miércoles, 27 de diciembre de 2023

Ricovanca, Ricovo e Ricovelo. De Covanca a Cuenca.

Unha das formas que pode adoptar o resultado romance do latín rivu > río, ó aparecer en composición, é ri-. Hai algunha máis, como rei (Regueiro de Reicobo - Pantón) ou ro- (Río Romeán - O Corgo). Para simplificar partimos de que proceden en última instancia do latín rivu, mais tamén sería posible considerar que pertencen ó substrato prerromano (cfr. REUMIRO), que tería termos semellantes ó latín ó proceder as linguas dun fondo común indoeuropeo.

Das formas compostas, Ricovo (O Saviñao), Ricovelo (San Cristobo de Cea) e Ricovanca (A Lama e Beariz), todos eles topónimos da provincia de Ourense, os dous primeiros non presentan problemas etimolóxicos, pois aínda son bastante transparentes, e na documentación medieval consérvanse as frases das que proceden.

En composición co nome latino covus / cavus, "oco", probablemente en referencia ó cauce excavado do río:

ano 742: "Rivo Covo" (Caaveiro)

ano 974: "Rio Covo" (Celanova)

ano 1065: "Riocovo" (A Coruña)

ano 1213: "Riuulo Covo" (Oia)

E combinado coa forma diminutiva do mesmo étimo:

ano 945: "Rio Covello" (Sobrado)

ano 1102: "Rivulo Covelo" (Caaveiro)

ano 1207: "Rivulo Covelo" (Asadur)

Bastante máis complexo é o caso de Ricovanca, pois só conservamos unha forma antiga moi semellante á actual:

"per Mestas de Ricouuanca" (ano 1159 - Armenteira)

Os dous Ricovanca de A Lama e Beariz sitúanse á beira do Verdugo, sobre o lugar de Reconco, topónimo tamén de orixe hidronímica (forma re- prefixada) que conten como segundo elemento conco procedente do latín concavus, "conco, cóncavo". Reconco é, polo tanto, semánticamente o mesmo que Ricovo.

Sostemos porén que Ricovanca pode explicarse como hidrónimo composto pola forma ri- prefixada, procedente de río < rivu, máis *COVANCA, procedente do latín vulgar conca (concava), en referencia á conca ou cavidade que ocupa o río, ó leito do río.

A forma latino-vulgar tería experimentado unha diptongación *Coanca, que o galego rexeita, e evita coa epéntese dunha wau, *Cowanca > Covanca. O mesmo fenómeno produciríase no ámbito leonés no caso do topónimo histórico Coianca, que semella ter desenvolto unha iode para evitar a diptongación de *Coanca < Conca (fronte á forma castelá do topónimo homólogo Cuenca, lingua que diptonga e tolera ben estes fenómenos).

Ri-Covanca (A Lama e Beariz) é porén homólogo do leonés Covianca (569) - Coanca 908 - Coianka 905, e do castelán Cuenca, que aparece grafada como Quwanqa polos xeógrafos árabes do século XIII, reflictindo o que sería aínda a pronuncia popular do topónimo (Chavarría Vargas, "A propósito de Madina Qunka / Quwanqa (Cuenca). El étimo latino conca /  concha en la toponimia romance de Al-Andalus", 2003). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario