lunes, 13 de noviembre de 2023

Anella e Anellada

 

Terras denominadas Anellada, xunto do río Xuvia ó seu paso por Ramil (San Sadurniño).

Anellada semella, pola súa situación, un derivado do latín amnicula, "ribeiriña", á súa vez derivado diminutivo de amnem, "río". O topónimo aludiría a un conxunto de terras situadas xunto da ribeira dun río. A forma Anella, procedente directamente do diminutivo latino amnicula, tamén se atopa fosilizada na toponimia.

Anellas xunto ó Rego de Velín en San Pedro de Oza.

Nalgúns dicionarios recóllese a forma masculina anello como "pasteiro permanente, que non se sementa", "lameiro", "prado, pastizal", "poulo", o que na nosa opinión reforza a etimoloxía proposta dende o latín amnem, pois dá idea da grande cantidade de auga que precisan estes herbais para o gando; unha mesma motivación prodúcese no caso do sustantivo poulo, "prado, pasteiro", que xa tiñamos analizado como procedente do hidrónimo latino paludem, "pantano" (v. Poulo, Arqueotoponimia, 2019), e no caso de lameiro, "pastizal", provinte do hidrónimo prerromano lama.

Así pois, Anella e Anellada teñen como referente terras ribeireñas inundables aptas para pasteiros (anellos < amniculum). O étimo será pois o latín amnem, "río". 

Non se descarta que de formas en xenitivo de relación como Anelhe (Chaves - Portugal) se teñan formado, por fonética sintáctica ou falso corte do a etimolóxico por confusión co artigo feminino, topónimos como Nelle ou Nelhe. Ex.: Campo d'Anelhe -> Campo de Nelhe.

2 comentarios:

  1. E Anllo virá de Anello en vez de Ángulo?

    ResponderEliminar
  2. É que hai que ter en conta o acento, que sempre se mantén, amnículum daría anéllo, e dificilmente pode caer (perderse) a vocal tónica de anéllo para dar Anllo.

    ResponderEliminar