo recén nado (traducido do gaélico - "Féile Mhártain").
  3. Annie M. Reilly recolle do seu avó Patrick Reilly, de 87 anos, a historia dunha muller que non tiña nada para matar na véspera do día de San Martiño, e que entón tiña que matar o seu propio fillo, mais unha veciña deulle un ganso para que o sacrificase no canto do neno (traducido do inglés - "St Martin's Day").
  4. Noutra historia un home que non tiña ningún animal para sacrificar a San Martiño decídese a matar ó fillo pequeno, mais escoita una voz que lle indica que mire tras el e milagrosamente ve unha ovella, que logo é sacrificada no canto do fillo (Seán Ó Maolchaoine, "Lá Féile Naomh Máirtín").
  5. O costume de se cortar un dedo e deixar que o sangue fluíse ata acadar a cantidade necesaria para a lustratio do fogar tamén se documenta tanto nas redaccións en gaélico como nas inglesas: "There was a man one time and when St Martin's night came... it was a custom to kill a cock but he had none, so instead he put three cuts on his finger" (recollido por Mary Murphy de Mrs. Julia Kelly, de 70 anos - "St Martin and St Michael").
  6. "If the people had not any fowl or small animal [...] from which to draw the blood, they would prick some part of their bodies, generally the finger, and allow the blood to flow" (Ellie Scanlan, "St. Martin's Night").
  7. Patrick Glynn cóntalle á súa filla ou neta Tessie que o costume de sacrificar un animal e esparexer o sangue na casa ven da captividade dos xudeus: Deus dixéralles que mataran un cordeiro e marcaran co sangue as portas das casas para que o anxo da morte non entrase nelas; así o fillo maior salvaríase de morrer (traducido do inglés - "The Feast of St. Martin").
Podemos quedar coa idea de que son contos que nunca ocorreron, e facer como Borsje: neste caso as tradicións recollidas polos nenos das escolas irlandesas de principios do século pasado poderían estar influídas polo episodio bíblico do Éxodo (12-13: A décima plaga e a morte dos primoxénitos), tal e como lle conta Patrick Glynn á súa neta... Mais vese en varios relatos que o sacrificio do animal a San Martiño aparece como un sacrifico vicario, que ven substituír o sacrificio dun neno, asunto que non está presente no episodio bíblico do Éxodo. O asunto do sacrificio humano asoma tamén no feito de que o propio sangue, aínda que sexa procedente dun pinchazo nun dedo, é claramente aceptado como sacrificio a San Martiño.

Sacrificio de Isaac. Caravaggio - 1603.

Supoñemos, porén, que si houbo infanticidios rituais na Irlanda precristiana, é dicir, sacrificios humáns de nenos, cando menos ó deus máis importante do panteón irlandés (Dagda?) durante o samhain, a cambio de obter boas colleitas e gando fecundo (leite), tal e como se conta na dindshenchas de Mag Slécht e pervive nas tradicións orais recollidas en The School's Collection (1930). Coa cristianización da illa remataría esta perversidade ("muerte ritual" disque), pois San Martiño, ó que lle incumbe logo o día do samhain unha vez destruído o deus do panteón pagano, preséntase sempre como salvador dos nenos, ben facendo aparecer milagrosamente unha ovella como víctima vicaria, ben facendo que unha veciña entregue un ganso como substituto, ou incluso devolvéndolle a vida milagrosamente ó neno sacrificado no seu día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario