domingo, 12 de noviembre de 2023

As representacións de Don Juan e outras prácticas lúdico-macabras por Tódolos Santos / Defuntos e Noite de Ánimas

Gastronomía tétrica


Anuncio ferrolano de encargas de ósos de santo e buñuelos para Tódolos Santos e Defuntos; tamén baixo el, outro de aluguer de farois para engalanar os nichos do cemiterio - El Correo Gallego, 20/10/1878.

Non é correcta a información que se atopa en Internet respecto a que a receita dos ósos de santo xa viña no libro de cociña de Montiño (Arte de cocina, 1611). Na obra de Montiño, o que por certo foi o responsable de asar por vez primeira a manteiga, ven a receita dos buñuelos de vento, sen remitilos a ningunha celebración específica, pero non a dos ósos de santo. É na obra Guía del buen comer en España (1929) de Dionisio Montes, onde se fala dos buñuelos de vento dicindo que se fan "para conmemorar a todos los santos y a todos los muertos en los primeros días de noviembre", cita que chegou a se lle atribuír a Montiño. Na mesma obra de Montes apórtase o seguinte e importantísimo dato: "los acompañan desde hace unas décadas, y no antes, un dulcecillo llamado huesos de santos".

Anuncios de confiterías madrileñas nos que se ofrecen Panecillos de Todos los Santos e Huesos de Muerto (El Avisador, 1/11/1843), xunto con caixas ou ataúdes a moi bo prezo.

Os primeiros anuncios madrileños aluden ós "Panecillos de Todos los Santos al estilo de Barcelona" (El Diario de Madrid, 1/11/1815), polo que é clara a referencia ós panellets cataláns, dos que derivarían os ósos de santo.

O pan de mortos fora costume antiquísima cuxo consumo xa se indicaba nas disposicións do Concilio de Coyanza (ano 1055 - León) nos convivia defunctorum: "sic panem defuncti comedant". Os convivia cos defuntos ou mortuorum collaciones (ano 1136 Santa Mª de Sar) entroncan cos prandia ad defunctorum prohibidos no Concilio Bracaranse (ano 572): "non lles é lícito ós cristianos levar alimentos ós sepulcros dos defuntos". Segundo Xosé Mª Sánchez Sánchez ("Los banquetes funerarios en la Galicia medieval", 2023) sería costume de orixe pagana que remite ós banquetes fúnebres das Parentalia romanas, reflictida logo no refrigerium do primitivo cristianismo, que a tería adoptado dos cultos previos. Do pan de mortos (panem defuncti) teríase derivado segundo pensamos o pan de muerto mexicano, que chegaría coa colonización española do continente.

Aínda que cunha historia milenaria ó entroncar co pan de mortos vía os panellets, os ósos de santo (con forma de falanxe da man, dunha reliquia típica) son, polo tanto, repostería moderna e certamente truculenta ("lúgubre golosina", que decía Emilia Pardo Bazán*), propia das datas de Defuntos. A súa primeira documentación nos anuncios das pastelerías galegas atopámola en Ferrol, no ano 1878, cinco décadas antes de que Dionisio Montes falase deles aclarando que non tiñan moito percorrido na súa existencia. Albiscamos porén que a finais do século XIX xeralízase esta moda gastronómica asociada ás festas cristianas de Tódolos Santos / Defuntos, coa que se potencia o aspecto lúdico-macabro da celebración, xa que unha ten a impresión de que se está a comer os mortos (tanto polo nome como pola forma do doce). Como imos ver, este aspecto macabro xa estaba presente noutros elementos da festa.


Rirse do medo á morte: disfraces de pantasmas e elaboración de calaveiras de cabaza


Na Noite de Ánimas, véspera de Defuntos, adoitábase esporádicamente gastarlle algunha broma tétrica ós despistados. Ditas diversións consistían básicamente en se vestir de pantasma ou morto cunha saba branca, que imitaba o sudario dos defuntos, ou ben en valeirar unha cabaza, facerlle ollos e boca e chantarlle unha candea acesa no interior, co fin de imitar a calaveira dun morto. Evidentemente esta celebración de Defuntos na que se honraba a memoria dos nosos mortos prestábase a este tipo de brincadeiras macabras, pois o mundo dos mortos sempre produciu moito respeto.

Valentina Lago-Valladares conta por exemplo no seu relato de medo "La noche de Ánimas" (La Correspondencia Gallega: Diario de Pontevedra, 2/11/1907) como catro mozos disfrazados con sudarios se lle apareceran no camiño do cemiterio ó tío Serafín, home que xa enviuvara por catro veces, cando este ía ver á súa quinta prometida na noite de Ánimas. Ignorando a prevención de non saír despois do toque de oración, pois era crenza popular que entón os mortos levantábanse das tumbas e saían en procesión (A Santa Compaña), o tío Serafín caiu fulminado pola impresión, pensando que os mozos vestidos de mortos cos sudarios eran as pantasmas das súas catro mulleres que ían maldecilo.

Do valeirado de cabazas (chamadas melóns) para facer calaveiras temos moita documentación grazas ó labor de recuperación que iniciara Rafael López Loureiro. É unha tradición que se extende por toda Europa. En Francia na rexión de Valonia a véspera de Tódolos Santos os nenos valeiraban unha remolacha ou unha cabaza, na que logo facían buracos que semellaban os ollos, o nariz e a boca; colocaban unha candea acesa no interior e improvisaban unha calaveira, que colocaban á beira do camiño, pedindo unha moneda polas almas (Dewert, Haust, Harou e Monseur: "Croyances et coutumes relatives à la mort", Bulletin de Folklore, 1891).

Na selección de Contos galegos de tradición oral, de Camiño Noia Campos, co título "A alma do defunto", a informante narra unha historia no ano 1999 remontándoa a "os tempos de antes, xa hai tempo". No relato vese que a cabaza fora transformada nunha calaveira co obxectivo lúdico de aterrorizar a algún incauto: "[...] cando iban no camiño viron unha calavera, así alí nun sitio dunha revolta [...] a xente de alí xa sabía que eso fora posto pra un mozo que tiña medo e que era un cabazo cunha vela. Pero o cura non sabía nada [...] e cheghou alí ó sitio donde a viu e mandou parar co cadávere e dixo: Aquí vou rezar un padrenuestro, que aquí vimos onte unha calavera que debía querer algho".

O señor Pepe do Curro (veciño de Carral, de 97 anos de idade), avó de Manuel Ruibal, tamén lembra como os nenos e os mozos facían as calaveiras de cabaza tan pronto como chegaba o tempo dos melóns. Cortábanlle a tapa, valeirábana e facíanlle uns triángulos para os ollos, e logo a boca, a continuación colocaban a candea acesa no interior e voltaban poñer a tapa. O obxectivo era deixala nun camiño e propagar a idea de que morrera alguén, para logo comentar que o defunto aparecera no sitio no que se tiña colocado a calaveira de cabaza.

As representacións obrigadas do Don Juan Tenorio por Defuntos


Como a emisión da película Ben-Hur por Semana Santa, a obra teatral Don Juan Tenorio (preferentemente a versión de Zorrilla) chegou a ser obrigada nos teatros españois nas datas de Tódolos Santos / Defuntos. Como mostra delo temos a pasmosa crónica dun tal Pío Cid ("El eterno Don Juan", Acción Coruñesa, 7/11/1921): "todos los años por estos primeros días de Noviembre, se pone nuevamente en escena esa obra, la más popular y también la peor de las que escribió don José Zorrilla. No conocemos el por qué de la tradicional costumbre que asocia el "Don Juan" a la conmemoración de los Fieles Difuntos y a las primeras castañas, ni el saberlo nos importa gran cosa".


A nós, amais de nos chamar moito a atención a fachenda do tal Pío Cid, que se congratula da súa ignorancia, si que nos importa afondar nos motivos da obrigada representación por Defuntos do Don Juan Tenorio (1844) de Zorrilla, e antes dela, o de Antonio de Zamora (máis fiel á primeira versión de Tirso de Molina), No hay plazo que no se cumpla ni deuda que no se pague y Convidado de Piedra; documentámola en cartel por Defuntos no ano de 1830 (Diario de avisos de Madrid, 1/11/1830). Descoñecemos se a primeira versión do Don Juan, que se atribúe a Tirso de Molina, El burlador de Sevilla y Convidado de Piedra (1630), tamén fora obxecto de representacións nestas datas de honra ós mortos.

Diario de avisos de Madrid, 1/11/1830 anunciando a representación do Don Juan de Zamora.

Está claro para calquera que lese ou vise ditas obras teatrais que o motivo da súa elección para seren representadas nas datas sinaladas é o tema central: o do morto vivente que sae da súa tumba para asistir a unha cea, convidado polo vivo que lle falta ó respeto debido ó defunto, e a invitación de volta, o morto convidando ó vivo a cear no cementerio con el (no Inferno). Dito tema central adoita pasar desapercibido, oculto pola proxección do personaxe do Tenorio, pola figura do seductor empedernido que tanto deu que pensar ós psiquiatras modernos (¿inmaduro, narcisista, afeminado, impotente?). O tema central resulta, pois, moi acaído para Defuntos, en cuxa véspera (Noite de Ánimas), según crenza tradicional, os mortos saían das súas tumbas.

Moitos foron os filólogos que notaron que a obra teatral de Tirso de Molina El burlador de Sevilla y Convidado de Piedra, e por ende tódalas que se basearon nela, como o Don Juan de Zorrilla, é un desenvolvemento literario dunha lenda popular que se atopa en forma de romance e tamén en narracións orais, que adoita denominarse "A calaveira convidada" ou ben, tratándose dos romances peninsulares, "Os romances de Don Galán", pois é como adoita chamarse ou se califica ó personaxe do mozo destemido neles: "Camiñaba don Galán para a misa de Cuaresma" (recollido por Said Armesto en Cenlle - Ourense, no 1903: La leyenda de Don Juan, 1908). Os contos e mailos romances pertencen ó tipo "The offended skull" (ATU 470A), é dicir, "A calaveira ofendida", do índice de Aarne, Thompson e Uther.

Antes de pasar a analizar a lenda da calaveira convidada no noroeste peninsular, que semella que foi a base da que partiu Tirso para crear O burlador de Sevilla y Convidado de Piedra, cumpre amosar que noutras comunidades o conto adopta un aspecto lixeiramente distinto, o que non se presta a establecer estas variantes como fontes da obra teatral, ó faltar elementos esenciais presentes na mesma.

O caso dunha versión catalana contada por Vidal y Planas ("Luciérnagas de la gran noche. Una anécdota espiritualista de mi infancia", El Heraldo de Madrid, 18/12/1934) é especialmente relevante ó incluír unha cabaza valeirada no papel da calaveira do defunto, o que amosaría de paso a antigüidade do costume do valeirado de cabazas (ou tubérculo equivalente) para facer calaveiras, ó se integrar no rol do defunto nunha lenda tan antiga e universal. A narración comeza cun preámbulo: "Los grandes asustaban a los chicos poniendo al anochecer calaveras "luminosas" en los bordes de las tapias. Consistían esas calaveras en calabazas vacías, del tamaño de un cráneo, con agujeros simulando los huecos de los ojos, de la nariz y de la boca desdentada. Y dentro, un cabo de vela encendida. Los chicos, al verlas, llorábamos de terror". A avoa do narrador indica, a propósito destas "bromas fúnebres": "¡No sé cómo se atreven a jugar con la Muerte!... Una vez, siendo yo niña, la Muerte ¡bien que se vengó de uno que ponía en los tapiales calaveras de esas que son calabazas!". A historia que conta a señora ó neto é, básicamente, que un mozo puxera unha destas cabazas valeirada en forma de calaveira nunha tapia, cunha candea prendida no interior, botando luz dos ollos para "asustar así a los chicos a costa de una cosa tan grave como es la Muerte". O mozo logo foise para a súa casa e deitouse, quedando durmido ata que un incendio o despertou. No chan, ó pé da cama viu a calaveira que el encendera. Fora ela quen prendera lume na colcha. Faloulle así ó mozo: "¡he sido yo quien ha causado este incendio! ¡para que no vuelvas a jugar con la Muerte!". Logo anuncioulle que no prazo de tres días o esperaba no Inferno, e foi que ós tres días o mozo morreu.

Noutra versión bretona moi interesante, conservada nunha canción popular con datación interna na propia canción (s. XV), os mozos disfrázanse con peles de animais e cornos durante o Carnaval, e un deles cun cráneo humano que colle no cemiterio e colococa sobre a súa cabeza, cunhas candeas iluminando os ocos dos ollos. Así corren polo pobo aterrorizando á xente. Finalmente o mozo volta coa calaveira a depositala no cemiterio e invítaa a cear ó día seguinte. Cando a Morte se presenta á noite seguinte a cear, o xoven cae ó chan do susto e rompe a crisma ("Ened Rosporden" ou "O Carnaval de Rosporden"). Dita lenda amosaría ó noso xuízo que antes de utilizarse as cabazas (ou nabos, ou remolachas) para tallar calaveiras, usáronse cráneos humanos auténticos.

Segundo Said Armesto (op. cit. px. 130), na lenda europea da calaveira convidada o punto común entre case tódalas versións (e a obra teatral de Don Juan) é o extraño convite ó morto a cear na casa do vivo, ocorrencia inexplicable se non se liga ó rito que comentamos no primeiro apartado desta entrada, ó dos prandia ad defunctorum - refrigerium - convivia defunctorum, que o bispo Antonio de Guevara aínda andaba a criticar e prohibir en Galicia nunha data tan avanzada como o século XVI ("en los mortuorios y en el día de los finados comen y beben y ponen mesa dentro de las iglesias"). O costume era común a moitos pobos da antigüidade e estaba vencellado ó culto ós antepasados, e sobre todo, á crenza en que os mortos senten fame, unha fame insaciable que nos contos se pon de manifesto de moitas formas: é insaciable porque a comida segundo entra vai saíndo, ó non ter estómago; os banquetes descríbense como pantagruélicos; etc. No estudo de Said Armesto sobre Don Juan recóllense exemplos abundantes, como o de Paradela (O Bolo - Ourense):

¡Tengo hambre, hambre tengo
y a tus bodas vengo!


O pan fora o alimento fundamental dos mortos, como o é dos vivos: o pan de mortos (o panem defuncti de Coyanza). O bara an anaon aínda se fabrica en Bretaña por Defuntos, e ten a súa explicación na crenza en que os mortos prolongan a súa vida no Alén (Ch. Le Goffic: L'Âme Bretonne, 2011). Os defuntos, se non teñen outro alimento a man, adoitan devorar ós vivos (segundo crenza popular), e delo fornécense moitos exemplos do folklore europeo no estudo de Don Juan de Said Armesto: na versión que recollera en Paradela (O Bolo - Ourense) a calaveira chega a trabar no mozo como se o quixese devorar. Semella que os mortos teñen tendenzas caníbales... Supoñemos que esta crenza nos mortos antropófagos influiu aportando este risco que caracteriza ós mortos viventes creados polo director de cine George A. Romero, americano de orixe galega.

No que non afonda Said Armesto no seu estudo é por que o convite ó defunto considérase, no conto / lenda da calaveira convidada, unha falta de respecto ó defunto. Na nosa opinión esta interpretación negativa do convite fúnebre cadra co intento da Igrexa de erradicar o costume do banquete funerario entre vivos e mortos, que xa no Concilio Bracarense (s. VI) tentárase extinguir. É dicir, a perspectiva segundo a cal os tradicionais, e paganos, prandia ad defunctorum son unha ofensa á Morte ou ós defuntos, só pode proceder da Igrexa e indicaría que a lenda formouse coa intención de corrixir ó pobo mediante o medo; sendo polo tanto posterior ó establecemento do cristianismo na península. A lenda obedece ás mesmas intencións que a lección do Concilio Bracarense contraria ós prandia ad defunctorum. Trátase porén dunha lenda terrorífica de ultratumba de orixe cristiano.

Antecedentes lendarios do Don Juan no noroeste peninsular


No que respecta á lenda da calaveira ofendida que puido usar Tirso de Molina como esquema ou guión para a súa obra teatral temos a seguridade, tralo traballo de Said Armesto, de que foi unha das lendas peninsulares que se atopan dende a provincia de Burgos á vila de Trujillo (Extremadura leonesa), norte e centro de Portugal, Zamora, León, Galicia e cornisa cantábrica (Cantabria, Asturias), é dicir, no triángulo noroccidental da península. Xa resulta máis difícil precisar a orixe exacta, pero semella que os romances burgaleses, segundo Armando Cintra ("El motivo del convidado difunto", 2020), levarían as de gañar, pois son os únicos nos que o morto vivente se presenta, como no libreto teatral, en forma de estatua de pedra, pola estreita asociación coas figuracións dos defuntos esculpidos en pedra nos sepulcros medievais ou moimentos funerarios das igrexas.

Non obstante, Teófilo Braga recollera en Sardoal un relato oral dunha estatua funeraria convidada a cear ("A estatua que come"), o que dá conta da extensión do motivo da estatua como figuración do defunto, e, o que é máis importante, nos romances burgaleses o mozo ou cabaleiro que prefigura a Don Juan non vai caracterizado aínda como galán, como no romance de Cenlle (Ourense) recollido por Said Armesto. Podería ter coñecido Tirso varios destes romances, e usalos na elaboración da súa obra teatral?

En la corte de Madrid va un caballero a la iglesia.
Más va por ver a su dama que no por ver las completas.
Está arrimado a un difunto que está vestido de piedra.
Tira de barba y cabello, le dice de esta manera:
¿No te acuerdas capitán cuando estabas en la guerra,
fundando batallas y armando fuertes banderas?
Pues ahora te ves aquí con este bulto de piedra.
Yo te convido a cenar una noche a la mi mesa.
(recogida por Narciso Alonso Cortés en 1905, Valle de Valenzuela y Revilla Vallejera - Burgos)

Camiñaba don Galán para misa de Cuaresma
non por devoción da misa, nin por otra que tuviera; 
Iba por mirar las damas que salían de la iglesia.
Na porta do Camposanto encontró una calavera
que seus dentes lle griñaba como si de él se riera.
Don Galán cand'a mirou, un-a patada lle dera.
Calavera, eu te convido esta noite á miña cena.
(1903, Cenlle - Ourense)

Nestes aspectos lúdicos que vimos de comentar, nos doces lúgubres en forma de óso, nas bromas macabras cos disfraces de defunto ensabanado vagando polo cemiterio e as cabazas emulando calaveiras nos muros, nos contos de medo na prensa, nas terroríficas representacións do Tenorio cos seus mortos viventes (baseados nunha lenda tradicional), albiscábase xa, no século XIX, unha tendencia endóxena a percibir as datas de Defuntos como festividade tétrica propicia, non só para a honra dos nosos mortos, senón para as diversións que producen os medos de ultratumba, cunha evolución propia que se cortou de raíz coa introducción comercial e masiva do Halloween americano, semellante pero alleo.  
______________________________________________

* "La vida contemporánea" (La Ilustración Artística, 31/10/1898).

No hay comentarios:

Publicar un comentario